Chegou!

O Compos por fin consegue gañar en dúas xornadas consecutivas aumentando a súa boa xeira de resultados. Unha vitoria non sen sufrimento ante un Céltiga que puido saír con algo máis positivo na segunda metade. Sen embargo, logo dun bo primeiro tempo do equipo branquiazul, os problemas puideron chegar na segunda metade. Recoba, o mellor do partido; Mon e Diego Rey foron os autores dos tres goles branquiazuis mentres que Paco, o ex da Esedé, recurtou diferenzas para os seus antes do descanso. 
Segunda vitoria consecutiva que se suma á conseguida hai sete días nun partido que non foi dos mellores do curso, pero suficiente para obter un gran resultado. A calidade dos nosos, superiores en tódalas liñas, chegou para facerse con tres puntos de ouro e ascender outro posto na táboa. O máis positivo chegou logo do descanso coa entrada ao terreo de xogo de David Uña, que se puido estrear con corenta e cinco minutos e deixando boas sensacións.

Gran arrinque. 
Se ante o Depor B o equipo encaixou dous goles en menos de cinco minutos, ante o Céltiga non quixeron xogar coa sorte e buscaron facer algo semellante. Non fixeron falta máis de dous minutos para poder celebrar o primeiro gol do encontro logo dunha gran chegada pola banda. Un gol dun xogador doutra categoría que unha vez máis amosou o seu gran nivel. 
O Compos meteu unha marcha máis ao comezo do encontro facéndose coa posesión da pelota. Ese ritmo, buscando a porta rival, levou aos nosos a facerse cunha gran xogada pola banda dereita do ataque. Unha ocasión grazas a que a posesión foi branquiazul dende o comezo. A pelota chegou a Diego Rey e éste centrou ao corazón da área onde apareceu Recoba. O uruguaio pegoulle á perfección poñendo a pelota fóra do alcance do porteiro, que non puido facer nada para evitalo.

Posesión sen perigo. 
O control do esférico levou ao Compos a adiantarse no marcador moi cedo. Sen embargo, aínda tendo a posesión da pelota en gran parte dos primeiros corenta e cinco minutos, as ocasións tardaron en chegar. Tamén hai que dicir que o Céltiga non foi quen de atopar o camiño da porta de Lucas con facilidade en ningún momento grazas ao bo traballo de Taboada e Cardeñosa no centro da defensa. 

Gol da casa.
Se hai algo que lle custa ao Compos é facer un segundo gol para asegurarse un pouco máis que non haxa sustos como ocorreu en moitas das saídas ata o de agora, incluíndo a visita á Illa de Arousa na primeira volta. E a seis minutos do final do primeiro tempo chegou o tan merecido tanto para poñer terra de por medio cun equipo perigoso. 
Un gol da casa, entre xogadores da casa, logo dun saque dende o curruncho. Balón que chega ás costas da defensa, recólleo Recoba e o porteiro manda o seu disparo fóra. O córner sae directo ao segundo pau onde remata Santi sen sorte e a pelota cae a Mon, que non perdoa dende o chan diante do porteiro.

Reacción. 
O Céltiga non tardou en reaccionar buscando un gol que o conseguira meter no partido. Tampouco tardou en chegar o seu gol, xa no tempo engadido, logo dunha falta sobre Castro dentro da área. Penalti e Paco detrás do balón. O ex da Esedé pegoulle con rabia, á dereita de Lucas. O porteiro adiviñou a traxectoria da pelota pero non foi quen de evitar o gol pasándolle a pelota por debaixo da man.
Máis do mesmo fixeron na segunda metade, onde aproveitaron un baixón do Compos para igualar o encontro en canto a intensidade, anque de novo sen achegarse con perigo á porta defendida por Lucas xa con David Uña no centro da defensa amosando unha gran forza e velocidade evitando a entrada dos atacantes á área.

De menos a máis. 
Vendo que o Céltiga se estaba a achegar cada vez máis á porta de Lucas, o Compos meteu unha marcha máis buscando un terceiro gol co que matar o encontro. A entrada de Nogueira e Rubén servíu para dar velocidade ao ataque branquiazul pero faltaba algo máis para bater ao porteiro arousán. 

O mellor da tarde. 
Autor do primeiro gol e provocou o córner co que chegou o segundo. Recoba aínda tiña algo máis que facer neste encontro onde volveu amosar o seu nivel moi superior. O '10' recolleu a pelota en campo contrario, foise de dous contrarios e puxo un gran pase para Rubén entre outros dous. O ex do Arousa controlou e entre outros dous rivais deixou a pelota no corazón da área onde apareceu chegando dende atrás Diego Rey para marcar un golazo. O mellor da xornada sen dúbida.
Unha obra de arte feita xogada e gol para enmarcar dun equipo que suma cinco goles a favor en dous partidos e só un en contra coa permanencia, obxectivo principal, moi preto e aínda máis os postos de promoción de ascenso.

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Taboada (David Uña, min. 46), Mon; Samu, Ube; Diego Rey, Recoba, Santi (Nogueira, min. 63); e Tomás (Rubén, min. 80).
CARTÓNS: Amarelos para Taboada e Samu. 
GOLES: 1-0 2' Recoba, 2-0 39' Mon, 2-1 45' Paco, 3-1 88' Diego Rey.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario