O Compos conseguíu por fin a primeira vitoria a domicilio no que vai de tempada. Un triunfo en A Senra no que foi un bo partido dos nosos tanto en defensa coma en ataque, onde se perdoaron ocasións para sentenzar o encontro algo antes. Unha vitoria que chegou no mellor momento logo da derrota sen identidade nin fútbol ante un Depor B superior.
Os tres puntos viaxan a Santiago por primeira vez dende maio, cando se gañou aínda na Segunda B en Aranda de Duero. Un partido ante un mal Ribadumia, que non foi quen de poñer en apuros aos nosos, e que confirma que o equipo branquiazul pasou por un mal día ante o filial deportivista. Todo isto chegou grazas aos goles de Diego Rey e Tomás nunha nova cita chea de emoción ata o final.
O mellor fóra da casa.
Coa única intención de rachar a mala xeira de resultados lonxe de San Lázaro, o Compos saíu ao campo de A Senra sen medo buscando a portería de Manu Táboas dende o máis cedo posible. De feito, non pasaron case nin dous minutos ata que chegou a primeira ocasión de perigo ante a porta local, moi ben defendida.
As ocasións, anque poucas, sucedéronse sobre a porta do Ribadumia con Diego Rey e Santi coma protagonistas dun tiroteo sen premio por mor da gran actuación dun dos mellores porteiros da categoría coma é Manu Táboas.
Chegou o premio.
Os goles da Esedé nas primeiras metades a domicilio non son tan raros coma na segunda, onde baixan o nivel debido ao cansanzo. En Ribadumia non foi menos e chegou algo antes do final do primeiro tempo, a seis minutos para ser algo máis exactos. Diego Rey, que semella estar a convertirse nun fixo dende o comezo de ano logo das baixas no centro do campo, volveu deixar boas sensacións sobre o terreo de xogo cun gran partido e cun bo gol que chegou no mellor momento dos nosos.
O asturiano non está a gozar de moitas ocasións no once branquiazul pero aínda así cando ten a oportunidade non a desaproveita sumando xa tres goles esta campaña. En A Senra desfíxose dun defensa e púxoa na escadra cun gran disparo.
De máis a menos.
O comezo do segundo tempo foi semellante ao do primeiro. O Compos quixo facerse coa posesión da pelota e relaxar un pouco o xogo sen perder a porta contraria. As ocasións, por contra, reducíronse nun segundo tempo con menos ritmo grazas aos cinco trocos que se puideron ver. De feito, só Recoba tivo unha oportunidade clara para poñer terra de por medio.
Por parte do Ribadumia, logo dun mal primeiro tempo, só Changui foi quen de probar a Lucas cun disparo que non foi sequera entre os tres paus. Única ocasión dun equipo en noventa minutos que pouco máis puido facer que defenderse e ir detrás da pelota.
Sentenza.
Se hai algo que lle faltou ao noso equipo na primeira metade do campionato nos partidos lonxe de San Lázaro foi un segundo gol co que sentenzar os encontros e non deixarse empatar. Pois ben, ante o Ribadumia chegou ese tan desexado segundo gol para matar o partido xa no tempo engadido. Un gol do que, para moitos afeccionados branquiazuis, é un dos mellores xogadores do equipo e que segue a marcar as diferenzas amosando unha gran efectividade de cara a porta aínda sen ser dianteiro.
Co tempo cumprido, cando os siareiros compostelanistas agardabamos o asubío final para deixar na bancada tanta tensión, Tomás fixo o segundo. Un centro de Diego Rey para o vigués que non perdoou ante o porteiro no man a man cun remate cruzado. Un gol que fixo estoupar a ledicia na familia branquiazul grazas ao seu gran significado.
Cara e cruz.
Hai dúas cousas máis das que falar nesta primeira vitoria a domicilio dende o mes de maio. Yago Iglesias foi quen de darlle a volta a un equipo afundido logo da derrota ante o Fabril nun partido onde o equipo amosou un gran nivel e efectividade. Sen embargo, a cruz chegou aos quince minutos da segunda metade coa lesión de Cardeñosa, que tivo que ser substituído. Un xogador que non está a ter sorte cos problemas físicos que o están a castigar dende o arrinque do curso.
A outra cara, ademais da vitoria e o bo xogo, chegou no lado contrario. Nun caso onde as cores non importan, Changui puido gozar por segunda xornada consecutiva do que máis lle gusta logo de superar os seus problemas de saúde sendo un dos mellores do seu conxunto ante o que foi o seu primeiro equipo a nivel profesional.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Taboada, Cardeñosa (Cabrejo, min. 52), Mon; Samu, Ube (Make, min. 73); Diego Rey, Tomás, Recoba; e Santi (Nogueira, min. 77).
CARTÓNS: Amarelos para Cardeñosa e Samu.
GOLES: 0-1 39' Diego Rey, 0-2 90' Tomás.
CAMPO: A Senra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario