Recoba deixa os tres puntos

O Compos asinou tres puntos moi importantes nun derbi moi competido. Emoción ata o final, ao igual que no partido da primeira volta, onde Recoba foi o xogador máis importante con dous goles que serven para sumar un triunfo máis, que separa máis ao sexto e o sétimo clasificados mentres que a diferenza tanto co cuarto coma co quinto se mantén unha fin de semana máis. 
O Dubra, cun pé na Preferente da vindeira tempada, non quixo deixar nada doado aos nosos e, logo de encaixar un gol no primeiro tempo malia ter unha defensa firme, fixo un gran segundo tempo con opcións de levarse algo máis perigoso. Por sorte apareceu o mellor xogador da categoría marcando a diferenza unha semana máis sen a compañía de Diego Rey. 

Total dominio sen perigo. 
Os homes de Yago Iglesias fixeron un moi bo primeiro tempo co balón. Posesións moi longas en campo contrario pero sen levar perigo á portería dun Dubra que, sabendo que non tería fácil facerse coa posesión do esférico buscou as ocasións á contra. Tanto foi así que non houbo ningún achegamento ata os dez minutos de partido, cun centro ao que non puido chegar Rubén para rematar.
Sen medo, a Esedé buscou abrir ocos na defensa dubresa sen poder poñer en perigo ao porteiro ata os vinte minutos, cando tivo que intervir sen esforzo ante un disparo de falta de Mon. Por contra, na outra parte do campo, o Dubra si que puido provocar algo máis de perigo á contra, anque atopándose cun bo David Uña, un seguro en defensa e ben en ataque cando subíu a polo gol. 

Tomás e Recoba, a outro nivel. 
Se hai algo claro é que hai algúns xogadores no equipo que están a outro nivel. Tomás e Recoba sorprenderon de novo á defensa visitante e, algo antes do final do primeiro tempo, fixeron o primeiro gol da tarde. Un golazo para marcar as diferenzas dun home doutra categoría.
Nova posesión longa do Compos, pelota para Tomás, o vigués pon o balón entre a defensa e aparece o gran Recoba. O extremo faise co esférico e supera a Iván no man a man cunha gran vaselina. Golazo do uruguaio sumando xa o quinto na súa conta particular dende a súa chegada a 'Casa Compos' alá polo mes de novembro, cando debutou con gol en Vilalonga.

Diferente segunda metade. 
Se na primeira parte foi o Compos o que levou o ritmo do encontro, na segunda foi o Dubra. Por debaixo no marcador, o equipo de Baleato saíu ao terreo de xogo coa intención de empatar o antes posible e, con algo de sorte, darlle unha boa nova á súa afección, que non se quixo perder unha nova visita do seu equipo a San Lázaro. 
Gozaron da posesión da pelota e, a diferenza da primeira parte, buscaron con máis intensidade a porta Lucas en corenta e cinco minutos onde houbo a tensión e a intensidade que non houbo durante o primeiro tempo, ao que engadir tamén as interrupcións por parte dos dous equipos. 
Tiveron máis opcións de conseguir, como mínimo, un punto e, incluso, sumar un resultado histórico para o equipo do Val do Dubra. E, a vinte minutos para o final, conseguiron o merecido gol, obra de Gonzalo a pase de Ferreiro. Unha vez máis, perdoar podía saír moi caro aos nosos.

Reacción rápida. 
Unha vez máis, o Compos puido responder moi rápido ao rival. Algo máis de cinco minutos fixeron falta para que o equipo buscase, entre os paróns, un segundo gol para sentenzar. E, de novo, apareceu a mellor versión de Recoba para dar tres puntos importantes a un equipo que suma xa seis xornadas sen coñecer a derrota. 
As faltas sucedéronse durante toda a segunda metade e logo dunha chegou o gol. Agarrón de Adrián Vázquez a Tomás, que o derruba, e recolle a pelota David Nogueira evitando que o colexiado frease a ocasión de perigo. O dianteiro da capital puxo un centro medido para Recoba e este, que tamén tivo a opción de marcar un máis, definíu á perfección ante o porteiro. Novo golazo para achegarse aos de enriba da táboa de goleadores do equipo. 
Puido chegar un terceiro tamén xa no engadido un novo gol branquiazul nunha xogada de tres para dous cun erro na finalización, á que non chegou Tomás.

Máis preto que nunca.
Esta xornada, de onde se podían aproveitar o resto de resultados, deixou todo moi igual. A diferenza é que o Compos visitará o vindeiro sábado ao Racing Vilalbés, cuarto a catro puntos, no que será o sobranceiro da xornada.

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, David Uña, Cabrejo (Samu, min. 81); Mon, Make; Tomás, Recoba, Rubén (Nogueira, min. 75); e Santi (Martín, min. 58).
CARTÓNS: Amarelos para Make, Mon e David Uña.
GOLES: 1-0 43' Recoba, 1-1 72' Gonzalo, 2-1 78' Recoba.
CAMPO: San Lázaro. Mellor entrada da tempada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario