Ata aquí chegou a xeira de vitorias do noso Compos. Só un punto saíu de O Poboado, un campo difícil, e grazas ao bo traballo de Lucas evitando algo peor nun mal partido por parte dos nosos e sen intensidade nin tensión ata o engadido, onde tamén chegou a polémica. Dous goles, un por equipo, e outro anulado nun encontro con pouco fútbol e no que os problemas chegaron antes de saír de San Lázaro, cando houbo que chamar a Borja Míguez para substituir a Rubén, baixa de última hora por enfermidade.
Cando Diego Rey e Recoba non teñen un bo día, o equipo ten problemas. Hoxe, os dous xogadores máis importantes da Esedé non puideron facer das súas ante un rival que saíu a polo balón obrigando aos nosos a buscar a porta rival á contra. O uruguaio, que tivo nas súas botas o tanto da vitoria, asistíu a Saro no gol branquiazul mentres que o asturiano rematou o encontro expulsado por dobre amonestación logo de protestar un gol anulado xa no engadido.
Mal primeiro tempo.
Coa mente posta na quinta vitoria consecutiva e cun once un tanto diferente ao que nos acostuma Yago Iglesias, con David Rey e David Uña compartindo o centro da defensa e Cabrejo no centro do terreo de xogo, o equipo non puido frear a un As Pontes obrigado a sumar para achegarse aos postos de permanencia.
Un Compos sen perigo, incapaz de facerse coa posesión da pelota, só foi quen de poñer en problemas ao porteiro local nunha ocasión nos primeiros corenta e cinco minutos cun testarazo de David Uña logo dun córner onde o madrileño amosou, unha vez máis, a súa superioridade nos balóns altos.
A eses problemas á hora de finalizar as poucas ocasións que tiveron os da capital hai que engadir as facilidades postas ao As Pontes para chegar á portería de Lucas, moi seguro de novo salvando ao equipo do que puido ser unha nova derrota.
Dun mal partido...
Corenta e cinco minutos sen goles, sen ocasións e case se podería dicir que sen fútbol que foron seguidos dun arrinque da segunda metade igual. Máis de dez minutos sen máis, onde o Compos parecía mellorar durante os primeiros intres pero nada máis alá da realidade.
...Á tolemia.
O partido pasou de non ter goles, dun encontro que parecía que remataría como empezou, aos dous tantos co que se modificou o marcador, un por equipo, amosando os problemas en defensa de ambas escadras.
Recoba sacou por fin o mellor. Boa xogada individual do mellor xogador da categoría e asistencia para Saro, que bate ao porteiro cun disparo por baixo chegando dende atrás. Bo gol e as esperanzas de sumar os tres puntos medraban logo de case unha hora sen opcións.
Sen embargo, a ledicia non durou case nada. O partido abríuse logo do gol e o As Pontes aproveitouse para empatar. Tiveron unha ocasión moi clara, que salvaron entre Lucas e David Rey, pero non perdoaron a seguinte. Falta ao corazón da área e alí aparece Callón para poñer de novo o empate no marcador.
Sen sorte tampouco contra dez.
A algo menos de quince minutos para o final, o As Pontes quedou con dez xogadores. Rubén viu un cartón vermello directo deixando ao equipo local cun home menos. Aínda así, o Compos non foi capaz de poñer en problemas á zaga dun equipo que se tivo que defender para evitar unha nova derrota.
Polémica final.
O Compos buscou o gol con máis intensidade canto máis se achegaba o final e na derradeira xogada do encontro puido chegar. Sen embargo, o colexiado decidíu anular o gol de Diego Rey por falta sobre o porteiro nun córner. A iso hai que engadir que, ante as protestas, o colexiado amosou o segundo cartón amarelo ao asturiano deixando tamén á Esedé con dez e sen unha das pezas máis importantes de cara ao partido da vindeira fin de semana ante o Dubra.
Con este empate o Compos non puido aproveitar totalmente as derrotas de Arousa e Cerceda nin o empate do Rápido de Bouzas. Aínda así, un punto o separa do quinto e catro do cuarto.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, David Rey, David Uña, Mon; Ube; Diego Rey, Tomás (Nogueira, min. 73), Recoba, Cabrejo; e Santi.
CARTÓNS: Amarelos para Tomás, Saro, Taboada e Cabrejo. Expulsado Diego Rey por dobre amonestación.
GOLES: 0-1 58' Saro, 1-1 66' Callón.
CAMPO: O Poboado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario