A promoción nunca estivo máis en xogo que nesta xornada. Compos e Arousa, sétimo e cuarto clasificados, buscarán estreitar un pouco máis a diferenza cos equipos dos catro primeiros postos nun partido calificado como 'Día do Clube' por parte da Esedé. Nova cita en San Lázaro onde, a pesar do tempo e ter que pasar todos por taquilla, a afección ten que ser o xogador número doce.
Oito xornadas por diante e recibimos a un dos favoritos para facerse cun dos catro postos que dan opción a loitar por ascender á Segunda B. Un encontro que podería considerarse de 'catro puntos' xa que o que se leve os tres puntos tamén se levará a diferenza de goles a nivel particular logo do empate sen goles da primeira volta. Outro dos clásicos da Terceira galega.
Irregular.
O Arousa, que partía como un dos favoritos para rematar a tempada na promoción de ascenso, tivo un curso un tanto irregular. Contando tamén na Copa RFEF, onde caeu a dobre partido ante a Ponferradina, o equipo vilagarcián arrincou moi ben a tempada con catro vitorias e outros tantos empates nas oito primeiras xornadas de liga, saíndo ademais de Abegondo cos tres puntos. Fortes na casa, onde non perden en liga dende o mes de abril do ano pasado ante o Boiro, xa que si o fixeron en Copa RFEF ante o conxunto castelán no pasado mes de novembro.
Os bos resultados na casa non son tan bos cando saen de A Lomba. Tanto é así que só conseguiron unha vitoria e un empate nas seis últimas saídas. Tamén hai que destacar que foron capaces de sacar os tres puntos de campos complicados como son Abegondo ou Calabagueiros. En total, a domicilio suman 19 puntos de 42 posibles aumentando a probabilidades de vitoria branquiazul este domingo.
A nivel individual hai que destacar a dous homes. Monroy e Sylla suman cada un 8 goles, moi seguidos por Rivas con 6. 22 goles dos 45 totais entre só tres homes aos que hai que engadir tamén a Sidibé, ex de Boiro e Depor B que ademais é un dos xogadores con máis calidade do equipo.
Invictos.
O Arousa non gañou en Santiago en ningunha das súas visitas ao Compos. Catorce enfrontamentos na capital galega e só tres puntos saíron camiño de Vilagarcía en forma de tres empates, un deles sen goles sendo o único partido onde a Esedé non anotou ante o conxunto arlequinado. 39 goles en 14 encontros sendo só 8 por parte dos vilagarciáns.
Dun 0-0, rexistrado no 1979, ata un 5-0 no 68 pasando por catro 1-0. As vitorias da Esedé nestes partidos, aínda que moitas, non chegaron con amplas diferenzas no marcador agás en 5 ocasións, nas que a vitoria foi por máis dun gol de diferenza a prol dos locais. Destacan os partidos con moitos goles nos primeiros antecedentes. 4-1, 5-1, 3-1 e 5-0 foron catro dos cinco primeiros resultados conseguidos en Santiago ante o Arousa mentres que no 2009, o último antecedente, o resultado foi de 3-0 na despedida da categoría antes do ascenso en terras aragonesas con dous goles de Vladimir e outro de Álex Blanco.
Catro puntos.
Sumar a vitoria neste encontro entre dous equipos que buscarán chegar ao final da tempada con opcións. Para iso, un terá que facerse cos tres puntos e aumentar ou diminuír a diferenza de 6 puntos. Un partido que pode meter de novo na loita a Compos e medrar as opcións de Bergantiños así como achegar de novo ao Racing Vilalbés ao cuarto posto. Pero a iso hai que engadir tamén o resultado da primeira volta.
O gañador desta final en San Lázaro non só se levará os tres puntos na clasificación senón que ademais terá no seu poder a vantaxe de goles no enfrontamento particular, que ao final da tempada podería ser moi positivo se os dous equipos rematan con empate de puntos. Ademais, hai que recordar que no partido en Vilalonga non houbo goles, polo que o que sume a vitoria tamén se fará con este punto particular. Tamén sería positivo para os visitantes se conseguen un empate con goles mentres que os nosos só poden gañar tanto para manterse con vida na loita pola promoción como á hora de superar aos arlequinados nun posible empate de puntos en maio.
Mellor día para os arlequinados.
O Arousa saíu moi beneficiado da xornada anterior. O equipo arousán superou ao Dubra no que foi o partido onde os de Bembibre confirmaron o seu descenso de categoría. Unha goleada dos locais ao equipo de Baleato e tres puntos máis para o equipo de Vilagarcía. Eloy, Rivas, Gonzalo Suárez en propia porta e Sylla foron os autores dos catro goles arlequinados nun partido que rematou 4-1 cun gol de Adrián antes do final para maquillar o resultado.
Menos sorte tivo o domingo pasado un Compos que non puido pasar do empate en O Barco. Un partido que, logo dun mal primeiro tempo, mellorou grazas ao gol de Diego Rey a media hora para o final. Iago Beceiro, superado o minuto oitenta de xogo, asinou o empate para o seu equipo. Xa no engadido puido chegar a sorpresa cun libre indirecto que non foi quen de transformar Recoba.
A iso hai que engadir que os dous equipos chegan de xogar entre semana. O Arousa tivo que enfrontarse na Copa Deputación de Pontevedra ante o Marcón Atlético. Un partido onde os de Vilagarcía caeron para sopresa de todos grazas a un gol no primeiro minuto de xogo do equipo local, obra de Ángel.
Pola súa parte, o Compos amosou a súa parte máis solidaria ao lado de Santiago Futsal e Obradoiro para xogar a fútbol sala e baloncesto en Santa Isabel e onde se puideron recaudar cartos para a fundación Down Compostela e no que gozar dun bo espectáculo.
Dúas baixas.
Logo da festa benéfica en Santa Isabel, onde puidemos ver que os nosos xogadores tamén se defenden moi ben cunha pelota de baloncesto, sabemos que só haberá dúas baixas para esta cita tan importante en San Lázaro. Tomás, que segue recuperándose da súa lesión, e Cardeñosa, baixa ante o seu ex equipo aínda con problemas logo do golpe contra Taboada no partido de hai dúas semanas, serán as únicas ausencias para un Yago Iglesias que recupera a David Uña.
Por contra, conta tamén con dous homes apercibidos de sanción que non poderían estar a vindeira fin de semana en Ordes. Saro, que xa conta con catro cartóns dende hai varias xornadas, e Ube, que se convertíu nun fixo para o adestrador no centro do campo, non poderían estar noutra das citas importantes deste final de campionato na casa do último clasificado, xa descendido.
Día do clube.
Nesta cita tan importante, o domingo ás 17 horas, o clube decidíu que os socios tamén teñan que pasar por caixa. Ademais, o resto de entradas tamén aumentan o seu prezo habitual incluíndo as dos afeccionados visitantes, que xa amosaron o seu malestar ante esta nova e diminuíndo as opcións de viaxe dos siareiros vilagarciáns, que adoitan desprazarse co seu equipo.
Os socios branquiazuis terán que aboar 5 euros nas oficinas antes do venres ou ben nas taquillas o día do partido amosando o abono. Os menores de 17 anos poderán pasar de balde. Pola súa parte, os que non sexan socios do clube, ao igual que os visitantes, terán que pagar 15 euros os maiores de 17 anos, 10 os rapaces entre 11 e 17 anos e de balde para os menores de 11 anos.
Quen non poida asistir a esta cita importante poderá escoitar o encontro a través da 'Esedé Radio', na web oficial do clube, ou ben seguilo en directo nas diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, e no perfil oficial do clube en Twitter.
Ningún comentario:
Publicar un comentario