Restan dez xornadas para o final da tempada e o Compos, logo da derrota en Carballo, está a sete puntos do cuarto clasificado. As opcións son moi baixas pero aínda non é imposible que o equipo da capital chegue con opcións á última xornada. Para iso haberá que facelo ben nas dez fins de semana que restan ata o 14 de maio onde sete equipos, logo de que o Silva igualara a pasada xornada á Esedé, loitarán por catro postos.
A gran parte das opcións do noso equipo pasan, sobre todo, por gañar ao Silva en San Lázaro o domingo. De non sumar os tres puntos podería rematar aquí o soño de volver á Segunda B fagan o que fagan os demais equipos metidos na loita. A iso hai que engadir que o Compos terá que enfrontarse a tres equipos que o superan na táboa, só un deles na casa, no que será un final de campaña moi complicado.
O domingo chegan varios partidos a ter en conta. Ao partido, televisado, do Compos contra o Silva, no que se verán as caras o sexto e o sétimo clasificados, hai que engadir un bo Racing Vilalbés-Bergantiños entre un equipo que non coñece a derrota na súa casa no que vai de tempada e outro que non perdeu ningún no que vai de ano e que chegará logo de gañar ao Compos. Outro partido algo máis lonxe das aspiracións do Compos é o que xogarán en Abegondo o Deportivo B, primeiro clasificado, e o Cerceda, terceiro a oito puntos dos nosos. Pola súa parte, o Rápido de Bouzas visitará a un Céltiga que buscará os puntos para fuxir dos postos de perigo mentres que o Arousa, cuarto a catro da Esedé, fará o propio en As Pontes ante un equipo practicamente descendido e que só opta a sumar para que o descenso chegue o máis tarde posible.
Logo da 29ª xornada chegarán partidos moi importantes coma o Compos-Arousa da xornada 31, o Deportivo B-Racing Vilalbés da 32, o Rápido de Bouzas-Compos da 34, o Racing Vilalbés-Arousa da 35 ou o Cerceda-Compos da 36 no que será un final de tempada moi duro para os nosos.
San Lázaro ten que ser un fortín.
Nestas dez xornadas que quedan, o Compos terá cinco partidos na casa e outros cinco a domicilio moi duros con dúas visitas a rivais directos. O Silva visitará San Lázaro o domingo e logo chegarán as saídas a O Barco, Ordes, Bouzas, Cerceda e Barbadás mentres que Arousa, Vilalonga, Choco e Negreira terán que pasar polo campo branquiazul.
En canto aos enfrontamentos directos, xa sabemos que o Compos os ten perdidos ante Fabril e Vilalbés. Por contra, ante o Arousa hai que sumar os tres puntos logo de empatar sen goles en Vilagarcía mentres que o Rápido de Bouzas conseguíu un empate a un gol en San Lázaro nunha mañá de novembro e o Cerceda loitará en O Roxo para remontar o 2-1 da primeira volta en Santiago.
O Arousa, primeiro a superar.
O Arousa, que coa vitoria ante o Castro aumenta de novo a diferenza coa Esedé e se achega ao cuarto, comezará visitando ao As Pontes, recibirá ao Dubra, visitará San Lázaro, recibirá ao Bergantiños, logo xogarán en A Grela, recibirá ao Barco, terán que visitar a Racing Vilalbés e Ordes en dúas saídas consecutivas, recibirán ao Vilalonga e pecharán a tempada en Bouzas.
O equipo arlequinado é dos poucos que pode dicir que superou ao Depor B nos dous partidos rematando o enfrontamento particular cun 5-2 favorable aos de Vilagarcía. Menos sorte tiveron en Cerceda, onde caeron logo de empatar sen goles en A Lomba na primeira volta. Mesmo resultado en Arousa conseguíu na primeira metade do campionato un Compos que recibirá aos arlequinados na seguinte xornada en San Lázaro. Por outra parte, ante Racing Vilalbés e Rápido de Bouzas, dous rivais ante os que tamén terán que xogar no final do campionato, non puideron pasar do 1-1 en A Lomba na primeira volta.
Vilalba marca a promoción.
O Racing Vilalbés, cuarto clasificado agora mesmo, comezará este treito final do campionato recibindo ao Bergantiños nun partido onde un dos dous equipos podería rematar cunha das mellores xeiras de resultados deste curso. Logo visitarán a Barbadás, Depor B, Ribadumia e Céltiga e Ordes en dúas xornadas consecutivas. Por contra recibirán en A Magdalena ao Silva, Barco, Arousa e pecharán o campionato regular ante o Alondras.
Os homes de Gilsanz chegan logo de darlle a volta ao enfrontamento particular contra o Compos. Tamén superan a Rápido de Bouzas e caen neste sentido ante o Cerceda polo valor dobre dos goles fóra da casa. Por contra, o 1-1 conseguido en Vilagarcía pode ser importante no final da tempada mentres que polo de agora levan a vitoria neste sentido ante o Depor B logo de superalo en A Magdalena pola mínima na primeira metade do campionato.
O Cerceda teno fácil.
Cun punto máis está un Cerceda que ten un camiño á promoción quizais máis doado que o resto. Esta fin de semana terán que visitar Abegondo nun partido que pode apretar as cousas no alto dos postos altos ou ben manter as opcións de Arousa e Compos. Logo recibirán a Ribadumia, Alondras, As Pontes, Compos e rematarán a tempada recibindo ao Silva. Por outra parte visitarán ao Céltiga, Castro, Dubra e Bergantiños. Saídas algo máis doadas ante equipos que poderían chegar a esas xornadas xa sen nada en xogo.
O Roxo marcou diferenzas na primeira volta e na primeira metade da segunda. O equipo cercedense é un dos mellores na súa casa e así o demostrou ante o Arousa e Racing Vilalbés, dando a volta ao enfrontamento particular, e onde terán que recibir ao Compos a finais do mes de abril. Nese mesmo campo tampouco foi quen de sumar de tres o Depor B sumando un punto e só o Rápido de Bouzas puido conseguir o triunfo gañando no Baltasar Pujales o enfrontamento particular a pesar da vitoria visitante pola mínima.
O Rápido de Bouzas é outro equipo que se meteu na loita logo de perder ante un Depor B intratable. Os vigueses terán que visitar esta fin de semana a un Céltiga que busca aínda a permanencia matemática mentres que Alondras, As Pontes, Compos, Silva e Arousa pasarán polo Baltasar Pujales de aquí ao final da campaña. Ademais terán que saír para visitar ao Castro, Dubra, Bergantiños e Barco nun final que non parece ser o máis complicado.
Gran culpa desta boa tempada pola que pasa o equipo vigués é grazas aos resultados colleitados no Baltasar Pujales. Moitos foron os equipos que pasaron polo campo do Rápido e só o Cerceda puido facerse cos tres puntos, ao que superaron na primeira volta en O Roxo. Algo menos de sorte tivo o Racing Vilalbés sumando un punto en Vigo, aínda que en Vilalba conseguiron os tres puntos. Contra o Depor B tamén se viron superados en Abegondo a pesar do 2-0 da primeira volta. E nese mesmo campo terán que recibir ao Compos e o Arousa, ante os que empataron a un gol na primeira volta.
Obxectivo: o primeiro posto.
E finalmente, o equipo que estará seguro na promoción de ascenso. O Depor B mereceu estar na parte alta da táboa dende o arrinque da campaña tanto por resultados coma polo seu xogo superando a todo o que se puxo no seu camiño. E esta mesma fin de semana podería axudar a Compos e Arousa superando ao Cerceda en Abegondo. Tamén pola cidade deportiva do clube coruñés terán que pasar Barbadás, Racing Vilalbés, Céltiga, Castro e Dubra. Por outra parte, o filial herculino só terá que facer catro saídas a Negreira, Ribadumia, Alondras e As Pontes para asegurar tanto a promoción coma o primeiro posto.
Un dos mellores locais e o mellor visitante da categoría. O Fabril está imparable perdendo só un partido no que vai de segunda volta, ante un Arousa que tamén o superou na primeira. Os rapaces de Cristóbal Parralo, con Pinchi á cabeza, comezaron amosando a súa efectividade cun 5-1 ante o Compos, que completaron con outro 0-2 en San Lázaro. Tamén superaron ao Rápido de Bouzas na volta logo dun 2-0 na primeira parte do campionato mentres que aínda lles queda por afastarse de Racing Vilalbés, ante o que perderon en Vilalba, e Cerceda, logo de empatar a un gol en O Roxo, nos dous partidos máis complicados que teñen ata o final do campionato.
O último convidado.
Agora mesmo tamén se podería meter na loita o Silva, que igualou en puntos ao Compos pero que, oxalá, quede sen opcións logo de pasar por San Lázaro. O outro equipo de A Coruña terá que recibir despois a Bergantiños, Arousa, Vilalonga e Choco mentres que visitarán a Racing Vilalbés, Barco, Ordes, Rápido de Bouzas e Cerceda nun final de campionato onde terán que verse as caras contra cinco dos seis primeiros clasificados.
En canto ao feito polo Silva ata o de agora hai que ter dúas cousas en conta: as catro vitorias consecutivas coas que chegan e a vitoria ante o Compos en A Coruña na primeira volta, resultado que terán que remontar os nosos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario