Botando un ollo ao pasado, á última tempada do Compos na Terceira división, atopamos moitas coincidencias que poden facer pensar que este equipo podería facer algo grande de aquí ao final do presente curso. E é que o arrinque desta segunda volta pode aumentar as opcións do equipo de rematar entre os catro primeiros clasificados, un obxectivo fóra das posibilidades segundo a directiva ao comezo da campaña.
Hai xa catro anos e medio arrincaba unha nova tempada da Esedé en Terceira chea de ilusión logo do ascenso de Preferente e co obxectivo claro de asinar un segundo ascenso consecutivo ante rivais da talla de Racing de Ferrol, Celta B, Deportivo B ou Pontevedra entre outros. Con Joselu coma xogador máis destacado e con Anxo Casalderrey e Fredi no banco, este último tomou o control do equipo coa tempada xa comezada, o equipo chegou ao final na terceira posición e, posteriormente, facendo unha moi boa fase de ascenso coa que acadar un novo ascenso de categoría.
Un punto menos.
Pois ben, entre esa pasada tempada, a 2012/13, e ésta atopamos moitas coincidencias que poderían facer pensar que se están a facer ben as cousas en 'Casa Compos' esta tempada, anque con máis rivais na loita polos catro primeiros postos nunha loita que se prevé moi igualada ata o final.
Levamos xa 24 xornadas e non se pode falar de diferenza de puntos. De feito, só hai un punto de diferenza entre os dous equipos. Unha diferenza que si se pode ver na clasificación xa que con case os mesmos puntos o equipo de Fredi ocupaba a terceira posición mentres que o de Yago Iglesias é sexto.
Joselu ou Tomás, Diego Rey e Santi?
En canto a goles, atópase outra coincidencia quizais un tanto máis sorprendente. Na anterior etapa, Joselu levaba máis da metade dos goles do equipo (22 de 40) mentres que este ano a cousa está moito máis repartida. Ata quince xogadores se reparten os 40 goles do equipo con Tomás, Diego Rey e Santi coma autores da metade dos goles. Máis diferenza hai, agora si, no tema dos goles encaixados xa que esta campaña recibimos 11 máis.
A gran diferenza entre as dúas tempadas está na clasificación. A estas alturas, no 2013, o equipo era terceiro con catro puntos por enriba do quinto e a dezaoito do primeiro clasificado, o Racing de Ferrol. Por contra, anque o equipo desta campaña é sexto, está moi metido na loita polo ascenso con cinco puntos máis que o seguinte na táboa e a catro do cuarto clasificado. Ademais, entre o primeiro e o sexto só hai oito puntos de diferenza.
Xeiras moi positivas.
O tema das xeiras tamén foi importante na Terceira en 2013. Naquel curso, o equipo foi quen de sumar catro vitorias consecutivas, cinco contando a do primeiro encontro da promoción, e ata trece xornadas consecutivas sen coñecer a derrota, que ascenden a dezanove sumando de novo os partidos da promoción de ascenso. Por contra, este equipo leva catro vitorias consecutivas logo de perder ante o Depor B no primeiro encontro deste 2017 e agora terá que enfrontarse a dous equipos máis con medio pé na Preferente galega.
E aínda hai outro dato que recorda a aquela campaña, este chegando dende fóra de San Lázaro. A anterior etapa sumáronse 6 xornadas consecutivas sen coñecer a derrota a domicilio mentres que o equipo actual suma as mesmas e con opcións de aumentar na vindeira fin de semana, en O Poboado.
Vendo todo isto, a esperanza dun novo ascenso de categoría vai en aumento cada fin de semana anque será moito máis difícil facerse cun dos catro postos que dan a posibilidade de entrar na promoción de ascenso. Para iso, primeiro hai que superar este domingo ao As Pontes en O Poboado nunha xornada onde a derrota se pode pagar a un alto prezo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario