Hai vida

O Compos terá unha última ocasión para buscar achegarse todo o posible aos postos de promoción de ascenso despois da derrota a pasada fin de semana ante o Racing Vilalbés. A derradeira opción pasa por gañar en Carballo, un campo complicado onde só dous equipos puideron sumar os tres puntos no que vai de tempada. O rival, o Bergantiños, está metido nunha boa xeira de resultados sen perder dende decembro ante o Cerceda.
Dous equipos con bo fútbol veranse as caras en As Eiroas na que será unha nova final para a Esedé coa vista posta en manter o ascenso na táboa. Un partido importante entre dous equipos da zona media alta da táboa que xa na primeira volta deixaron un bo encontro con seis goles incluídos.

Obxectivo a tiro.
O Bergantiños está moi preto de asinar a permanencia. En gran parte, a boa tempada que está a facer o equipo de Carballo é grazas á segunda volta. Dende o arrinque deste ano 2017 non perde o conxunto dirixido por Miguel Figueira sumando nestes dous meses que levamos catro vitorias e outros catro empates sendo un dos mellores equipos da categoría nesta segunda metade de campionato. A iso hai que engadir que pecharon tamén o ano pasado puntuando sumando unha xeira de nove xornadas consecutivas sen coñecer a derrota.
Un dos equipos cunha das mellores xeiras de resultados da categoría recibirá a un Compos que quere coller o último tren cara a promoción de ascenso. E vaino facer logo de asinar sete partidos en As Eiroas sen perder, caendo ante o Vilalonga na segunda e última derrota do curso. Catorce encontros ata o de agora ante a súa afección onde conseguiron sete vitorias, cinco empates e dúas derrotas, ante o xa citado Vilalonga e Céltiga, na súa estrea na casa.
A nivel individual pódense destacar xogadores coma os ex da Esedé Borja Facal, Roberto Piñeiro ou Nacho ou ben ao ex do Racing Vilalbés Iago Blanco, máximo goleador do equipo con 8 tantos ata o momento.

Queda vida?
O Compos segue loitando por acadar o obxectivo da promoción de ascenso, obrigatorio cada ano para este equipo, e logo da derrota en Vilalba é a ocasión para dar un paso adiante. Restan once xornadas para o final da tempada e grazas ao empate do Cerceda en Negreira aínda queda vida, aínda hai a esperanza e a posibilidade, anque un punto menor que fai uns días, de entrar entre os catro primeiros clasificados.
Para iso hai que comezar a recta final superando a un Bergantiños que tamén busca pechar a permanencia de xeito matemático o antes posible. Un partido nada fácil contra un rival que sempre pon as cousas moi difíciles e nun campo que o Compos visitou en tres ocasións, en Liga, para conseguir tres resultados moi diferentes. No 87, vitoria dos locais pola mínima. Tres anos despois o resultado foi máis positivo cun reparto de puntos sen goles. E xa no 2012, con Fredi no banco, chegou a primeira vitoria da Esedé en Carballo grazas aos goles de Mariño e Cardelle en propia porta. A eses dous partidos hai que engadir un partido de Copa Deputación da pasada tempada onde os nosos volveron gañar pola mínima con goles de Oliva e Chiño mentres que Borja Facal fixo o tanto dos locais.

Ao revés.
A pasada fin de semana os dous equipos conseguiron resultados moi diferentes. Un conseguíu a vitoria mentres que o outro, nun novo mal segundo tempo, non puido puntuar nun dos campos máis complicados de toda a categoría.
O Compos, como xa sabemos, volveu perder logo de seis xornadas sen coñecer a derrota, en Vilalba. Un mal partido dos nosos, sobre todo na segunda metade, e onde a falta de gol volveu verse sobre o terreo de xogo. Malia contar coa posesión do esférico, os homes de Yago Iglesias non puxeron en perigo a porta do Racing Vilalbés, que con dous goles ao final da primeira metade e da segunda asinou tres puntos de ouro.
Pola súa parte, o Bergantiños non acusou as baixas e non pasou problemas á hora de gañar a un Dubra que vai directo á Preferente se non é capaz de remedialo antes do final da campaña. Nacho, Iago Blanco e Rodrigo Alonso conseguiron os tres goles do equipo carballés nun partido fácil.

Invictos. 
O Bergantiños pode presumir ata o momento de ser o único equipo desta segunda volta que non coñece a derrota. Catro vitorias e outros catro empates avalan a un equipo que sumou 16 puntos de 24 posibles con cinco deses partidos na súa casa. A iso hai que engadir os 11 goles anotados ante os 5 encaixados dende o comezo de xaneiro.  A todo iso sumar que, agás ante o Dubra, tódalas súas vitorias chegaron pola mínima. 

A primeira volta, a ter en conta.
O partido da primeira volta en San Lázaro é para ter en conta de cara ao desta fin de semana. Non foi un encontro nada doado para ninguén ata o punto de ver seis goles nunha gran tarde dos dous equipos.
O Compos foi quen de adiantarse no marcador con goles de Rubén e Tomás superado o cuarto de hora de xogo e só catro minutos máis tarde chegou o primeiro gol dos visitantes, obra do ex branquiazul Borja Facal.
Xa na segunda metade, logo de dous minutos,  Iago Blanco puxo o empate no marcador pero a ledicia visitante non durou moito máis de minuto e medio, ata que Taboada asinou o seu primeiro gol da campaña. Mon, cun golazo, pechou unha nova vitoria dos nosos en San Lázaro, unha das máis traballadas ata o de agora.

Sen baixas pero con apercibidos.
Yago Iglesias non terá baixas nin por sanción nin por lesión para este novo partido importante, case como unha final. Sen embargo, si que haberá dous xogadores, dous fixos nos onces do adestrador, que chegan con catro cartóns, a un de cumprir sanción. Saro, que leva así xa unhas cantas xornadas, e David Uña, que xa é un fixo no centro da defensa e un seguro por diante de Lucas, non poderían estar ante o Silva nun novo partido importante a vindeira fin de semana.
Pola súa parte, Miguel Figueira poderá contar de novo con Borja Facal, baixa ante o Dubra por acumulación de amonestacións.

Horario habitual.
Logo de ter que xogar un sábado, volvemos aos domingos. O partido será o domingo en As Eiroas, Carballo, o domingo ás 17 horas. As entradas para asistir, unha semana máis, terán un prezo de 10 euros para maiores de 16 anos mentres que os menores desa idade pasarán de balde.
Por contra, que non poida ir ao partido poderá seguilo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou ben no perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario