Se o domingo chegaba dende Ribadumia unha das novas máis desexadas para a familia da Esedé, hoxe faise oficial outra nova moi agardada. David Uña, central madrileño de 24 anos, asina polo equipo da capital galega procedente do Orihuela, equipo valenciano da Terceira división co que non estaba a contar con minutos.
Trátase dun central que pode xogar tamén na posición de lateral por ambas bandas. Un defensa polivalente que pode servir a Yago para dar o descanso preciso a Saro, sen substituto natural polo momento ao igual que Cabrejo. Sen dúbida un bo reforzo para unha defensa formada polos dous laterais, Taboada, Cardeñosa, David Rey e Ander, que non está a contar con minutos.
Ampla experiencia.
Aos seus case 25 anos, David Uña chega á Esedé procedente do Orihuela. Formado nas categorías inferiores do Rayo Vallecano destacando e chegando ao primeiro equipo xuvenil do conxunto madrileño. As boas actuacións fixeron que chamase á súa porta o Villarreal. Dous anos no segundo filial do conxunto de Castellón axudaron na súa volta a Madrid, para xogar no Atlético de Madrid C. Unha nova campaña na Terceira división amosando de novo un bo nivel e abríndolle as portas da Segunda B, do Atlético Astorga.
No equipo castelán-leonés militou en dúas campañas sumando un total de 59 partidos, máis de 4.000 minutos. 20 cartóns amarelos e dous vermellos para un xogador que se convirtíu nun muro diante da portería sendo unha das pezas importantes na permanencia do seu equipo na súa primeira tempada, anque na segunda non puido evitar o descenso nin a derrota ante o Compos por 4-1.
Ao comezo da tempada, logo do descenso do equipo leonés, decidíu voltar a terras valencianas para militar nas filas do Orihuela, equipo do grupo VI da Terceira división. Sen embargo, ante a falta de minutos no conxunto alicantino, onde só contou con 60 minutos en Liga e 90 na Copa RFEF esta tempada, pedíu a carta de liberdade antes de asinar o seu novo contrato coa Esedé.
Preséntase este xoves.
David Uña chegará nas vindeiras horas a Santiago e será presentado de xeito oficial o xoves en Rei Zentolo, tenda oficial do clube onde se poden mercar tanto a roupa oficial coma os cromos, tamén da colección oficial da Esedé.
Isto non é todo.
O clube segue a buscar entre o mercado xogadores que poidan mellorar o nivel do equipo de cara a unha segunda volta onde podería mellorar o obxectivo principal. Polo momento sábese que o clube busca facerse tamén cun atacante de banda e podería estar a buscar outro centrocampista logo das baixas neste mercado invernal que rematará dentro de dúas semanas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario