Sete para catro


Coa goleada ante o Silva, o Compos recurtou diferenzas con respecto aos equipos da promoción de ascenso. O soño continúa e, a falta de nove xornadas para o final da tempada regular, o equipo volve coller o tren con opcións a unha promoción na que agora mesmo estaría o Arousa e non o Racing Vilalbés, que sorprendeu caendo ante o Bergantiños en A Magdalena na que foi a primeira derrota do equipo lugués na casa no que vai de tempada. 
A primeira xornada con cheiro a final rematou da maneira máis positiva para o equipo da capital de Galiza. Os tres puntos non só quedaron en San Lázaro senón que ademais o fixeron grazas a unha goleada que non se vía nun partido oficial do Compos dende 2013, cando superou ao Zamora por catro goles de diferenza. O Silva ademais chegaba en forma logo de gañar cinco partidos consecutivos e igualado a puntos coa Esedé, polo que o partido tiña aínda máis importancia.

Boa xornada.
Por sorte, o resto da xornada acompañou un pouco aos intereses branquiazuis comezando pola vitoria do Deportivo B sobre o Cerceda. O filial coruñés non mostrou piedade e superou ao terceiro clasificado con dous goles ao final do primeiro e do segundo tempo respectivamente. 
Un punto foi o que puido sumar o Rápido de Bouzas na súa visita á Illa de Arousa. Partido sen goles e terceira xornada onde o equipo vigués non é quen de gañar. Un empate que ademais alonxa aos de Bouzas do primeiro posto, onde xornada a xornada se consolida un Fabril de Segunda B.
E a caída máis dura chegou dende Vilalba. Enfrontábanse un dos dous equipos que non sabía o que era perder na súa casa e outro que se está a meter na loita pola promoción de ascenso grazas a non perder no que vai de 2017. O Bergantiños, que segue firme dende o mes de xaneiro, sumou tres puntos máis para achegarse á promoción ante un rival que cae dos catro primeiros postos. 
E o mellor resultado foi para o Arousa. O equipo de Vilagarcía sumou a súa segunda vitoria consecutiva e xa é cuarto clasificado. Premio merecido para o único equipo invicto na súa casa e que visitará San Lázaro dentro de dúas xornadas. O As Pontes, equipo con pé e medio na Preferente, non puido facer nada para evitar que os tres puntos saíran de O Poboado.

O mellor está por chegar.
Xa case se podería dicir que agora mesmo hai sete equipos loitando por catro postos, ou máis ben seis por tres ante a superioridade do filial deportivista. Sete equipos que en nove xornadas terán moitos enfrontamentos directos. Uns duelos que non chegarán polo menos na seguinte xornada onde todos terán que verse as caras con equipos da zona media e baixa da clasificación, algún xa co obxectivo da permanencia asinado. 
O Compos terá que sumar de tres fóra da casa logo de dúas derrotas consecutivas en Vilalba e Carballo. O rival será un Barco que non perde en Calabagueiros dende o pasado mes de decembro nun partido onde de non gañar suporía a morte do equipo nesta loita. A vitoria, aínda que difícil, será obrigatoria.
Máis difícil o terá o equipo que está por debaixo na táboa. O Bergantiños visitará A Grela para enfrontarse a un Silva que coa derrota en San Lázaro perdeu un tren que puido coller para sorpresa de todos grazas aos bos resultados das últimas datas. 
Ascenso e descenso estarán en xogo en A Lomba. O Arousa recibirá a un Dubra a piques de confirmar a súa volta á Preferente Norte antes de visitar San Lázaro. Partido quizais máis doado para o equipo arousán para manterse entre os catro primeiros.
Eses postos son aos que quere volver o Racing Vilalbés. Terán que viaxar ata Ourense para enfrontarse a un Barbadás que, de descender o Somozas, podería estar tamén metido na loita por non ocupar un dos postos de descenso. Dous equipos obrigados a gañar. 
O Cerceda buscará confirmar a súa superioridade en O Roxo ante un Ribadumia que chega dende a zona tranquila da clasificación, aínda que só a tres puntos dun Céltiga que podería marcar os postos de descenso. Outro partido onde a vitoria visitante podería ser de gran axuda para os homes de Yago Iglesias.
Outro enfrontamento vital será o que xogue o Alondras en Bouzas. Un moi bo partido entre o segundo clasificado e o novo equipo de Nacho, que sumou tres vitorias en tres xornadas dende a chegada do ex xogador da Esedé ao banco cangués. O Rápido, pola súa parte, non parece ter problemas para manter unha semana máis un posto no alto da táboa, aínda que o quinto está a só tres puntos de diferenza. 
E xa moito máis lonxe, case inalcanzable, atópase un Deportivo B que visitará Negreira para seguir sumando de tres en tres como fan xa dende hai cinco semanas, tempo que tamén suman sen encaixar ningún gol con Pinchi e Borja Domingo nunha forma inmellorable.

Xa temos un caído.
A nove xornadas para o final da tempada, con 27 puntos aínda en xogo, hai que anunciar o primeiro descenso de categoría. O Ordes confirma así a súa horrible tempada, tanto dentro como fóra dos terreos de xogo, logo de sumar 9 puntos en 29 xornadas. Un descenso de categoría logo de 10 tempadas na Terceira división. 
Un regreso á Preferente Norte que dentro de moi pouco podería acompañarse dos de Dubra e As Pontes sendo o Castro o único equipo dos postos de descenso aínda con vida e posibilidades reais de salvar a categoría.

Así está a clasificación na parte alta ata o de agora: 


Ningún comentario:

Publicar un comentario