Un paso máis

O Compos terá este domingo un partido moi complicado nun dos campos máis difíciles da categoría, onde só dous equipos conseguiron os tres puntos ata o de agora. Un campo, O Morrazo, que é o lugar onde se puido vivir a maior goleada do que vai de tempada hai só dúas semanas. E un rival, o Alondras, que buscará tres puntos máis para achegarse un paso máis cara a permanencia, obxectivo do equipo cangués ata o final da campaña.
O obxectivo principal dos nosos non é outro que a permanencia, como así se dixo dende o comezo da campaña. Sen embargo, o obxectivo podería mellorar de manter esta boa xeira de resultados xa que se chega a esta cuarta xornada da segunda volta a só cinco puntos dos postos de promoción de ascenso. Para iso hai que sumar unha terceira vitoria consecutiva, algo que non se fai dende hai xa máis dun ano.

Fortes na casa.
Na loita pola permanencia, na zona media-baixa da clasificación, o Alondras é o equipo con menos derrotas na casa no que vai de tempada. Polo menos se temos en conta os dez últimos clasificados. Un equipo que na súa casa só caeu en dúas ocasións contra Rápido de Bouzas e Cerceda, dous pesos pesados do grupo con aspiracións moi altas de cara ao final da tempada.
Os de Cangas buscan unha permanencia que se antolla moi cara cun posto en xogo, máis se non hai ascensos e si descensos coma o ano pasado. Ata o de agora suman 28 puntos, cinco sobre o descenso, grazas a 7 vitorias, 7 empates e 8 derrotas, seis delas a domicilio. Ademais, suman 29 goles a favor e 27 en contra.
Na súa casa suman ata o de agora 17 de 33 puntos posibles. 4 vitorias, 5 empates e só 2 derrotas avalan a un equipo forte ante a súa afección. Tamén hai que engadir que mantiveron a súa porta a cero na casa ata en cinco ocasións, tres delas rematando con empate sen goles. Outro dato a ter en conta son os 20 goles feitos, oito deles ante o As Pontes.
A nivel individual destaca sobre os demais Pablo Couñago. O ex do Celta, Málaga e outros nove equipos máis, podería estar a pasar polo final da súa carreira nas filas do Alondras. Aínda así está a amosar un nivel superior sendo non só o mellor do equipo senón ademais o máximo goleador dos cangueses e un dos mellores da categoría con 11 goles.

Dous anos.
Dende abril de 2015, o Compos non é quen de sumar tres vitorias consecutivas. Pasaron xa case dous anos dende as vitorias consecutivas ante Astorga, Zamora e Tropezón, nunha tempada na Segunda B onde o equipo rematou na sexta posición facéndose cun posto para a Copa do Rei da pasada campaña, onde non se puido superar ao Tudelano a domicilio.
Moito menos hai que botar a vista atrás para ver outros tres resultados positivos do equipo xa que ata a derrota ante o Depor B chegaron oito xornadas sen coñecer a derrota. Unha xeira de resultados que permiten ao equipo da capital galega manterse nos postos altos da clasificación, ascendendo ao sexto posto logo da vitoria ante o Céltiga.

Reencontros.
No partido deste domingo viviremos dous reencontros, un por equipo. E é que nas filas do Alondras volve contar con minutos Óscar Fondevila, que a pasada tempada superou os mil minutos nas filas da Esedé, mentres que no equipo branquiazul podería re-debutar Lorenzo baixo paus na que foi a súa casa durante a primeira volta deste campionato.
Fondevila militou durante tres tempadas nas filas do Compos, todas elas na Segunda B. Procedente do filial do Xetafe, o vigués participou nun total de 68 partidos superando os 4.500 minutos defendendo a camisola do equipo branquiazul. Agora, nas filas do Alondras é un fixo nos esquemas de Jacobo Montes sumando xa 20 partidos xogados. Ademais, suma un gol no que vai de tempada.
Pola súa parte, Lorenzo volveu á que foi a súa casa hai tres anos. O porteiro de Padrón aínda non tivo a ocasión de poñer de novo a camisola da Esedé mentres que nas filas do Alondras, na primeira volta, foi titular en oito partidos, incluíndo a visita a San Lázaro, e encaixando dez goles baixo os paus da portería canguesa.

Polo bo camiño.
Os dous equipos sumaron os últimos seis puntos logo de comezar o ano con derrota. De feito, o Alondras é o equipo con máis goles anotados nas dúas últimas datas logo da goleada ante o As Pontes hai quince días. O Compos, por contra, non leva tantos goles pero conseguíu dous obxectivos importantes para acadar un posto alto na táboa: gañar a domicilio e sumar de tres en tres na casa logo da derrota ante o Depor B. 
O Alondras non puido arrincar este 2017 con bo pé caendo ante o Castro por 5-0 no que foi o debut de Manu Cedrón baixo os paus do equipo lugués parando un penalti e mantendo a súa porta a cero. Logo desa derrota, o equipo de Cangas recibíu ao As Pontes para endosarlle a que foi a maior goleada do que vai de tempada no grupo. Un 8-0 onde non houbo piedade e no que se puido ver a mellor versión de Pablo Couñago de cara a porta, con tres goles, e onde tamén anotou Fondevila. Oito días máis tarde, ante o Dubra en Bembibre, conseguiron unha nova vitoria pola mínima grazas a dous goles de Pablo Couñago, que suma cinco goles nos dous últimos encontros.
O Compos, pola súa parte, sufríu para superar primeiro ao Ribadumia a domicilio, conseguindo gañar fóra de San Lázaro por primeira vez dende o mes de maio, e logo aínda máis para bater na casa ao Céltiga nun mal partido dos dous equipos e onde o nivel de Recoba foi determinante para sumar os tres puntos. Dous partidos nos que, ademais, o equipo gañou por dous goles de diferenza.

Longa historia.
Os enfrontamentos entre santiagueses e cangueses ven cunha longa historia que comezou alá por finais do ano 1963. Un total de 29 encontros onde o Compos se amosou superior con 13 vitorias ante as só 3 do Alondras. Os 13 encontros restantes remataron con empate.
Na casa do equipo cangués disputáronse un total de 14 encontros. Os resultados de todas esas visitas do noso equipo non son do máis positivo xa que só en 3 ocasións saíron os tres puntos cara Santiago, sempre en partidos onde o Alondras non foi quen de anotar. Pola súa parte, os locais só se fixeron coa vitoria en dúas ocasións repetindo ademais resultado: 1-0. Por contra, houbo reparto de puntos en 9 citas con só dous encontros sen goles. De feito, a Esedé non gaña en terras do Morrazo dende 1979. 
O último encontro entre ambos, o da primeira volta, rematou con vitoria pola mínima para os nosos grazas a un gol de Samu a once minutos para o final. 
Máis chama a atención a visita do Alondras a San Lázaro alá polo ano 2012. Nun partido que non foi bo máis ca no resultado, o Compos superou ao seu rival por 8 goles a 3. Partido onde anotaron xogadores coma Joselu, Martín, Franqueira e Jacobo Tato, todos por partida dobre. Polo equipo visitante os autores dos goles foron Carlos Campo, Dieguito e Andrés dende os once metros.

Problemas na creación.
Ante o Céltiga xa se avisaba do que podería pasar. Xogaron ata catro xogadores apercibidos de sanción e polo de agora xa terá que pasar unha tarde na bancada un. Samu, que xa parecía un fixo na zona de creación do once do adestrador, viu o quinto cartón amarelo e non poderá estar no campo de O Morrazo o domingo. Ademais, Yago conta con tres apercibidos máis: Cardeñosa, Make e Tomás, o xogador '5 estrelas' elexido pola afección branquiazul nas redes sociais.
Si que chegará con dúas dúbidas importantes de dous xogadores que se convertiron en fixos no once. O capitán Taboada e Ube, que leva catro xornadas entrando no once titular. 

Horario positivo. 
O Compos volverá a xogar no mesmo horario onde superou ao Ribadumia hai dúas xornadas. O partido será o domingo ás 16:45 en O Morrazo. As entradas para asistir terán un prezo habitual de 10 euros mentres que os menores de 18 pasan de balde. 
Os que non poidan asistir ao encontro poderán seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Twitter e Facebook, ademais do perfil oficial do clube en Twitter. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario