Chega un dos grandes partidos desta tempada. O Compos visitará este sábado a un Racing Vilalbés intratable na casa coa intención de sumar unha vitoria a domicilio que o achegue aos postos de promoción de ascenso. Un partido, o sobranceiro da xornada na categoría, entre dous dos favoritos para loitar por ese ascenso que, no grupo I, parece que non será nada doado.
Dous dos mellores equipos ante a súa afección que nos poden deixar un dos mellores enfrontamentos do ano. Polo menos iso é o que se pode pensar ao ver tódolos datos previos desta cita en A Magdalena, campo do que menos puntos saíron ata o de agora. Será capaz o Compos de ser o primeiro equipo que gaña en Vilalba?
A súa casa, un fortín.
O Racing Vilalbés comezou a tempada moi forte. Dende a primeira xornada, o equipo de Óscar Gilsanz ocupa un posto de promoción de permanencia grazas ao traballo duro e os resultados case inmellorables que conseguen cada fin de semana. Tanto é así que o equipo de Vilalba aínda non sabe o que é perder en A Magdalena, de onde só saíu un punto de 39 que estiveron en xogo.
O equipo de Gilsanz non é só un dos mellores da categoría, con grandes xogadores, senón que ademais é un muro, case, imposible de derrubar cando xoga ante a súa xente. Así o puideron comprobar doce dos equipos que pasaron polo seu campo saíndo del sen puntos, entre eles Rápido de Bouzas, Cerceda e Depor B. Ademais, trátase dun equipo con moito gol e que non encaixa moi poucos no seu fortín.
Ata o de agora, en xeral, suman 49 puntos grazas a 36 goles a favor e 21 en contra, sendo o segundo equipo que menos goles recibíu nas 26 xornadas que levamos ata o de agora. Deses tantos, 27 os anotaron en Vilalba mentres que só recibiron 8, só un deles nos últimos sete encontros.
A nivel individual, é un equipo no que non é doado destacar algún xogador. Sen embargo, hai un que grazas aos seus goles mantén ao equipo nos postos altos. Gerardo é o máximo artilleiro do equipo con 13 tantos, ademais de ser o home con máis cartóns que vai de tempada.
Unha xeira que ven de antes.
Os grandes resultados do Racing Vilalbés ante os seus siareiros non son cousa desta tempada. O pasado curso, que pecharon a 5 puntos da promoción de ascenso, só caeron na súa casa en tres ocasións. De feito, a última vitoria visitante en A Magdalena leva a data do 8 de maio, último partido da tempada na casa ante un Boiro que ascendería tres semanas máis tarde logo de superar ao Caudal Deportivo.
Esa caída, que deixou sen opcións ao equipo lugués, chegou logo de case seis meses despois de perder contra o Negreira. Así é que van case dous anos nos que só perderon nunha ocasión, un dato moi difícil de igualar e que ven a demostrar o bo traballo do Racing na súa casa, onde se pode destacar que só se contaron seis derrotas nas tres últimas tempadas.
A todo iso hai que engadir que na presente tempada, na que xogaron 13 partidos, sumaron todo por vitorias agás un empate ante o Negreira a mediados do mes de outubro. Ademais, só encaixaron un gol na súa casa dende ese tropezo, ante o As Pontes en xaneiro.
Só un precedente.
Compos e Racing Vilalbés só se viron as caras nunha ocasión na Terra Chá. Foi no 2013 cun resultado que agora mesmo non axudaría demasiado nos plans do clube branquiazul. Un empate a un gol que no caso do noso equipo foi obra de Tachi, sufrindo rápido un empate.
Xa en San Lázaro, na primeira volta, as cousas son un pouco diferentes. Chegaba a San Lázaro un equipo que descoñecía a derrota no comezo da tempada e non puido cun Compos superior, nun partido cheo de cartóns e no que Nogueira, que entrou no primeiro tempo por Santi, fixo o único gol.
Por contra, será a segunda vitoria á Terra Chá no que vai de campaña logo da visita ao Municipal de Castro na primeira volta, de onde o noso equipo non puido volver con puntos logo de sufrir unha remontada ante o Castro nun segundo tempo para esquecer.
Volve unha parella letal.
Diego Rey e Recoba están a amosar un nivel doutra categoría. Unha parella ofensiva moi perigosa que suma xa once goles dende que xogan xuntos, dez no que vai de ano, sendo dúas pezas moi importantes para o equipo á hora de aumentar a boa serie de resultados que levan ao equipo camiño dunha boa remontada na táboa. Dúas pezas moi importantes para Yago Iglesias que volverán ao once logo da sanción do lugués.
A eles dous hai que sumar o bo traballo baixo paus de Lucas, o muro formado por David Uña no centro da defensa, e o resto dun equipo que cada partido fai un xogo mellor, dende a portería ata a dianteira.
Superiores este ano.
Unha semana máis, o Compos segue a ser o mellor equipo no que vai de ano. O equipo de Yago Iglesias sumou unha nova vitoria ante o Dubra a pasada fin de semana manténdose no máis alto na táboa da segunda volta, onde o Racing Vilalbés non parece dar co punto para seguir sumando os bos resultados da primeira volta que o levaron a consolidarse nos postos de promoción de ascenso.
Ata o de agora, en sete partidos, o Compos sumou cinco vitorias, un empate e só unha derrota ante o Depor B na xornada que abría este 2017. Un equipo que ademais parece contar con moito gol logo de recuperar a mellor versión de Diego Rey, á que acompaña o nivel fóra de serie de Recoba, ademais dun gran nivel en defensa coa chegada de David Uña, xa convertido en fixo na zaga.
Por contra, no mesmo tempo o Racing Vilalbés non foi quen de sumar máis de dúas vitorias na casa ante As Pontes e Dubra. A domicilio, por contra, as cousas non lle foron moito mellor xa que suman dúas derrotas e tres empates aumentando os malos resultados fóra da casa, onde non gañan dende o mes de novembro.
Con todo.
Yago Iglesias poderá contar con todos os seus xogadores por fin. Logo da fin de semana sen Diego Rey nin Taboada, os dous sancionados, ante o Racing Vilalbés poderán estar todos no que será un dos partidos máis difíciles da tempada. Por contra, Saro segue apercibido unha semana máis e non podería estar en Carballo ante o Bergantiños a seguinte xornada de ver un cartón amarelo.
Sábado e coa televisión.
No horario hai dúas novidades importantes. O partido será o sábado para evitar que coincida co Entroido ás 16:45h en A Magdalena, Vilalba. As entradas para o partido, unha vez máis, terán un prezo xeral de 10 euros.
Para quen non poida desprazarse ata a Terra Chá, o partido será televisado en directo a través da segunda canle da Televisión de Galicia (TVG2). Ademais, poderase seguir nas redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou ben no perfil oficial do clube en Twitter.
Ningún comentario:
Publicar un comentario