Sobraron dez minutos

O Compos por fin conseguíu puntuar nunha saída a O Barco de Valdeorras. Un punto que non serve para achegar ao equipo aos postos de promoción de ascenso nunha nova xornada onde non fallaron os catro primeiros. O equipo dirixido por Yago Iglesias puido saír de Calabagueiros cun punto nun partido que puido caer dos dous lados cunha ocasión inmellorable para os nosos no engadido dentro da área que desbaratou o porteiro local.
Logo dun primeiro tempo moi parecido ao do partido contra o Silva, aínda que sen gol, no segundo si que chegaron os tantos. Adiantou aos de Santiago Diego Rey logo dun erro da defensa e Iago Beceiro asinou o empate definitivo a dez minutos para o final. Un partido non libre de polémica coa posible man de Ube que suporía o segundo cartón para o centrocampista branquiazul. 

Posesión sen perigo.
O guión do Compos durante o primeiro tempo foi o mesmo que o seguido durante o encontro ante o Silva. Un equipo ao que lle gusta xogar coa pelota e sen presas, tivo a posesión durante os primeiros corenta e cinco minutos de xogo ante o Barco. Un dominio da pelota que non levou perigo á porta defendida por Vicente en máis dunha ocasión, cun disparo de Ube que se envelenou e tivo que sacar con algún problema o gardamallas.
Por contra, o Barco si soubo aproveitar cada pelota que tivo antes do descanso e a piques estiveron de adiantarse na ocasión máis clara do primeiro tempo, cun balón que petou no longueiro antes de saír pola liña de fondo.

Mellor a segunda metade.
Logo dun primeiro tempo de tanteo, o mellor chegou despois da saída de vestiarios. Ocasións, polémica e, sobre todo, os goles. Dous goles que se fixeron de rogar nunha segunda metade onde os dous equipos mereceron facerse cos tres puntos.
O arrinque, mantendo o guión da primeira parte, foi de dominio branquiazul. Mon tivo nas súas botas o primeiro gol pero o seu disparo, de falta directa, saíu moi preto da portería defendida por Vicente. E na seguinte xogada, aproveitando un erro da zaga local, chegou o gol de Diego Rey. O asturiano faise cunha pelota na área ourensá e bate ao gardamallas picando a pelota ante a súa saída. Un gol cun pouco de axuda nun bo momento.

Reacción do Barco. 
O Barco, que non perdeu ningún partido na casa no que vai de ano, buscou manter a súa boa xeira e logo de dez minutos sen perigo, nun partido que perdeu algo de ritmo cos trocos e demais interrupcións, chegaron as oportunidades para empatar do equipo valdeorrés. 
Lucas salvou a primeira chegada local mentres que Recoba respondeu cunha pelota que petou na cruceta. Unha ocasión que puido cambiar o partido e decantalo do lado branquiazul. Por contra, dous minutos máis tarde chegou o gol do empate, obra de Iago Beceiro. Balón en longo que peina Ballesteros e gol do coruñés por debaixo das pernas de Lucas.

Final de infarto. 
Catro minutos de engadido. Catro minutos para arranxar o que non se puido facer durante os noventa anteriores. E o premio puido chegar no 93 cun libre indirecto dentro da área igual ao que serviu a Mon para empatar ante o Bergantiños. Sen embargo, nesta ocasión Recoba non foi quen de superar a Vicente nin aos xogadores que cubriron a liña de gol e cos que se topou no camiño ao gol. 

Agora, a promoción queda a seis puntos mentres que o Compos perde un posto metendo aínda máis ao Bergantiños na loita. A vindeira fin de semana, ante o Arousa, cita importante para o final da tempada. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo; Ube (Rubén, min. 86), Mon; Diego Rey, Make, Recoba; e Nogueira (Santi, min. 75). 
CARTÓNS: Amarelos para Mon, Recoba e Ube.
GOLES: 0-1 58' Diego Rey, 1-1 81' Iago Beceiro.
CAMPO: Calabagueiros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario