Primeira de dez finais

Compos e Silva loitarán este domingo pola mañá nun partido importante para ambos. Os dous equipos buscarán os tres puntos que os poidan manter con vida na loita por entrar na promoción de ascenso, que comezará a mediados do mes de maio. De feito, ambos conxuntos chegan igualados a esta xornada na táboa e só un poderá saír cos tres puntos, xa que de haber un empate os dous quedarán fóra desa loita por entrar entre os catro primeiros.
Os dous equipos buscarán manter a posibilidade de entrar na promoción, postos que se van aos sete puntos de diferenza. Pero para iso un debe facerse coa vitoria e deixar ao outro sen opcións. A iso hai que engadir que o Compos caeu en A Grela no partido da primeira volta polo que outra cousa importante de cara a este encontro é darlle a volta ao enfrontamento particular co equipo coruñés.

O obxectivo, conseguido.
O Silva comezou a tempada pensando en conseguir a permanencia o antes posible e xa despois buscar algo máis grande. Pois ben, o equipo de A Coruña está a pasar por un gran momento conseguindo esa meta, aínda non de xeito matemático pero si virtualmente, logo de sumar cinco vitorias dos últimos cinco encontros, aos que engadir un empate máis dun equipo que hai case dous meses que suman en todos os seus partidos.
Sétimos con 45 puntos, os mesmos que o Compos, é un dos equipos que máis puntos sumaron a domicilio sendo ademais, xunto ao Rápido de Bouzas, o equipo que menos derrotas conseguíu lonxe de A Grela. 20 puntos de 39 posibles e só tres partidos dos que volveron a casa sen nada. Tres saídas onde, a pesar da derrota, conseguiron facer gol e é que só quedaron sen anotar na Illa de Arousa marcando en tódalas demais saídas.
Os partidos do equipos coruñés levan o gol asegurado. De feito, só dous partidos do Silva remataron sen goles, un na casa ante o Cerceda e outro a domicilio ante o Céltiga. A iso hai que engadir que dos 41 goles que anotaron ao longo da tempada, 18 foron lonxe do seu campo. Por contra, dos 35 goles encaixados, 15 foron a domicilio recibindo 5 na dura derrota ante o Choco por 5-2.
A nivel individual hai varios xogadores que chaman a atención sobre os que destacan Movilla e Zanelli, máximos goleadores do equipo con 9 e 7 goles respectivamente, aos que engadir a Guillermo, porteiro titular e gran culpable dos números do equipo a nivel defensivo.

Só un precedente e nada positivo.
O Compos e o Silva só se viron as caras nunha ocasión. Na primeira volta, en A Grela, o equipo local fíxose cos tres puntos logo dun mal partido dos nosos acompañado da efectividade dun Silva que sentenzou o partido antes da media hora de xogo grazas aos goles de Movilla e Zanelli. Por sorte, David Rey buscou manter con vida aos nosos cun gol a dez minutos do final.
Ata o de agora o equipo coruñés non visitou San Lázaro en partido oficial nos seus case 77 anos de vida, que pasaron en gran parte loitando nas categorías máis baixas do fútbol galego chegando a Preferente en 2012 e á Terceira dous anos despois para quedarse.

Diferentes chegadas.
A este partido os dous equipos chegan en momentos de forma moi diferentes. Tanto é así que o Compos case perdeu tódalas opcións posibles para entrar na loita por un dos catro postos que dan opción á promoción de ascenso mentres que o Silva busca ser a última sorpresa do campionato grazas aos seus últimos resultados.
O Compos ía ben encamiñado cara á promoción de ascenso logo de sumar seis xornadas sen coñecer a derrota ás que engadir nove máis e só un partido sen puntuar en case unha volta enteira. Sen embargo, dúas saídas consecutivas sen traer nada positivo de volta a Santiago afastan un pouco o soño, non así o obxectivo proposto pola directiva ao comezo da campaña publicamente, de volver á Segunda B este mesmo verán. Se ben a derrota ante o Vilalbés era un pouco máis de agardar visto o feito polo equipo lugués na casa esta tempada, a derrota ante o Bergantiños pechou unha porta ao equipo, que non está a aproveitar os erros dos conxuntos que o superan na clasificación, que queda a sete puntos da promoción.
Pola súa parte, o Silva era 12º hai algo máis de mes e medio. A caída no derbi coruñés ante o Deportivo B en A Grela servíu aos de branco para mellorar en canto a resultados. Tanto é así que dende ese 22 de xaneiro só un dos seus partidos rematou con reparto de puntos, en Ribadumia. Cinco vitorias consecutivas conseguiron que fan que os homes de Javier Bardanca vexan algo máis preto pechar a mellor tempada da historia do clube e, de manter a boa xeira de resultados, incluso alcanzar unha promoción de ascenso que cada semana ten máis candidatos.

Bo local e bo visitante.
O Compos é un dos mellores equipos cando xoga ante a súa afección mentres que o Silva é o cuarto mellor equipo cando non o fai en A Grela. Dous equipos que nos asegurarán unha mañá con goles por parte dos dous bandos, unha cita igualada do que só pode un saír vencedor.
En San Lázaro, a Esedé asinou 32 de 42 puntos posibles. Só dúas derrotas ante Barco e Fabril e outros dous empates ante Ordes e Rápido de Bouzas. Deses 14 partidos só un, ante o equipo ordense, rematou sen goles mentres que o Compos quedou sen marcar en outro máis, contra o filial coruñés. A iso hai que engadir os 40 goles vistos no teatro branquiazul, 26 para os locais e 14 para os visitantes rematando os dous últimos partidos con 3-1.
20 puntos de 39 posibles avalan a un Silva que a domicilio tamén sabe poñer as cousas difíciles aos rivais. Con 5 vitorias, 5 empates e 3 derrotas, só son superados en canto a estes datos polos tres primeiros clasificados sendo ademais o equipo que menos veces perdeu fóra de A Grela, ante Dubra, Arousa e Choco, que foi quen de endosarlle a maior goleada da tempada (5-2). En canto ao total dos goles, nas súas 13 saídas puideron verse 33 partidos, algo máis de 2 e medio por partido e dos cales 18 foron dos coruñeses, 9 nas catro últimas saídas onde ademais encaixaron só 3 asinando 10 de 12 puntos posibles.

A promoción, en xogo. 
A dez xornadas para o final non hai case nada decidido. Agás os descensos de Ordes, Dubra e As Pontes, case sen vida na categoría ante a diferenza de puntos que os separan dos postos de permanencia, todo está en xogo tanto por abaixo, onde hai un ou incluso dous postos de descenso en xogo, coma por enriba, onde só parece que o Depor B ten asegurado o seu posto na promoción grazas ao bo traballo e os grandes resultados que están a conseguir nesta campaña.
Na zona alta, a loita é cada semana máis dura. De seis equipos pelexando por catro postos pasamos a sete e por pouco case poderíamos incluír tamén ao Bergantiños, a un punto de Silva e Compos. Unha batalla con dez datas por diante e moitos enfrontamentos directos comezando por este partido en San Lázaro. Ademais, outro dos grandes partidos da xornada será o que xoguen á mesma hora en Abegondo Deportivo B e Cerceda, do que o noso equipo podería sacar algo positivo de sumar os tres puntos. Xa pola tarde, tamén o domingo, o Racing Vilalbés e o Bergantiños medirán dúas das mellores xeiras da categoría noutro partido do que se pode sacar algo positivo. Por outra parte, Céltiga e As Pontes buscarán respirar unha semana máis ante Rápido de Bouzas e Arousa respectivamente.

Unha baixa, dúas dúbidas e apercibidos.
Yago Iglesias xa non poderá contar esta fin de semana con todo o seu equipo. Aínda así, polo de agora só conta cunha baixa segura que se alongará case un mes. A esa ausencia hai que engadir dúas dúbidas máis ata última hora e dous apercibidos que non poderían estar en Calabagueiros ante o Barco de ver un cartón amarelo esta fin de semana.
Ata o momento, a única baixa segura é a de Tomás. O vigués sufríu unha escordadura de nocello ante o Bergantiños, sendo substituído no primeiro tempo por non poder continuar. Polo seu lado, Cabrejo, que tampouco puido rematar o encontro en As Eiroas, é dúbida ata o mesmo domingo. Sen embargo, o lateral de Camariñas buscará estar no que podería ser a primeira das dez finais que restan á súa carreira. Con menos sorte ca o lateral está David Nogueira. O dianteiro, e un dos máximos goleadores do equipo, podería perderse esta cita importante en San Lázaro por unha escordadura na clavícula.
Quen si poderá estar ante o Silva pero se podería perder a seguinte xornada ante o Barco, final fóra de San Lázaro, serían Saro e David Uña. O lateral xa suma tres fins de semana xogando apercibido. O central é un muro en defensa, un seguro no centro da zaga pero que viu catro cartóns amarelos nas seis últimas xornadas.

Sesión vermú. 
O partido desta fin de semana terá de novo un horario un tanto diferente e que non lle está a ir moi ben aos nosos. Por cuarta vez este curso teremos que asistir a un partido antes do xantar, segunda en San Lázaro. Logo de dúas saídas, rematadas con derrota, a Abegondo e Castro Ribeiras de Lea, chegou un empate na casa ante o Rápido de Bouzas.
As entradas para este partido, ás 12 da mañá do domingo, estarán a un prezo de 10 euros para maiores de 17 anos, 5 euros para rapaces de entre 17 e 14 anos e de balde para menores de 14 anos. Un horario que ademais podería ir ben para que, acompañando o bo tempo que se espera na capital para esta fin de semana, poida haber un bo ambiente nesta cita importante.
Quen non poida asistir ao teatro branquiazul poderá velo en directo a través da segunda canle da TVG (TVG2), escoitalo en 'Esedé Radio' dende a web oficial do clube, ou ben nas redes sociais tanto da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou no perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario