Bailando baixo a chuvia

Xa non quedan palabras que poder dicir logo do partido en Cangas do Morrazo. O Compos asinou unha nova vitoria, van xa tres consecutivas e dúas delas a domicilio, amosando ademais un gran xogo de toque e anotando golazos para ver unha e outra vez. Un espectáculo do noso equipo nun campo nada doado onde a calidade dos xogadores branquiazuis foi determinante para traer de volta os tres puntos cara Santiago.
O partido contra o Depor B co que comezou o ano pareceu ser determinante para o troco do equipo. Logo desa derrota, amosando un moi mal xogo, os de Yago Iglesias encadean tres vitorias consecutivas indo de menos a máis en canto a xogo ofrecendo un gran fútbol de toque ante un Alondras que non baixou os brazos en ningún momento. Recoba sacou a relucir unha vez máis a súa calidade cun golazo mentres que Diego Rey segue nun gran momento con tres goles facendo un 'hat-trick' perfecto, anotando coas dúas pernas e coa cabeza. Mauro anotou os dous goles para o equipo cangués. 

Xogo rápido.
Sen Samu nin Ube e nun campo de herba artificial. As cousas non partían moi de cara para un Compos que soñaba, logo de dous anos, con asinar tres vitorias consecutivas. Peor se vían co Alondras buscando mandar no partido nos primeiros intres pero, por sorte, iso só foi un espellismo dun equipo que non tardou máis de cinco minutos en perder a posesión da pelota.
Cinco minutos foron os que precisou o Compos para facerse co esférico e atopar, por primeira vez, a portería defendida por Martín na que foi a primeira xogada de perigo de Diego Rey. Un aviso que tardou en ter unha resposta ante o dominio claro do equipo branquiazul. 
A partir desa ocasión, dese disparo sen sorte do lugués, o equipo buscou facerse coa posesión da pelota facendo un fútbol de xogo rápido, de toque, con calma sen arriscar á hora de buscar ocasións de perigo. Seguros en defensa e facendo moi bo traballo dende a zona de creación. Un fútbol de toque dese que gusta tanto na bancada de San Lázaro e que prometeu Yago Iglesias dende a súa chegada a 'Casa Compos'.

Pouco a pouco. 
Aos vinte minutos chegaron as ocasións sobre a portería defendida por Martín. O porteiro do equipo cangués puido frear as acometidas de Mon e Diego Rey, este último buscando un centro para Recoba. Sen embargo, á terceira seguida chegou a vencida. O mellor xogador da categoría amosou unha vez máis o seu nivel para adiantar ao equipo cun golazo. Un disparo con rosca que entrou por toda a escadra do segundo pau lonxe das posibilidades do porteiro. 
O premio chegou algo antes da media hora de xogo das botas dun home que suma dúas xornadas consecutivas anotando e que leva xa tres goles dende que asinou o seu contrato coa Esedé no mes de novembro.

Santi non tivo o seu día.
Co resultado a prol do equipo da capital, o fútbol mellorou en canto a nivel. O Compos non subíu a intensidade do xogo pero con posesións longas puido afastar ao Alondras da portería defendida por Lucas. A iso hai que engadir a mala pata que tivo Santi de cara a porta, tendo ocasións suficientes para ampliar diferenzas.
O dianteiro asturiano perdoou ata en dúas ocasións diante de Martín, en dous man a man, e outra máis a mandou fóra logo de superar ao gardamallas, que tivo que saír en camilla logo dun golpe contra Diego Rey, exhibindo un xogo limpo exemplar. A mesma sorte lle faltou nos segundos corenta e cinco minutos ante o porteiro suplente do Alondras.

Quen o podía pensar?
A segunda metade comezou cos dous equipos loitando pola posesión do esférico, sen dono. A intensidade e o ritmo seguían altos pero non todo o posible, como se puido ver minutos máis tarde. Coa mente posta no segundo, o Compos tivo dúas ocasións ao arrinque do segundo tempo mentres que a Tubo lle sorprendeu o estado do terreo de xogo á hora de disparar cando parecía que chegaría o empate. 
Visto isto, que podía chegar a pensar o que pasaría na última media hora de xogo?

Chegou a tolemia. 
Os dez minutos seguintes foron non aptos para cardíacos. Os dous equipos puxeron todo sobre o asador e non deixaron a ninguén indiferente. En dez minutos tres goles cos que parecía que o partido xa estaba pechado, con vinte minutos máis por diante. Nada máis alá da realidade. 
Mauro, xunto con Tubo o mellor do seu equipo, recurtou distancias na que foi a primeira chegada pola banda dereita do ataque cangués, a banda pola que defendía Mon. Centro de Casti e gol do centrocampista chegando dende atrás. 
O gol local, que significou o empate, fixo que o Compos volvera meter unha marcha máis ao partido para conseguir tres puntos de ouro. A iso hai que engadir un nome que está nun momento de forma case inmellorable. Diego Rey aproveitou un erro da defensa para poñer de novo ao equipo por diante. Disparo de Nogueira que rexeita o porteiro e gol coa testa do lugués. Primeiro! 
Sen embargo, a cousa non quedou aí. Diego Rey non precisou máis de dous minutos para facer o que parecía o gol da sentenza. Un golazo de vaselina dende fóra da área, no lateral da mesma, logo de recibir un balón ás costas da defensa. A pelota parecía que sairía por liña de fondo pero chegou antes que o porteiro, que quedou a media saída, para facer o segundo na súa conta particular. Golazo.

E o sufrimento que non falte.
Se hai algo que se pode ver en moitos dos partidos do Compos é o sufrimento co que rematan. Nesta ocasión, aínda tendo en conta o resultado de dous goles de diferenza, non foi para menos. Logo de catro goles, e con vinte minutos por diante, chegaron dous tantos máis cos que si se chegou ao resultado final. 
De novo entrando pola banda dereita, Tubo chegou ata case a liña de fondo e puxo a pelota na área, onde de novo apareceu Mauro para superar a Lucas. Un gol igual ao primeiro para poñer nervioso a un equipo que parecía ter o encontro totalmente resolto. 
Se tres, ou dous na súa conta, non eran suficientes para asinar tres puntos, Diego Rey non perdoou o cuarto asinando un 'hat-trick' perfecto e sumando cinco goles na súa conta nas tres últimas xornadas, sete na súa conta no que vai de curso. Para conseguilo, fíxose coa pelota no curruncho do campo, foise de todo o que se lle puxo por diante e clavouna no fondo das redes.

E a pensar noutro obxectivo.
Nove puntos de nove posibles achegan ao Compos aos postos altos neste comezo de segunda volta. Con aínda moitos puntos por diante, o equipo podería estar moi preto de asinar a permanencia de xeito virtual e pensar en conseguir algo máis grande. De feito, agora mesmo existe a misma distancia entre o cuarto clasificado e a Esedé e entre a Esedé e o sétimo. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, David Uña, Mon; Taboada (Rubén, min. 58), Make; Diego Rey, Recoba (Cabrejo, min. 84), Santi (Nogueira, min. 63); e Tomás.
CARTÓNS: Amarelos para David Uña, Rubén, Nogueira e Tomás.
GOLES: 0-1 28' Recoba, 1-1 57' Mauro, 1-2 64' Diego Rey, 1-3 67' Diego Rey, 2-3 72' Mauro, 2-4 82' Diego Rey. 
CAMPO: O Morrazo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario