Novo ano, mesmo obxectivo

O 2017 non comezou do mellor xeito posible. Unha derrota na casa ante o, para moitos, mellor equipo da categoría cun Compos descoñecido facendo o peor partido da tempada e encaixando dous goles en menos de cinco minutos. Coa intención de esquecer ese pau, que supuxo a segunda derrota, o equipo visitará ao Ribadumia na que será a primeira saída do ano cunha nova misión importante: conseguir a primeira vitoria a domicilio dende a chegada de Yago Iglesias ao banco da capital.
Van xa nove partidos fóra de San Lázaro e ningunha vitoria. Un feito xa coñecido polo estadio santiagués como a 'maldición de Fredi', que anque non sumou nunca os tres puntos a domicilio mentes era adestrador da Esedé si foi quen de conseguir a permanencia na Segunda B. Sen embargo, tampouco se suman derrotas lonxe da casa dende outubro, dende a derrota en A Grela, acumulando catro empates consecutivos. O Ribadumia, por contra, si foi quen de comezar o ano gañando a domicilio na casa do Dubra.

Sen diferenzas.
O normal é que os equipos consigan diferentes resultados cando xogan na casa ou fóra, normalmente conseguindo mellores números ante a súa afección. No caso do equipo ribadumiense a diferenza é de só un punto. Un equipo que non está a pasar por un mal momento da tempada logo de conseguir 8 dos últimos 15 puntos posibles perdendo só ante o As Pontes na que foi a derradeira saída do ano xa rematado. 
Ante o seu público, o Ribadumia conseguíu a vitoria ata en catro ocasións, un punto en dúas e deixou marchar os tres puntos en tres máis, as mesmas derrotas que suma tamén a domicilio. Entre os triunfos destaca o conseguido ante o Ordes por 3-0 sendo a única vitoria como local onde conseguiron anotar máis dun gol. Un dato curioso é tamén que non conseguiron gañar ningún partido onde encaixaron algún gol perdendo tres e empatando dous. Ademais, tampouco encaixaron goles nas súas vitorias en A Senra. 
En canto a goles, non se trata dun equipo con moito acerto de cara a porta (24). De feito, dos doce primeiros equipos na táboa actual só o Negreira anotou menos. E non mellor é o dato de goles encaixados (28) superado por só seis equipos. 
A nivel individual hai que destacar a Changui. O ex dianteiro da Esedé, que volveu a xogar a pasada fin de semana logo de superar un coma, segue dando guerra polos campos da Terceira con 5 goles nos 9 partidos que xogou no que vai de curso. Máis goles suma Fran Fandiño no que vai de tempada, e é que o ex do Pontevedra leva 7 nos 20 partidos xogados ata esta xornada.

Changui, un goleador sen freo.
Aos seus 39 anos, Changui segue a dar leccións de como anotar goles na Terceira galega. Un dianteiro moi perigoso que comezou a súa carreira alá polo ano 97 nas filas do Compos e que agora suma na súa carreira máis de 300 goles. Un '9' ao que non o para nada, nin un coma polo que pasou hai uns meses por mor dunha infección vírica, nin as defensas rivais. Sen embargo, hai que destacar que na súa última visita a San Lázaro non atopou o camiño á porta nos noventa minutos. 
Nesta campaña suma 5 goles anotando catro deles lonxe da súa casa e só un, ante o Ordes, en A Senra. Sen embargo, iso non é máis ca un dato sen importancia dun xogador que nas dúas últimas campañas fixo 45 goles. 

Só un precedente. 
O Ribadumia conseguíu o ascenso á Terceira división en 2014 inaugurando a categoría hai tres tempadas e demostrando que a súa atención é a de asegurar a permanencia con tempo quedando as dúas pasadas campañas na zona media da táboa e confirmándose como un perigo para esta terceira. 
Ante este dato, xa non hai que dicir que o único encontro oficial entre Compos e Ribadumia chegou na primeira volta desta mesma tempada. Un partido en San Lázaro onde a Esedé non deixou nada para a imaxinación goleando ao equipo pontevedrés por 3-1 con dous goles de Santi e outro de Diego Rey. Pola súa parte, David Rodríguez maquillou o resultado cun gol xa sen tempo para nada máis. 

Comezos moi diferentes. 
Ésta será a segunda xornada do ano e a segunda da segunda volta. Na pasada fin de semana, os dous equipos conseguiron resultados moi diferentes. De feito, o Compos chega de perder deixando unha moi mala imaxe mentres que o Ribadumia asinou unha importante vitoria logo de despedir o 2016 cunha derrota tamén a domicilio.
A Esedé non puido arrincar un novo ano con vitoria ante un dos equipos máis fortes da categoría. Unha derrota deixando moi mala imaxe ante o Depor B e recibindo dous goles en menos de cinco minutos, que remataron coas opcións e calquera plantexamento dun Yago Iglesias que non atopou o xeito de remontar o encontro a un filial deportivista coa directa metida de cara á promoción de ascenso. 
Máis sorte, ou mellor xogo, tivo o Ribadumia na súa visita a Bembibre. O equipo dirixido por David Sierra superou sen demasiados problemas ao Dubra grazas aos goles de Miguel, Anxo e Fran Fandiño remontando o gol de Díaz para os locais no primeiro tempo. 

Novo ano, fin do meigallo?
Con Fredi non se gañou a domicilio durante toda unha tempada, a da volta á Segunda B, e aínda así conseguíuse a permanencia na categoría sen problemas. Polo de agora, Yago Iglesias está a repetir ese feito logo de non conseguir ningunha vitoria lonxe de San Lázaro en toda a primeira volta. Por sorte hai diferenzas positivas para o equipo desta mesma tempada. 
Ao final da primeira metade do campionato, anque en diferente categoría, o conxunto de Fredi sumaba 7 puntos menos cun partido menos na que foi unha tempada con 19 equipos, ocupando a 13ª posición, mentres que este ano a Esedé pechou a primeira volta sétimo a cinco puntos da promoción de ascenso. 
A outra diferenza atópase nos partidos fóra de San Lázaro. Con Fredi, o equipo pechou a primeira metade do campionato con 4 empates e 5 derrotas en 9 encontros. Por contra, con Yago foron 6 os empates e 3 as derrotas. 
Tendo en conta os goles, anque aquel ano asinaba os tantos un tal Joselu, tamén hai unha diferenza positiva para os xogadores desta campaña. Hai xa catro tempadas o equipo chegou ao ecuador con 25 goles a favor e 23 en contra, mentres que na presente campaña foron 28 a favor e 25 en contra.
Pois ben, ao final daquela tempada 2013/14 acadouse o obxectivo da permanencia con 44 puntos, a 5 do posto de promoción de permanencia, sen gañar lonxe da casa e empatando en 9 ocasións. Un dato positivo para este curso se temos en conta que, segundo a directiva ao comezo da tempada, o obxectivo principal é a permanencia. 

Sen baixas pero con apercibidos. 
O Compos chegará a este partido sen baixas, agás que a última hora haxa algunha coma a pasada fin de semana con Recoba. Sen embargo, anque nesta xornada Yago Iglesias poida contar con todo o plantel, ten que pensar que ante o Céltiga podería perder a Tomás e Make se ven un cartón amarelo. Ademais, podería estrearse Lorenzo logo de voltar á Esedé o pasado luns sendo o primeiro reforzo do Compos neste mercado invernal. 

Horario un pouco diferente. 
O partido será este domingo en A Senra, en Ribadumia, ás 16:45 horas, un horario un tanto diferente ao habitual. As entradas para o encontro terán un prezo xeral de 10 euros mentres que os menores de 16 anos poderán asistir de balde. 
Quen non poida asistir ao campo pontevedrés poderá seguir o encontro a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, e no perfil oficial do clube en Twitter. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario