Chega xa o terceiro encontro ante rivais en postos perigosos nesta segunda volta. Logo do empate polémico en As Pontes, o equipo buscará volver ao camiño da vitoria en San Lázaro nun derbi ante o Dubra. Un partido onde os dous equipos están obrigados a sumar os tres puntos para achegarse aos seus obxectivos principais, moito máis difícil para os homes de Bembibre.
Un Compos que suma cinco partidos sen coñecer a derrota recibirá a un Dubra en horas baixas e que leva sete xornadas sen puntuar, doce sen coñecer a vitoria. A todo iso hai que engadir que o Compos é o segundo mellor equipo cando xoga de local mentres que o Dubra é o peor equipo cando sae do Juan Baleato.
Buscando a épica.
O Dubra non está a pasar por un bo momento na que é a tempada máis importante da súa historia, a primeira que xogan na Terceira división. Ocupan agora mesmo a penúltima posición da táboa e, tal e como están as cousas na Segunda B, están a 16 puntos dos postos de permanencia, algo que parece case imposible para os homes de Baleato.
Unha das razóns da mala campaña do equipo dubrés atópase nos partidos fóra do Juan Baleato, onde aínda descoñecen a vitoria. Xogaron ata o de agora 12 partidos lonxe de Bembibre cuns resultados que non deixan contento a ninguén. Nesas doce saídas só conseguiron volver a casa con puntos en dúas, dous empates en As Pontes e Barbadás.
En canto aos goles tampouco están para tirar foguetes. É o segundo equipo que menos goles anota (20) e o segundo tamén que máis recibe (50) só superado nos dous casos polo Ordes, con pé e medio na Preferente. Deses 20 goles, só tres chegaron a domicilio quedando sen marcar en nove partidos. Ademais, recibiron 26 tantos con goleadas como o 4-1 recibido en Ordes, o 5-0 en Cerceda ou o 3-0 en Castro, xa neste 2017.
Nun equipo con tan pouco gol destaca entre os demais Eloy Diaz. O dianteiro coruñés, importante no ascenso do equipo a pasada tempada, é o máximo goleador dos seus con 8 goles ás súas costas, case a metade de todo o equipo. Ademais, outra peza importante do equipo dubrés, chegado no mercado de inverno, é o ex da Esedé Mariño.
Precedentes positivos.
O Dubra visitou San Lázaro para enfrontarse ao Compos en tres ocasións, nas que non foi quen de levarse os tres puntos nunca. Tres encontros que, a diferenza desta campaña, chegaron na Preferente Norte coincidindo cos mellores anos do equipo de Bembibre, xa que a primeira ocasión chegou tamén logo do primeiro ascenso do cadro amarelo á Preferente Norte.
Na 2007/08 asinaron o seu mellor resultado. Empate a un gol, obra do ex branquiazul Alex Blanco para os visitantes e de Manu dende os once metros para os nosos empatando así o enfrontamento. Mellor foi o resultado na tempada 2010/11 onde a Esedé sumou os tres puntos grazas a un contundente 4-1 facendo un gran encontro e con goles de Roberto Piñeiro, Faneca, Tomás e Manu. E de novo unha tempada despois quedarían os tres puntos en San Lázaro na súa estrea en San Lázaro, con Martín saíndo no segundo tempo e cos goles de Roberto Piñeiro, que repetía por segundo ano consecutivo, Jacobo Tato e Bautista tendo que remontar un gol inicial do Dubra.
O mellor contra o peor.
O Compos é xa o mellor equipo do que vai de segunda volta, superando a un Cerceda que caeu a pasada fin de semana aumentando as opcións tanto de Arousa coma da Esedé para achegarse aos postos altos da táboa. Pola súa parte, e de novo igualado co Ordes, o Dubra é un dos dous equipos que aínda non saben o que é puntuar neste 2017. Enfróntanse en San Lázaro o mellor contra o peor deste ano, do que levamos mes e medio.
Xaneiro comezou cunha derrota da Esedé en San Lázaro, segunda do curso na casa, ante un Deportivo B moi superior. Esa derrota serviu como punto de inflexión para o equipo e dende aí chegaron catro vitorias consecutivas, a mellor xeira de resultados en anos, e un empate con polémica a pasada fin de semana en As Pontes.
Pola súa parte, o Dubra non sabe o que é sequera puntuar nesta segunda metade de curso. Dende o empate sen goles en Barbadás suman sete derrotas consecutivas, seis no que vai de ano ás que sumar a recibida ante o Fabril para pechar o ano. A iso hai que engadir que só anotaron 3 goles mentres que encaixaron outros 14 nestes seis partidos.
Xeiras moi diferentes.
Compos e Dubra levan camiños moi diferentes esta tempada. Os dous suman agora mesmo dúas xeiras moi diferentes con un factor en común: o Compos non perde dende o encontro ante o Depor B mentres que o Dubra non puntúa dende a visita do filial coruñés.
A Esedé suma 25 puntos nos últimos 14 partidos perdendo só un ante o Fabril nun partido moi malo ao comezo deste 2017. Seis vitorias, sete empates e só unha derrota dende finais do mes de outubro conseguindo un gran ascenso na táboa e entrando entre os favoritos para rematar nos postos que dan opción á promoción de ascenso.
Por contra, o Dubra non puntúa dende o 11 de decembro, cando conseguiron un punto ante o Barbadás a domicilio. Sete derrotas consecutivas demostran a caída do equipo dubrés, que ademais non sabe o que é gañar dende o pasado mes de novembro, cando superaron ao Vilalonga na casa. Tres meses pasaron dende esa última meténdose nos postos de descenso, de onde non o van ter doado para saír.
A primeira volta, a ter en conta.
O partido da primeira volta hai que telo en conta de cara a este encontro. Un final de tolos para un partido sen moito fútbol onde os dous equipos puideron facerse cos tres puntos. Finalmente, reparto de puntos logo de catro goles nos noventa minutos, con remontada local no segundo tempo.
Tomás conseguíu abrir o marcador aos vinte minutos de xogo. Xa na segunda metade, aos cinco minutos de reanudarse o xogo, empatou Cholo. O mellor chegou ao final con dous goles. Eloy Diaz foi quen de facer o segundo para o seu equipo no tempo engadido. E cando a afección local estaba a celebrar unha vitoria importante, Santi asinou un novo gol e un punto para os nosos sen tempo para anotar o terceiro.
Pode ser un bo día.
Ademais do derbi da comarca de Santiago, a xornada trae máis partidos moi interesantes sobre todo para os intereses do equipo branquiazul. E é que de sumar de novo os tres puntos en San Lázaro, o novo obxectivo podería poñerse aínda máis de cara a oito días de visitar ao Racing Vilalbés, un dos favoritos para quedar entre os catro primeiros.
A xornada comeza en terras viguesas coa visita do Barbadás ao líder, o Rápido de Bouzas, onde o equipo ourensán buscará dar a sorpresa. Xa pola tarde chega un dos pratos fortes do día en O Roxo co Cerceda-Racing Vilalbés, cuarto contra segundo. Media hora máis tarde darán comezo os demais partidos do día onde, ademais do Compos-Dubra, haberá un Vilalonga-Fabril, sétimo contra terceiro, e o derbi de Arousa entre Arousa e Céltiga, cos locais só un punto por enriba do Compos.
Polo tanto, de conseguir eses tres puntos ante o Dubra, podería chegarse ao partido en A Magdalena con opcións de entrar, ou achegarse moito máis, aos postos de promoción de ascenso.
Baixas moi importantes.
O partido en As Pontes non só tivo malas consecuencias no resultado senón que ademais na xogada polémica onde se anulou o gol da vitoria branquiazul houbo dous cartóns por protestar que provocan problemas para o once branquiazul de cara a este domingo.
Yago Iglesias poderá contar de novo con Cardeñosa e Make pero perderá a Taboada e Diego Rey por sanción. O central vasco cumprirá ciclo de sanción por segunda vez esta campaña mentres que Diego Rey rematou expulsado na última xogada de partido. Os dous xogadores, ademais, viron os cartóns que os apartarán desta xornada ao final do encontro e, ademais, pola mesma razón.
En canto aos apercibidos, o número cae só a un. Saro sería o único que, de ver un cartón amarelo se perdería o partido importante ante o Racing Vilalbés. De feito, o lateral santiagués sería a primeira vez no curso no que non xogaría logo de participar tódolos minutos do campionato agás quince ante o Vilalonga.
Horario habitual.
O partido será o domingo ás 17 horas en San Lázaro. As entradas, coma sempre, terán un prezo de 10 euros para o público xeral, 5 euros para rapaces entre 14 e 17 anos e de balde para menores de 14 anos.
De novo, para quen non poida ir a San Lázaro haberá diferentes maneiras de seguir o encontro: na radio oficial, 'Esedé Radio', na web do clube ou ben nas diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou ben no perfil oficial do clube en Twitter.
Ningún comentario:
Publicar un comentario