Volve Lorenzo

O Compos xa ten o segundo porteiro logo da marcha de Manu Cedrón ao Castro. Lorenzo volve a Santiago para asinar por segunda ocasión coa Esedé. O porteiro de Padrón é o primeiro reforzo do noso equipo neste mercado de inverno procedente das filas do Alondras, onde non xoga dende o mes de outubro perdendo a partida contra o seu compañeiro Martín.
Manu Cedrón xa é historia do Compos. O porteiro lugués xa se estreou coa camisola do Castro, onde non só deixou a súa porta a cero senón que ademais atallou un penalti, e a directiva branquiazul comezou o ano buscando un substituto de garantía que poida loitar con Lucas pola titularidade baixo os paus de San Lázaro, onde superar ao canteirán non será nada doado para o novo gardamallas.
E Lorenzo volve á que foi a súa casa durante a tempada 2013/14. Nado en Padrón hai 25 anos, Lorenzo Riveiro é un porteiro con experiencia na Terceira división logo de pasar polas filas de Pontevedra, Boiro e Alondras. A iso hai que engadir a súa estancia na Esedé na Segunda B anque sen gañar na loita polo posto no once con Adrián Laureda. 
O padronés debutou no primeiro equipo do Pontevedra na tempada 2012/13 xogando ata sete encontros e recibindo 10 goles en total. Máis sorte tivo nas filas do Boiro gañando a titularidade hai dous anos. 31 partidos xogados na cuarta máxima categoría do fútbol español encaixando 40 goles dos 51 goles. 
A tempada no Boiro abriulle as portas do Alondras a pasada tempada. No equipo de Cangas tamén conseguíu facerse cun posto case fixo no once xogando 29 partidos e recibindo 31 goles mantendo a porta a cero en nove xogos. Unha titularidade coa que comezou este curso e que perdeu logo de oito xornadas, onde encaixou 10 goles incluíndo o de Samu en San Lázaro supoñendo a vitoria da Esedé ante o conxunto do Morrazo.
Na súa anterior etapa nas filas da Esedé, Lorenzo defendeu a porta do noso equipo en tres ocasións, nas tres últimas xornadas da tempada 13/14 encaixando dous goles por partido cando o equipo xa tiña asinado un ano máis na Segunda B. Tres partidos onde os nosos só conseguiron un punto no empate a dous goles ante o Tropezón no campo branquiazul.

Ningún comentario:

Publicar un comentario