Catro!

O Compos conseguíu ante un bo rival a que xa é a cuarta vitoria consecutiva, coa que recurtar un punto ao cuarto clasificado nunha xornada non moi boa para os intereses branquiazuis. Bo partido dos dous conxuntos, sobre todo na segunda metade, onde ambos sacaron todo o posible para facerse con tres puntos moi importantes. 
A vitoria chegou non sen sufrir tendo que conseguir incluso un terceiro tanto importante cando xa parecía estar o encontro a piques de rematar. O Castro tivo incluso opcións de levarse, como mínimo, un punto pero a calidade do equipo branquiazul fíxose ver nesta ocasión para, con algún problema, sumar un novo triunfo en San Lázaro. Cardeñosa, Recoba e Santi foron os autores dos tres goles locais mentres que Omar quixo manter con vida ao equipo lugués nun novo partidazo de Diego Rey pola banda. 

Bo arrinque.
Dende o comezo do encontro, o Compos buscou ter a pelota e achegarse á portería de Manu Cedrón, que non tivo a súa mellor tarde dende a súa chegada ao equipo lugués. Diego Rey, que está a amosar un gran nivel nas últimas datas, buscou facer de novo das súas pola banda e por aí conseguiron chegar bos centros e ocasións ante as que interviron ben os defensas visitantes. 
Por parte do Castro hai tamén que falar dunha moi boa primeira metade poñendo en serio perigo a porta defendida por Lucas, ben custodiada por un David Uña que amosou un gran poderío físico dando moita seguridade na zaga. Aínda así, os de Iván Lamas puideron crear ocasións a balón parado, base das mellores oportunidades do seu equipo. 

Quen a busca a consigue. 
Sabendo dos problemas que é capaz de dar o Castro, que chegou sen perder en todo o mes de xaneiro, era moi importante adiantarse no marcador o antes posible. Sen embargo, cada ocasión remataba ou ben nas mans do porteiro ou en córner. 
Dende o curruncho foi, ademais, como chegou o primeiro gol do partido logo dunha gran xogada de Diego Rey e un disparo de Rubén que sacou o gardamallas no último momento. O córner botouno Mon ao corazón da área e alí apareceu Cardeñosa para facer o seu segundo gol da tempada coa cabeza, logo dun tanto moi importante en Negreira do mesmo xeito. 

Recital de Diego Rey.
Ata non hai moito, nas bancadas de San Lázaro sentíase algo diferente cando Recoba tocaba a pelota. Pois ben, como xa ocorreu a pasada fin de semana, Diego Rey está a facer unhas xogadas de futbolista de maior categoría. O lugués, autor de cinco goles nas catro últimas xornadas, quixo amosar que se lle dá mellor o tema de axudar aos seus compañeiros. 
O primeiro gol naceu nas súas botas, asistindo a Rubén para que este puxera en problemas a un Cedrón que mandou a pelota fóra, e o segundo tamén logo dunha xogada coa que deixou de novo a todos sen palabras. Fíxose coa pelota no centro do terreo de xogo, foise de todo o que se lle puxo por diante e cando o tiña todo para facer un novo gol espectacular non dubidou á hora de deixarlla a Recoba, que marcou por terceira xornada consecutiva. 

Mellor a balón parado. 
Logo de encaixar dous goles en menos de media hora, o Castro púxose as pilas para manterse con vida dentro do partido. Xa antes dos dous goles tiveron algunha ocasión importante para adiantarse, topándose co mellor Lucas, e tras os tantos aproveitaron a tranquilidade dos homes Yago Iglesias para xogar en campo contrario, anque sen conseguir nada positivo antes do final do primeiro tempo.
Sen embargo, se dalgún xeito chegou máis perigo por parte do equipo lugués, foi a balón parado. Tanto de falta ou dende o curruncho, os de Iván Lamas souberon atopar os ocos na defensa branquiazul así como poñer balóns moi perigosos ás costas da zaga local. Dese xeito chegou, tamén, un gol co que se mantiveron con opcións durante toda a segunda metade.
Nos primeiros corenta e cinco minutos, o Compos amosou problemas para defender as xogadas ensaiadas dos lugueses e aos tres minutos logo da reanudación chegou o premio para os de Castro de Rei, que saíu moito mellor. Balón ao primeiro pau e Omar, chegando dende atrás, supera a Lucas, que pouco máis puido facer estragando unha nova actuación case perfecta.

Perigo.
A segunda metade non foi para nada igual á primeira. De corenta e cinco minutos cheos de intensidade e ocasións con ata tres goles, un deles anulado a Nogueira por fóra de xogo un tanto dubidoso, pasouse a outros tantos con superioridade visitante ante a baixada de intensidade dos nosos, conformes coa diferenza e incapaces de darlle a volta ao xogo ante a falta de balón, nesta ocasión para os homes do Castro.
Baixou a intensidade no segundo tempo pero non así a tensión. As interrupcións foron en aumento cun bo número de entradas e xogadores polo chan, co colexiado buscando dar continuidade ao xogo sen asubiar algunhas que parecían claras. A iso hai que engadir os seis trocos, importantes tamén co paso dos minutos sobre todo para os intereses locais. 

Final feliz.
Durante todo o segundo tempo parecía estar máis preto o empate que a sentenza local. O equipo visitante mostrouse superior dende o descanso e gran par da segunda metade transcorreu en campo local. Sen embargo, a defensa branquiazul mostrouse segura evitando calquera susto sen tempo para poder dar a volta ao resultado de novo. 
Os trocos foron importantes unha vez máis e así o quixo facer ver Santi. O nome propio da pasada xornada entrou por Diego Rey a cinco minutos para o final e catro máis tarde pechou un partido intenso e emocionante do único xeito posible: á contra. Unha contra que comeza Recoba, cruza a pelota para Cabrejo e centro para Santi, que non perdoa coa cabeza. Gol moi importante para, ademais, gañar no total dos dous partidos ao Castro. 

Tres puntos para un Compos que segue no alto da táboa, no sexto posto, rematando a xornada a dous puntos do Arousa e a catro do Depor B, que pecha o postos de promoción de ascenso logo dunha derrota importante ante o equipo de Vilagarcía. Pola súa parte, o As Pontes, seguinte rival da Esedé, conseguíu o seu primeiro triunfo do ano ante o Dubra en Bembibre. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, David Uña, Mon; Samu (Taboada, min. 60), Make; Diego Rey (Santi, min. 84), Recoba, Rubén (Cabrejo, min. 66); e Nogueira.
CARTÓNS: Amarelos para Make, David Uña, Taboada e Cardeñosa.
GOLES: 1-0 11' Cardeñosa, 2-0 26' Recoba, 2-1 48' Omar, 3-1 89' Santi.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario