O Compos terá este domingo un duro rival coa única intención de mirar cara os postos de promoción de ascenso. O Castro chega a San Lázaro na busca dos tres puntos que o axuden a saír dos postos de descenso, dos que non consegue afastarse a pesar dos bos resultados que están a conseguir nas últimas datas. De feito, o equipo lugués non perdeu no que vai de 2017 conseguindo 8 puntos de 12 posibles.
Un Castro, que está a gañar aos grandes na súa casa, fóra do Municipal non é quen de conseguir os tres puntos, sendo un dos catro equipos incapaces de sumar de tres a domicilio. Por contra, o Compos é un seguro en San Lázaro sendo o terceiro mellor equipo na casa, superado só por Rápido de Bouzas e Racing Vilalbés.
Moi diferente.
Hai equipos que os seus resultados ante a súa afección e lonxe da casa son moi diferentes. No caso do equipo lugués, a diferenza é de 18 puntos. Os de Castro de Rei sumaron xa 22 puntos no Municipal de Castro mentres que cando saen da súa casa o dato é moi diferente, xa que só foron quen de conseguir 4 puntos de 33 puntos posibles.
A domicilio, o Castro terá este domingo a súa décimo segunda ocasión para facerse por fin cos tres puntos na Terceira división. Ata o de agora só puideron sumar de un en ata catro ocasións perdendo nas sete outras saídas. A ese dato hai que engadir os dos goles, xa que encaixaron lonxe da súa afección 28 dos 45 goles totais, recibindo sete, nada máis e nada menos, no seu encontro en O Barco (7-1). Ao seu favor, dos 33 goles que suman, 11 foron a domicilio. Ademais, catro chegaron nas catro últimas xornadas onde conseguiron ademais dous empates.
A nivel individual, trátase dun equipo completo con bos xogadores e con tres que destacan cos seus goles. Xaime é o máximo goleador do equipo con 6 tantos mentres que Omar e Iván González comparten o segundo posto con 5 cada un, anotando entre os tres a metade dos goles de todo o equipo. A eles hai que engadir ao novo porteiro do equipo, Manu Cedrón, que dende a súa chegada non recibiron ningunha derrota máis encaixando 4 goles noutros tantos partidos deixando a súa porta a cero en dous.
Gran momento.
O Compos está a pasar por un gran momento tanto de forma coma de xogo e resultados neste comezo de ano. O equipo dirixido de Yago Iglesias tomou como punto de inflexión a derrota ante o Depor B e a partir de aí chegaron tres vitorias consecutivas, sendo a terceira mellor xeira de resultados dende a chegada de Antonio Quinteiro á Esedé. Os tres triunfos consecutivos, ademais, parecen trocar a mentalidade do equipo e a afección de cara ao que resta de tempada.
Ata o de agora, nos últimos anos, o equipo chegou a encadear ata catro vitorias consecutivas en Terceira, ás que sumar unha máis na promoción de ascenso, e ata sete en Preferente na tempada que rematou con outro ascenso. Dúas xeiras que remataron de xeito moi positivo, xa que nos dous casos o equipo conseguíu superar a categoría.
Pola súa parte, o Castro tamén está a pasar por un bo momento de forma dende o comezo de ano. Nas catro xornadas que levamos de 2017, o equipo lugués non coñece a derrota grazas a dúas vitorias e dous empates, sendo tres deses partidos no Municipal de Castro. Aínda así, os oito puntos non lle serven para saír dos postos de descenso, sumando os mesmos puntos que o anterior na táboa.
Sen antecedentes.
O Castro visitará por primeira vez San Lázaro na categoría para enfrontarse ao Compos. O equipo, que está a facer historia ao xogar por primeira vez nos seus algo menos de corenta anos de vida na Terceira, chegará á capital para asinar unha vitoria para o recordo, sobre todo porque sería a primeira.
En total só hai un precedente ata o de agora. Trátase da visita do noso equipo ao Municipal de Castro Riberas de Lea na primeira volta onde o Compos, nun moi mal segundo tempo, comprobou a forza do corazón do equipo lugués. Os locais puideron darlle a volta ao gol de Mitogo. A resposta dos homes de Iván Lamas foi moi rápida e aos tres minutos conseguiron igualar o resultado. Xa na segunda metade, cun gol de Iván González, pecharon unha das grandes vitorias na casa.
Cara e cruz.
Actualmente existe unha gran diferenza entre o Compos de San Lázaro e o Castro cando sae do seu campo. De feito, a Esedé é o terceiro mellor equipo defendendo a súa casa, logo de só deixar saír 8 puntos mentres que o Castro, a pesar do seu bo comezo nesta segunda volta onde non coñecen a derrota en catro partidos, só se puido facer con 4 puntos de 33 posibles.
Vendo os números, o favorito será unha semana máis a Esedé, que partía tamén como un dos elixidos para rematar a tempada entre os catro primeiros. O equipo branquiazul sairá unha xornada máis coa misión importante de facerse cos tres puntos ante un rival que puntuou en cada partido desta segunda volta, ben reforzado e que xa demostrou ser capaz de dar máis dun susto a calquera.
De San Lázaro só saíron coa vitoria dous equipos. O Barco soubo desfacerse dun bo Compos, que a piques estivo de remontar empatando un 0-2 en contra, mentres que o Deportivo B aproveitouse dun equipo descoñecido para gañar unha vez máis nun campo nada doado con dous goles antes dos cinco minutos de xogo. Ademais, Ordes e Rápido de Bouzas, último e primeiro clasificados respectivamente, conseguiron un punto tamén moi valioso.
Pola súa parte, o Castro asinou catro empates lonxe do Municipal ante rivais directos. De Bembibre, Ordes, Ribadumia e As Pontes conseguiron algo máis ca un punto, xa que conseguiron manter as diferenzas con eles, manténdose moi vivos na loita por unha permanencia que se antolla cara para eles cun posto en xogo, xa que os outros tres parecen case decididos.
Non se agochan.
Ante o Compos na primeira volta, o Castro demostrou ser un equipo con moitos recursos e que gaña os seus partidos co corazón. Pero iso non é algo que só o fixeran ver ante o noso equipo. Na súa casa superaron ao Arousa e Depor B mentres que hai tres semanas conseguiron un punto ante o Racing Vilalbés nun partido tolo con ata seis goles.
Neste 2017 pareceron mellorar sumando 8 de 12 puntos posibles nas primeiras datas da segunda metade do curso. A iso hai que engadir que marcaron nos catro partidos un total de 12 goles e recibiron 4 con Manu Cedrón baixo paus.
Segundo lugués en San Lázaro.
Esta campaña só hai dous equipos na categoría da provincia de Lugo e a visita do Castro á nosa casa será a segunda visita dun deles no que vai de tempada. Sen dúbida non se pode esquecer a anterior, na primeira volta, onde o Racing Vilalbés non foi quen de saír ben parado. Un gol de David Nogueira serviu para deixar os tres puntos no feudo branquiazul, co mesmo resultado que se conseguíu hai xa catro anos e medio ante o mesmo rival na anterior visita dun equipo da provincia á capital.
Sen o '5 estrelas'.
Hai algo máis dunha semana coñecimos que entre Mahou, patrocinador da Esedé, e os siareiros escollían a Tomás coma o 'Xogador 5 estrelas' da primeira volta. O vigués foi un referente sobre o terreo de xogo sendo ademais o máximo goleador durante os primeiros dezanove encontros e un dos máis perigosos. Pois ben, ante o Alondras viu un novo cartón amarelo e cumprirá sanción por segunda vez no campionato. O centrocampista, agora reconvertido a dianteiro centro, xa non puido estar ante o Ordes, partido que rematou sen goles, e agora perderase a cita, importante, ante o Castro. Ademais, Taboada e Ube serán dúbida ata última hora por lesión.
A esas baixas hai que engadir, unha semana máis, os tres xogadores que chegan unha semana máis apercibidos de sanción. Make e Cardeñosa non estarían ante o As Pontes na seguinte saída do equipo.
Que sexan benvidos.
O partido será este domingo ás 17 horas en San Lázaro. Á cita agárdase que cheguen siareiros dende Castro de Rei para animar ao seu equipo na que din ser unha saída histórica. As entradas para o partido estarán, coma sempre, a un prezo de 10 euros para o público xeral, 5 euros para rapaces entre 14 e 17 anos e de balde para menores de 14 anos.
Quen non poida achegarse ao teatro branquiazul poderá escoitar o partido en directo a través da 'Esedé Radio' na web oficial do clube ou ben seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.
Hablando de memoria, ¿no jugamos contra el Castro en Preferente?
ResponderEliminar