O Compos volve ao traballo neste 2017 nun dos mellores partidos que se poden ver na Terceira división. Un partido que ninguén se debería perder ante un rival histórico coa mirada posta na promoción de ascenso e que está a facer unha gran tempada pechando a primeira volta a seis puntos dos nosos facendo un fútbol case insuperable e amosando unha gran puntería de cara a gol.
Será a terceira ocasión dende agosto que Depor e Compos se vexan as caras logo das dúas goleadas herculinas tanto en Abegondo como en San Lázaro. Nesta ocasión, o filial deportivista visítanos cuns números que meten medo e con Óscar Pinchi, un nome que non se esquecerá en Santiago facilmente despois dos seus cinco goles no primeiro encontro da tempada.
O máis forte.
Non se trata do equipo máis regular do campionato pero si do que mellores resultados consegue. De feito, é o equipo que máis goles anotou ata o de agora e un dos que menos encaixou, superado neste caso por outros catro equipos. Contan con grandes resultados tanto na casa coma a domicilio, onde conseguiron 13 puntos de 27 posibles.
A domicilio, o filial coruñés conseguíu catro vitorias encaixando goles só na primeira saída a O Barco, onde recibiron 2 tantos gañando aínda así pola mínima. O seu único empate, en O Roxo ante o Cerceda foi tamén cun gol por cada escadra. En canto ás derrotas, outras catro, teñen tamén en común a falta de gol dos visitantes, que só puideron facer un gol no partido en Castro de Rei que rematou con remontada local incluída e gol no último minuto.
De falar a nivel individual do filial deportivista hai que destacar un nome por enriba do resto: Óscar Pinchi. O dianteiro coruñés non só é un dos máximos goleadores do grupo con 13 goles no seu casilleiro senón que ademais é un pesadelo para a nosa defensa esta campaña logo dos 5 goles que fixo na primeira xornada da campaña. Ademais, contan nas súas filas con xogadores do nivel de Borja Domingo, Hugo Rama ou Alex Corredera entre outros.
Pinchi.
Como esquecer o que fixo Pinchi na primeira xornada? O primeiro tempo remata con empate a un gol, obras do propio Pinchi e Mitogo, e co Compos facendo un bo fútbol e poñendo aos locais contra as cordas en moitos momentos. Sen embargo, no segundo tempo chegou o recital do equipo coruñés con ata catro goles en algo máis de media hora do xogador que máis estragos fixo ao noso clube en moito tempo.
Pouco máis se pode dicir dun xogador que fixo unha desfeita inimaxinable na primeira xornada de liga deixando á luz tódolos erros dun Compos con moito que mellorar nas primeiras datas do campionato.
Actualmente, o coruñés suma xa 13 goles e xogará 5 días despois de contar con minutos co primeiro equipo na Copa do Rei contra o Alavés.
Longa historia.
Os Compos-Depor B teñen unha longa historia. De feito, o primeiro encontro entre ambos en Santiago data do ano 1963, cando o filial coruñés conseguíu os tres puntos cunha vitoria pola mínima. Esa foi, ademais, a única ocasión na que os visitantes conseguiron gañar dos 13 partidos xogados entre ambos. Ademais, conseguiron dous puntos máis en dous empates sen goles. O máis positivo son as dez vitorias compostelanistas con 27 goles a favor e 5 goles en contra.
Unha historia que rematou, ata o de agora, hai algo máis de catro anos cun partido sen goles en San Lázaro. Un partido sen moito fútbol entre dous dos favoritos por entrar na promoción de ascenso, onde conseguiron rematar ambos e pechándoa só co ascenso dos nosos á Segunda B.
Terceiro encontro.
No que vai de tempada, Compos e Depor enfrontaranse por terceira ocasión logo de dúas goleadas coruñesas. Todo comezou a finais do mes de agosto coa vitoria do filial herculino por 5 goles a 1. Un baño de goles e fútbol que continuou días despois coa visita a San Lázaro do primeiro equipo. Nese novo partido, a Esedé aguantou ante os xogadores do primeiro equipo durante a primeira metade pero non houbo a mesma sorte na segunda ante os do filial repetindo o mesmo resultado que días antes.
Dez goles en contra e só dous a favor en 180 minutos encaixando dúas das peores goleadas en moito tempo contando partidos oficiais e amigables.
Grandes novas dende a enfermería.
Ante o Pontevedra, no derradeiro partido dos nosos no 2016, chegaron grandes novas para os nosos. Se ante o Barbadás volvía ao equipo Santi, con gol incluído, ante o equipo granate fixo o propio Samu. O centrocampista saíu de titular en A Estrada xogando os primeiros corenta e cinco minutos.
Coa volta de Samu, a enfermería branquiazul quedou baleira. Non queda ningún xogador mancado polo de agora polo que, logo das baixas de Julián, Alberto, Cedrón e Mitogo, Yago Iglesias poderá contar por fin con todo o plantel para un dos partidos máis importante da campaña. Ademais, non hai ningún xogador apercibido de sanción de cara ao partido seguinte ante o Ribadumia.
A manter os bos resultados.
O Compos leva sen perder xa máis de dous meses. Ante o Barco chegou a derradeira derrota do que vai de tempada e súmanse xa nove partidos sumando, contando tamén o empate no amigable ante o Pontevedra que rematou con empate a tres goles. O mesmo tempo acumula tamén sen coñecer a derrota como local.
Esta estrea da segunda volta será o undécimo encontro da Esedé ante a súa afección. Nos dez anteriores, o balance é moi positivo. Sete vitorias para os nosos, dous empates e só a derrota contra o equipo ourensán. Uns resultados que achegan á Esedé ao obxectivo imposto polo equipo ao comezo desta campaña: a permanencia.
Sen embargo, nesta ocasión visítanos un equipo un tanto irregular en canto a resultados, non así en canto a goles. O maior goleador da categoría suma 15 dos últimos 18 puntos posibles encaixando só dous goles na derrota ante o Castro, dando a entender que a única opción de sacar algo positivo é marcando primeiro.
Comezamos o domingo.
O domingo ás 17 horas é a data escollida polo clube para un dos partidos máis atractivos da categoría, entre dous históricos. Dous días despois de Reis teremos un novo agasallo de Nadal. As entradas para o partido estarán na taquilla de San Lázaro aos prezos habituais: 10 euros para o público xeral, 5 euros para rapaces entre 17 e 14 anos e de balde para menores de 14 anos.
Quen non poida achegarse ao estadio branquiazul poderá escoitar o encontro a través da 'Radio Esedé', na web oficial do clube, ou seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ao igual que no perfil oficial do clube en Twitter.
Ningún comentario:
Publicar un comentario