O Compos sumou tres puntos de ouro nun gran partido en San Lázaro cheo de goles e cunha segunda metade completa, con goles, polémica e algún que outro susto. Unha vitoria ante un Silva que chegaba logo de cinco triunfos consecutivos e que nada puido facer ante un equipo que soubo xogar en cada momento de partido facéndose coa posesión da pelota dende o arrinque.
Seis goles puideron verse na mellor mañá de fútbol no teatro branquiazul en moito tempo. Seis goles que non deben manchar o bo traballo dos porteiros de ámbolos dous equipos salvando aos seus de encaixar máis. Nogueira por partida dobre, Recoba, Ube e e Santi foron os autores dos tantos branquiazuis mentres que Renan Zanelli recurtou diferenzas dende os once metros. O dianteiro brasileiro do equipo coruñés tamén puido facer un segundo tamén de penalti pero topouse cun Lucas insuperable.
O vento, protagonista.
O plantexamento estivo moi claro. O Compos buscou dende o comezo facerse coa posesión do esférico e buscar a portería sen arriscar máis da conta. O que ninguén podería pensar é que o equipo tería nos primeiros intres de xogo un axudante inesperado. O vento fixo acto de presenza en San Lázaro e antes dos cinco minutos axudou ao noso equipo.
Ante un Silva pechado no seu campo era o momento de facer algo de perigo. Sen embargo, era difícil agardar que o vento axudase aos nosos cando parecía estar de cara aos coruñeses. E nun intento, errado, de despexe grazas ao vento chegou a mellor asistencia para David Nogueira. A pelota cae case nos pés do dianteiro e éste pégalle dende a frontal metendo a pelota na portería, que entrou chorando ante a pasividade da defensa.
Efectividade total.
Se hai algo que pode caracterizar o primeiro tempo é a efectividade branquiazul. Un tiro e un gol para adiantarse a un Silva que case non puido contar coa pelota e menos aínda poñer en perigo a porta dun Lucas que só tivo que intervir nunha ocasión, para sacar un disparo potente de Renan Zanelli que non entrou lambendo o traveseiro por moi pouco.
De feito, a primeira metade non tivo moito máis que algunha chegada sen perigo dos homes de Yago Iglesias con Recoba e Nogueira moi atentos en labores ofensivas e un Cabrejo que encara a recta final da súa carreira a un gran nivel tanto en defensa coma en ataque.
Claras intencións.
Gran parte das segundas metades da Esedé chegan con problemas importantes á hora de aguantar o resultado. Por sorte, nesta ocasión o perigo nos primeiros intres chegou cun gran premio para os da capital en forma de gol de David Nogueira. O dianteiro santiagués foi o máis listo da clase unha vez máis e marcou aproveitando outro erro defensivo. Bo gol e doblete.
Por degraza, a boa nova chegou acompañada doutra non tan boa. Balón dividido na área local e Cardeñosa e Taboada petan cabeza contra cabeza caendo os dous ao chan e prendendo tódalas alarmas en San Lázaro. Por sorte, logo de varios minutos no campo e de ser atendidos polas asistencias médicas, puideron continuar xogando.
Goles e polémica.
O partido foi tan completo que tivo incluso varias xogadas polémicas que, coma sempre, foron en contra do Compos. Nesta ocasión, por sorte, non houbo que lamentar outro mal resultado para os de Yago Iglesias, que amosaron un nivel superior durante os noventa minutos.
Se hai alguén cun nivel superior é Recoba. O centrocampista uruguaio-galego é unha das pezas importantes no xogo branquiazul e ante o Silva volveu amosar a súa superioridade pechando un novo partidazo con gol. Un gol onde tamén participou Diego Rey asistindo ao seu compañeiro facendo outro gol dunha parella que está a saírse na segunda volta. Recoba só tivo que controlala e cruzala ante o porteiro.
O terceiro tanto local, o da sentenza, chegou moi seguido pola primeira xogada polémica. Dubidosa entrada de Cardeñosa sobre un rival e o colexiado non dubida á hora de asubiar o penalti. Dende os once metros non perdoou Renan Zanelli aínda que Lucas estivo a piques de paralo logo de acertar a traxectoria da pelota.
O mellor final.
Dous goles de diferenza a falta de menos de vinte minutos parecían suficientes para manter os tres puntos en San Lázaro. Ademais, con este resultado superábase tamén o enfrontamento particular co conxunto coruñés logo de perder pola mínima en A Grela na primeira volta. Por sorte, Ube e Santi non o viron así rematando definitivamente un equipo que non amosou o seu mellor nivel na que parecía ser unha final para ambos se querían achegarse aos postos de promoción de ascenso.
O cuarto da mañá chegou nunha contra moi ben levada polo equipo e comezada por Uña despexando un córner. A pelota chegou para Nogueira, éste para Recoba e gran asistencia para Ube, que tivo que definir ante o porteiro.
E a mellor maneira de pechar un partido chave é gañando con autoridade, cunha goleada demostrando que este equipo non ten falta de gol. Santi, que entrou dous minutos antes, recibíu un balón na frontal, foise dun contrario cun regate cara dentro e púxoa na cepa do poste. Golazo do asturiano para rematar unha goleada mellorada por Lucas.
O equipo estivo moi ben en tódalas liñas do campo comezando pola portería. Lucas, que é unha das grandes pezas deste conxunto, pechou o partido superando, nesta ocasión si, a Renan Zanelli. O brasileiro buscou sorprender de novo ao gardamallas compostelanista pero nesta ocasión atallou Lucas o disparo confirmando un 5-1 que puido aumentar de non ser por unha man de Guillermo nun un contra un ante Santi.
E a pensar en manter o bo momento.
A vindeira fin de semana, cun horario aínda por coñecerse, o Compos visitará ao Barco nunha nova final para os nosos na que terán unha nova oportunidade para achegarse aos postos altos da táboa. Nese partido hai que engadir que non poderá xogar Uña logo de ver o quinto cartón amarelo coa camisola branquiazul.
ALIÑACIÓN: Lucas; Uña, Cardeñosa (Saro, min. 74), Taboada, Cabrejo; Ube (Samu, min. 85), Mon; Diego Rey, Make, Recoba; e Nogueira (Santi, min. 80).
CARTÓNS: Amarelos para Taboada e Uña.
GOLES: 1-0 4' Nogueira, 2-0 54' Nogueira, 3-0 71' Recoba, 3-1 74' Renan Zanelli, 4-1 79' Ube, 5-1 82' Santi.
CAMPO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario