Segunda derrota consecutiva dun Compos que volve a non saber o que é gañar fóra de San Lázaro. O equipo de Yago Iglesias, que comezou o ano directo aos postos de promoción de ascenso, non foi quen de sumar ningún punto en As Eiroas nun partido onde os goles quedaron para a segunda metade. Catro goles e a oportunidade de sumar polo menos un empate ata os dez últimos minutos, cando o Bergantiños meteu unha marcha máis para facerse coa vitoria.
Nunha xornada onde era moi importante sumar de tres, o equipo non foi quen de facer un bo encontro sumando cero puntos de dous posibles en dúas saídas importantes consecutivas entrando no treito final do campionato case sen opcións de cara á promoción de ascenso. Os goles chegaron todos na última media hora adiantándose o equipo local, empatou Mon aos cinco minutos e nos dez minutos finais chegaron os dous goles definitivos do Bergantiños, que remata a xornada a un punto dos nosos.
Medo.
O plantexamento do Compos foi defensivo dende o comezo. Deixando a pelota ao equipo carballés e buscando a porta rival á contra, algo que non pareceu saír de todo ben tendo en conta que en toda a primeira metade só houbo dúas ocasións de gol por parte do equipo branquiazul e ningunha delas foi entre os tres paus.
Coa posesión da pelota tampouco puido facer demasiado un equipo que só tivo unha ocasión ante Lucas no final dos primeiros corenta e cinco minutos, que atallou o porteiro evitando o primeiro dos carballeses.
As malas novas, a pares.
As malas novas para o Compos chegaron de dúas en dúas durante a primeira parte do partido. Á media hora de partido, Tomás pisou mal e dobrou un nocello. Primeiro susto e substitución obrigada por lesión. Pero é que só dez minutos máis tarde chegou a segunda mala nova coa lesión de Cabrejo nun encontronazo con Borja Facal, aguantando ata os dous minutos da segunda parte, cando deixou o seu posto a Mon.
Segunda metade tola.
Os primeiros case vinte minutos da segunda metade mantiveron o mesmo guión que o primeiro tempo. Tranquilidade nas dúas áreas e cos trocos, un por parte do Compos e dous dos locais, freouse un pouco máis o ritmo dun partido espeso.
E logo do primeiro tiro do Compos entre os tres paus chegou o primeiro gol do Bergantiños. Alex Pérez, que entrara poucos minutos antes, finalizou unha boa contra dos carballeses ante Lucas, que pouco puido facer.
Un gol, o primeiro, que tivo rápida reacción por parte da Esedé. Un gol que chegou grazas a un erro defensivo do Bergantiños. Cesión ao porteiro e libre indirecto para o Compos dentro da área. Recoba pon a pelota en movemento, Diego Rey písaa e Mon fusila ante o porteiro. Gol e esperanzas recuperadas de cara ao final do encontro.
Efectividade total.
Co paso dos minutos foi o Bergantiños o que deu un paso adiante e ao final do encontro foi quen puido facerse cos tres puntos. Rodri asinou o segundo gol cun testarazo que entrou lambendo o longueiro logo dun centro dende a banda mentres que Iago Blanco fixo o propio cinco minutos máis tarde tivo sorte xa que o seu disparo petou en David Uña enganando así a Lucas.
Non se pode perder.
O Compos recibirá a vindeira fin de semana ao Silva nun partido onde os nosos terán que sumar os tres puntos para non perder máis diferenza cos postos altos da táboa. Pola súa parte, o Bergantiños ponse a un punto dos nosos e a vindeira fin de semana visitarán ao Racing Vilalbés nun partido entre un equipo que non coñece a derrota na casa no que vai de tempada e outro que non perdeu ningún encontro neste 2017.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro (Taboada, min. 87), Cardeñosa, David Uña, Cabrejo (Mon, min. 49); Samu, Ube; Diego Rey, Tomás (Santi, min. 35), Recoba; e Nogueira.
CARTÓNS: Amarelos para Mon, Santi, Taboada e Ube.
GOLES: 1-0 64' Alex Pérez, 1-1 69' Mon. 2-1 83' Rodri, 3-1 88' Iago Blanco.
CAMPO: As Eiroas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario