Festa do clube

No que foi declarado 'Día do clube' en San Lázaro, o Compos sumou tres puntos moi importantes nunha gran final ante o cuarto clasificado. Unha vitoria contundente contra un rival directo pola promoción onde se puido ver unha grande efectividade local cun segundo tempo onde non apareceu o Arousa. Dominio de principio a final e outra final na casa superada conseguindo de novo unha diferenza de catro goles no marcador. 
Santi, que non puido rematar o partido, Mon, Diego Rey e Make, que por fin se estreou coa camisola branquiazul, foron os autores dos catro goles. Unha goleada que puido ser maior de non ser polos erros ante o porteiro da segunda metade, entre os que destaca o de Martín na súa volta ao equipo logo de varias xornadas fóra das convocatorias errando a que parecía ser a ocasión máis clara do encontro. 

Dano co xogo directo. 
Se por algo se caracteriza o Arousa é por ser un equipo ao que lle gusta ter a pelota e facer un fútbol de toque contando cun bo centro do campo. En San Lázaro buscaron facer o seu xogo pero, por sorte, non chegaron a Santiago coa suficiente puntería para bater a un Lucas que deixou a súa porta a cero unha xornada máis. 
Na outra portería, na defendida por Pazos, as ocasións chegaron antes dos dez minutos de xogo, logo dun arrinque sen dono sobre o terreo de xogo coa posesión dividida. Rubén avisou aproveitando un erro defensivo perdoando no man a man e, cinco minutos máis tarde axudou a Santi no primeiro tanto do partido. 
O extremo vilagarcián amosou o seu potencial ante o seu ex equipo quedando ás portas do gol en varias ocasións. Na segunda ocasión clara que tivo nas súas botas topouse co porteiro local, que evitou o gol no man a man. O rexeite caeu a Santi que non perdoou empurrando a pelota ao fondo da rede. 

Sen dono. 
Co primeiro gol xa no marcador, a posesión da pelota dividiuse co Arousa levando pouco perigo sobre a porta de Lucas con Fran Monroy e Julio Rey como homes máis adiantados. Ao porteiro hai que engadir o bo traballo de David Uña no centro da defensa evitando algún outro susto por parte do equipo arousán, e vendo un novo cartón amarelo por un empurrón cando Monroy chegaba á área.
Na portería visitante, Mon buscou a portería en dúas ocasións con dous disparos dende fóra da área quedando ás portas dun gol que asinou algo antes do final do primeiro tempo. O centrocampista, ademais, foi o autor de cortar unha contra perigosa vendo un cartón amarelo e un minuto máis tarde encarrilou a vitoria.
Rubén, que apareceu no primeiro gol, fíxose cun balón dividido na área rival e pasoulla a Mon, fóra da área. O canteirán pegoulle de primeiras marcando o golazo do partido. A pelota entrou lambendo o pau dereito da portería de Roberto Pazos, que non puido facer máis. 

Segunda metade branquiazul.
Se a primeira metade non tivo un dono claro cos dous equipos loitando por facerse coa posesión da pelota, a segunda foi branquiazul con claridade. Sen necesidade de tanto fútbol directo, o Compos non precisou máis de seis minutos para sentenzar a vitoria. Un novo gol, terceiro, onde tamén interviu Rubén e no que Recoba puxo a camisola de asistente. 
Centro do centrocampista uruguaio dende o lateral da área, Rubén impide que o porteiro poida atrapar a pelota e o despexe cae a Diego Rey. O asturiano pégalle de primeiras e aproveita o barullo na área para pegarlle de primeiras de volea. Pazos toca a pelota pero non é quen de evitar o gol. 
A seguinte media hora de xogo pasou a ser máis tranquila, co partido rematado e coa Esedé xa case pensando na seguinte xornada na que haberá que visitar a un Ordes xa descendido matematicamente. As malas novas destes minutos posteriores foron a lesión de Santi, que tivo que deixar o seu posto logo de ser atendido no campo, e a sobrecarga de Rubén, que foi substituido por un Make que por fin puido estrearse coa elástica branquiazul. 

Puideron ser máis. 
Martín entrou ao terreo de xogo a vinte minutos para o final. Un mes despois de ter minutos ante o Racing Vilalbés, o dianteiro estivo a piques de ver porta ante o Arousa. Aos dous minutos de entrar tivo a primeira clara ante Pazos, que evitou o seu gol cunha gran intervención. Non obstante, o maior erro do santiagués chegou minutos despois mandando o balón por enriba da portería cando o máis doado sería marcar o cuarto. 
O cuarto chegou no último minuto, obra dun Make que se estrou coa Esedé logo de case dous mil minutos baixo o mando de Yago Iglesias. Un bo gol do lugués que aumentaba aínda máis a diferenza co que todavía é o cuarto clasificado, empatado a puntos co Racing Vilalbés.

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, David Uña, Taboada, Cabrejo; Ube, Mon; Diego Rey (Martín, min. 71), Rubén (Make, min. 82), Recoba; e Santi (Nogueira, min. 53).
CARTÓNS: Amarelos para Uña e Mon.
GOLES: 1-0 13' Santi, 2-0 43' Mon, 3-0 51' Diego Rey, 4-0 89' Make.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario