O Compos terá unha nova oportunidade, a última, para meterse na loita pola promoción a falta de oito xornadas para o final da tempada. Logo do empate ante o Barco, onde se perdeu tamén o sexto posto da clasificación, hai que gañar si ou si ante un Arousa que a pasada fin de semana se fixo un oco entre os catro primeiros e que esta fin de semana aumentou a diferenza cos seus perseguidores.
Unha xornada que, ademais do reparto de puntos en Calabagueiros, deixounos unha nova vitoria do Deportivo B, tres puntos para o Rápido de Bouzas logo de tres xornadas sen gañar, nova vitoria do Cerceda no seu fortín de O Roxo, a terceira seguida dun Arousa lanzado a pola promoción, unha nova derrota do Racing Vilalbés e o gran nivel que sigue amosando o Bergantiños neste 2017.
Un punto.
En Calabagueiros chegou un novo empate a domicilio, o oitavo no que vai de tempada, dun dos equipos que máis veces puntuou fóra da súa casa, aínda que non se trata nin de lonxe dun dos equipos con máis puntos lonxe da súa afección.
Logo dun primeiro tempo sen ocasións, Diego Rey aproveitou un erro para adiantar á Esedé e Iago Beceiro empatou o encontro a dez minutos para o final. Pouco máis se pode dicir para resumir unha nova final que non consegue superar o Compos cando sae de San Lázaro. Un partido onde Yago apostou por saír cun once case idéntico ao que goleou ao Silva sete días antes só coas variacións na defensa, onde entraron David Rey e Saro por Cardeñosa e Uña.
O pau recibido en O Barco de Valdeorras alonxa ao noso equipo da promoción, que se vai de novo aos seis puntos de diferenza perdendo ademais un posto na clasificación. Aínda así, aínda queda unha oportunidade, a vindeira fin de semana en San Lázaro.
Sen rival.
O Depor B segue ao seu no camiño ao primeiro posto da clasificación, que aumente as súas opcións de ascenso permitíndolle algunha caída nas eliminatorias. E é que nesta Terceira non parecen ter rival sumando xa a vixésima vitoria no que vai de curso, sexta consecutiva, ante un Negreira que se queda a un punto dos postos de descenso a falta de oito xornadas, cando parecía que o equipo negreirés tiña a permanencia na man hai unhas xornadas, estando preto incluso dos postos de promoción de ascenso.
Dous goles do filial coruñés, un de Pinchi na primeira metade e outro de Álex Corredera na segunda, foron suficientes para bater a un Negreira que rematou con nove homes sobre o terreo de xogo logo das expulsións do ex compostelanista Pignol e Amoedo.
Volta ao camiño.
O Rápido de Bouzas mantén o segundo posto da clasificación unha semana máis logo de gañar ao Alondras no Baltasar Pujales. Un partido importante para os vigueses que chegaban logo de tres xornadas sen coñecer a vitoria sumando dous dos nove puntos posibles. Un partido que, ademais de manter aos locais no alto da clasificación mete en problemas aos homes de Nacho, que se quedan a un punto tamén do último posto que manda á Preferente.
Torres no primeiro minuto de partido e Carlitos, vinte máis tarde, sentenzaron un partido onde os vigueses remataron cun home menos logo da expulsión de Chisco por cartón vermello directo.
Máis fortes na casa.
O Cerceda non está a ter un final de tempada tranquilo. O conxunto branquivermello sumou a terceira vitoria consecutiva en O Roxo, terceiro partido ademais na casa sen encaixar, ante un Ribadumia que, a tres puntos do descenso, aínda respira tranquilo. O equipo local, terceiro na clasificación, abre así tamén unha maior diferenza co quinto, o Racing Vilalbés, quedando a cinco puntos agora mesmo do equipo lucense.
Tres goles de Uxío, un dos mellores xogadores da categoría, foron suficientes para deixar os tres puntos en O Roxo, un campo que aínda ten que visita o Compos no mes de abril.
Aumentan as opcións.
Dende o comezo da tempada, o Arousa está a facer moi ben o seu traballo. Mostra diso é o seu lugar na clasificación actual. O que ata o de agora é o único equipo invicto na casa, superou sen moitos problemas en Vilagarcía a un Dubra que xa é equipo da Preferente Norte logo dunha primeira campaña na máxima categoría do fútbol galego.
Os arlequinados chegaron ao tempo de lecer cun 2-0 grazas aos goles de Eloy e Rivas mentres que na segunda metade foron Gonzalo Suárez en propia porta e Sylla os encargados de deixar os tres puntos na casa. Adrián anotou o único gol dubrés a un minuto do final do encontro.
Uns que baixan.
Quen ía dicir que ante o Compos sumarían a súa última vitoria. O Racing Vilalbés sumou a súa terceira derrota consecutiva, outra a domicilio neste caso, e cuarta nos cinco últimos partidos. Un equipo que parecía estar disposto a loitar polo primeiro posto con Depor B e Rápido de Bouzas está a sufrir unha baixada moi importante caendo incluso dos postos de promoción de ascenso a pasada fin de semana e quedando agora a tres puntos do cuarto e a outros tres do sétimo, a Esedé.
Se ben é certo que gañar en Barbadás non é nada doado, só o Silva foi quen de saír cos tres puntos, o Racing Vilalbés non puido nin conseguir un empate na terceira xornada consecutiva onde non son capaces sequera de facer gol. O ex do Compos Germán e Iago anotaron os goles en cinco minutos para meter en problemas ao equipo chairego.
E outros que suben.
Mentres que o Racing Vilalbés amosa problemas importantes para seguir loitando pola promoción, o Bergantiños achégase pouco a pouco aos postos altos. Un equipo feito para rematar entre os catro primeiros ao final da tempada e que polo de agora está a cumprir co seu traballo. Tres puntos máis para os de Carballo, que sacaron á perfección estas dúas xornadas consecutivas lonxe de As Eiroas, e están xa a cinco puntos do cuarto clasificado, ao que visitarán dentro de dúas semanas.
Un gol do ex da Esedé Nacho ao comezo da segunda metade foi suficiente para que os carballeses sumaran tres puntos máis en A Grela confirmando así o seu gran momento grazas ao que suman doce xornadas sen perder e cinco vitorias consecutivas, tres delas a domicilio.
É o momento.
Rematada a xornada 30 do campionato e con oito por diante, a vindeira xornada deixaranos partidos moi importantes para as aspiracións da Esedé, que debe loitar máis que nunca por facerse con tres puntos nun partido que ben podería ser considerado un 'partido de catro puntos'.
O domingo ás 17 horas recibiremos ao Arousa nun partido moi importante onde a vitoria non só achegaría ao Compos aos tres puntos en relación co cuarto clasificado senón que ademais serviría para superar aos de Vilagarcía en canto á diferenza de goles particular logo do empate a cero da primeira volta.
A ese partido hai que sumar o que se xogará en Vilalba entre o quinto, o Racing Vilalbés, e o oitavo, o Silva. Dous equipos que suman xa varias xornadas sen coñecer a vitoria e que buscarán, polo menos, dar unha boa nova á súa afección.
En As Eiroas, o mellor equipo deste 2017 recibirá ao Barco nun partido onde se xuntan as posibilidades de entrar na promoción e a permanencia un ano máis para o cadro ourensán, que grazas ao punto conseguido ante o Compos poden respirar algo máis tranquilos a catro puntos do descenso.
Onde tamén se xogará a permanencia na categoría e o ascenso, aínda que neste caso máis ben sexa un posto mellor na táboa, será en Castro Riberas de Lea. Un Castro cun pé na Preferente Norte recibirá ao Rápido de Bouzas nun partido que ou ben deixa máis doado o camiño ao Fabril polo primeiro posto e aperta algo máis as cousas entre os postos altos ou ben fai que o equipo lugués perda unha opción máis de achegarse a unha permanencia cada semana máis cara.
Seguindo cos enfrontamentos entre equipos na loita pola permanencia e polo ascenso atopamos un Céltiga-Cerceda. O Salvador Otero será o escenario doutro dos grandes encontros da xornada entre un equipo que saca tres puntos ao Choco, equipo que marca os postos de descenso neste momento, e outro que respira tranquilo con catro puntos máis que o quinto.
E máis lonxe para as aspiracións da Esedé está o Deportivo B-Barbadás do domingo pola mañá. O filial coruñés recibirá en Abegondo a un equipo ourensán que ten na súa man a permanencia de xeito virtual, non así de xeito matemático xa que só superan en seis puntos aos de Redondela mentres que os coruñeses terán a ocasión de prepararse un pouco máis de cara á promoción.
Outro menos.
Se hai unha semana había que falar do descenso do Ordes, hoxe é a quenda do Dubra. O equipo de Bembibre volve á Preferente Norte logo dun ano na Terceira división. Agora só lles queda seguir gozando da categoría e pensar en volver dentro de dúas tempadas.
Pola nosa parte queremos desexar moito ánimo e sorte ao equipo dubrés e á súa afección que, sen dúbida, son de Terceira división.
Ningún comentario:
Publicar un comentario