A xornada 31 foi máis positiva para os intereses branquiazuis do que se podería agardar nun primeiro momento. Á vitoria branquiazul hai que engadir tamén que só o Deportivo B, dos catro primeiros clasificados, puido sumar os tres puntos achegando ao filial coruñés á promoción como campión de grupo. O mellor, ademais, é que o Compos recupera o sexto posto da clasificación e visitará ao Ordes a só tres puntos do cuarto clasificado.
Por segunda xornada seguida en San Lázaro, o Compos asinou os tres puntos grazas a unha diferenza de catro goles amosando unha gran superioridade de cara a porta, que non aparece fóra de Santiago. Un resultado que non só fai que o equipo ascenda de novo un posto na clasificación senón que ademais o fai superando ao Arousa no enfrontamento particular, logo do empate sen goles da ida.
San Lázaro é o mellor do equipo.
Só catro equipos dos dezaséis que pasaron polo estadio branquiazul conseguiron saír con algún punto, só dous o fixeron logo de sumar os tres puntos. Doce vitorias, trinta e oito puntos, no segundo campo onde máis puntos se quedaron despois de A Magdalena.
E ante o Arousa non foi para menos. Catro goles máis para o peto, unha boa mostra de superioridade sobre o terreo de xogo e tres puntos menos de diferenza cos postos de promoción de ascenso. Un partido onde se aproveitaron erros defensivos para conseguir ao final do primeiro tempo unha diferenza de dous goles, obra de Santi e Mon, e logo dunha gran segunda metade sen rival outros dous, de Diego Rey e Make, que por fin se estreou coa Esedé.
Outro nivel.
Dá igual quen se lles poña por diante. O Deportivo B sumou unha nova vitoria, e van sete seguidas onde tampouco encaixaron ningún gol, dun equipo superior. Un filial que só perdeu un partido en toda a segunda volta, ante o Arousa, só empatou un partido e encaixou sete goles en once partidos. Un equipo que saca xa oito puntos ao segundo clasificado e once ao quinto, amosando así tamén a pouca diferenza que hai na loita por tres dos postos de promoción.
Ante o Barbadás non amosaron esa superioridade de cara a gol que o levan a ser o equipo con máis goles da categoría (67 goles en 31 partidos) pero aínda así foron capaces de sumar os tres puntos contra un rival complicado. Un gol de Edu Expósito a dez minutos para o final foi suficiente para que o conxunto coruñés poña pé e medio na promoción como campión do grupo.
Un punto e grazas.
O Cerceda só puido saír da Illa de Arousa cun punto e grazas. O equipo de José Luis Lemos sabía que non sería nada doado puntuar nun campo difícil e ante un equipo metido na loita pola permanencia, onde agora mesmo o único que parece non estar é o Silva con sete puntos por enriba do Alondras. Chegou así a primeira boa nova da fin de semana para o Compos, dende o Salvador Otero, que deixa o terceiro posto a cinco puntos, un menos do que estaba o cuarto antes do noso partido.
O Céltiga, pensando en poñer un pé na Terceira división da vindeira tempada, adiantouse antes dos vinte minutos cun gol de Machu. Un gol que ben puido dar os tres puntos aos locais se non fora porque a oito minutos para o final Abelenda anotou o gol do empate. Reparto de puntos e todo segue máis ou menos igual.
Volta á derrota.
O Rápido de Bouzas non parece pasar por un bo momento. O equipo vigués acumula só dúas vitorias nos últimos oito partidos e ante o Castro non só volveron perder senón que ademais o fixeron logo de ir gañando ao final dos primeiros corenta e cinco minutos. Un novo pau para os de Patxi Salinas que manteñen o segundo posto logo do empate do Cerceda.
Nun mal partido marcado polo mal tempo e o estado do terreo de xogo, o equipo visitante adiantouse no marcador a cinco minutos para o final do primeiro tempo cun gol de Tomás logo dunha xogada individual. Xa na segunda metade, Iván González conseguiu o gol do empate para o Castro e Rucho, a dez minutos para o final, asinou o da remontada. Tres puntos importantes para outro dos equipos que se está a xoga-la vida.
De novo na pelexa.
O Racing Vilalbés encaixou tres derrotas consecutivas logo de superar ao Compos en A Magdalena pero o equipo de Óscar Gilsanz volveu ao camiño da vitoria o mesmo día no que Gerardo, que se mancou ante a Esedé, volveu ter minutos sendo unha vez máis un dos xogadores máis importantes para o seu equipo.
Ante un Silva que ten a permanencia na man, o Racing Vilalbés aproveitou para anotar os dous goles do partido na segunda metade. Javi Varela fixo o primeiro dez minutos despois do paso por vestiarios mentres que Gerardo pechou a vitoria a sete minutos para o final na súa volta ao terreo de xogo. Ademais, con esta vitoria igualan en puntos ao cuarto clasificado.
Seguen invictos.
O Bergantiños segue sen perder no que vai de ano. O equipo de Carballo, que perdeu o sexto posto logo da vitoria do Compos ante o Arousa, sumou un novo punto en As Eiroas ante un Barco que parece entrar na zona tranquila logo de catro xornadas sen perder e dous empates consecutivos.
Os locais puideron adiantarse no marcador ao filo do descanso grazas a un gol do ex da Esedé Nacho e cinco minutos logo da reanudación foi Cristóbal o encargado de igualar o resultado dende os once metros. Un resultado que achega aos ourensáns ao seu obxectivo e que deixa ao Bergantiños a catro puntos do cuarto, con un punto menos que o Compos.
Xornada moi dura.
A xornada 32 pode ser moi importante para os intereses branquiazuis. Cinco partidos onde se xogará a promoción de ascenso e a permanencia, que está máis cara que o ascenso, e onde destacan os enfrontamentos entre Arousa e Bergantiños en A Lomba e o Deportivo B contra o Racing Vilalbés en Abegondo.
A vindeira fin de semana terá grandes encontros entre os que hai que engadir o Órdenes-Compos. Un partido que semella doado para o noso equipo ante o pechacancelas, xa descendido de xeito matemático dende hai xa varias xornadas. Un partido onde non se pode fallar e do que hai que volver a casa cos tres puntos.
De sumar ese tres puntos, obrigatorios, hai que pensar tamén en outros dous partidos da xornada dos que se pode sacar algo aínda máis positivo. E é que o Racing Vilalbés, cuarto, visitará ao Deportivo B, líder e intratable na busca da promoción como campión de grupo, que lles dá opción a un esvarón na primeira rolda da promoción, mentres que o Arousa, cuarto, recibirá ao Bergantiños, sétimo. Dous equipos empatados con 55 puntos e que terán dúas citas moi duras contra equipos metidos na pelexa e que non sería nada raro que se deixasen puntos.
Algo máis doado para seguir polo bo camiño podería telo o Rápido de Bouzas. O equipo vigués recibirá na casa a un As Pontes que está moi preto de asinar o descenso á Preferente Norte, algo que se confirmaría se non gañan a vindeira xornada no Baltasar Pujales.
Pola súa parte, o Cerceda tamén xogará na casa ante un Alondras que pecha agora mesmo os postos de descenso, cinco polo momento ante o descenso do Somozas que a piques está de confirmar tamén a súa volta á Terceira división. Un partido onde os homes de Nacho terán que recuperar o gol logo do partido ante o Choco, onde non conseguiron ver porta malia ter moi boas ocasións durante os noventa minutos, ou ben o Cerceda podería facerse co segundo posto.
Polo de agora, logo de 31 xornadas, así queda a loita pola promoción:
Ningún comentario:
Publicar un comentario