O Compos non puido ter unha entrada de ano peor. O equipo non apareceu case polo terreo de xogo no primeiro encontro de 2017. Un partido horrible dos nosos dende o arrinque que non desaproveitou o equipo visitante, que segue lanzado na busca dunha nova promoción de ascenso. Dous goles foron suficientes para un Depor B que non tivo problemas para sumar os tres puntos. Aínda así, un gol anulado aos nosos e un posible penalti non asubiado na segunda metade.
Ante a volta de Santi e Samu ao once titular e a ausencia de Recoba, que logo coñecimos que foi por enfermidade, Yago buscou sorprender ao Fabril con Mon, Nogueira e Tomás en ataque. Sen embargo, foi o equipo coruñés o que puxo a sorpresa no partido con ata dous goles antes dos cinco minutos de partido, obra de Lucas Viña e Blas.
O peor comezo en moito tempo.
Na primeira volta, o Depor B asestou un dos peores golpes ao equipo en moitos anos. Aínda así, o primeiro tempo rematou con empate naquela cita para esquecer. Nesta primeira xornada de 2017 a cousa non foi tan ben. De feito, Lucas Viña anotou na primeira ocasión de perigo que tiveron, logo dun saque dende o curruncho. Un gol onde tanto a defensa coma Lucas puideron facer máis para evitalo.
Menos se puido facer para evitar, dous minutos máis tarde, para evitar o golazo de Blas. Xogada pola banda esquerda e disparo potente que entra pola escadra da portería de Lucas. Un resultado moi difícil de remontar pero non imposible, como xa se demostrou na derrota ante o Barco, con moito tempo por diante.
Reacción insuficiente.
Logo de vinte minutos de superioridade total do conxunto de Cristóbal Parralo onde os locais apenas puideron facer máis que defenderse e correr detrás da pelota, a posesión comezou a dividirse e apareceu algunha xogada de perigo en campo contrario, anque moi poucas e sen conseguir levar o perigo suficiente para, como mínimo, recurtar diferenzas.
Antes do descanso, co equipo buscando un pouco máis a portería de Alex Cobo, o Compos atopouse cun gol anulado por fóra de xogo. Xogada combinativa para chegar á porta rival, o porteiro salva un disparo de Tomás e Santi non perdoa no rexeite. Sen embargo, o colexiado invalida o gol por posición ilegal.
A todo iso hai que engadir que Diego Rey tivo que ser substituído superada a media hora logo de levar un balonazo nun mal sitio.
Moitas interrupcións.
Se por algo se puido caracterizar o encontro foi polas constantes interrupcións. Ademais da lesión de Diego Rey, que pasou dous minutos no chan, hai que sumar tamén a de Pinchi e as constantes xogadas divididas que remataron en faltas por parte dos dous equipos, algo que o colexiado tardou en castigar ata os vinte últimos minutos de xogo.
De feito, pouco máis se puido ver nos segundos corenta e cinco minutos onde o Compos si puido gozar algo máis da posesión do esférico mais non así de ocasións suficientes para, como mínimo, meterse no partido.
Segunda parte sen historia.
O Depor tiña o partido sentenzado e limitouse a defenderse e xogar co Compos coma se fose un xoguete, un agasallo de Reis. De feito, o adestrador coruñés mantivo o once titular sobre o campo ata o tempo engadido. Pola súa parte, o Compos non fixo moito máis para merecer un resultado máis positivo.
Xa fóra do tempo regulamentario chegou a polémica. Sen tempo para conseguir sequera un punto, puido haber un penalti sobre Nogueira que o colexiado non sinalou. Unha acción que lamentar pero que non trocaría no que foi ata o de agora o peor partido da campaña en canto a xogo.
Agora, toca agardar a chegada de novos xogadores que melloren o que hai antes do partido contra o Ribadumia da vindeira fin de semana.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Taboada, Cabrejo; Samu (Rubén, min. 58), Diego Rey (Nogueira, min. 32); Ube (Make, min. 73), Tomás, Mon; e Santi.
CARTÓNS: Amarelos para Make, Cardeñosa, Tomás e Rubén.
GOLES: 0-1 2' Lucas Viña, 0-2 4' Blas.
CAMPO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario