Por primeira vez no que vai de tempada, o Compos podería sumar dúas vitorias consecutivas logo do importante triunfo en Ribadumia a pasada fin de semana. Algo que, de feito, non se dá dende o final da pasada tempada, cando o descenso xa era unha realidade sen opción de arranxalo. Para iso haberá que superar a un Céltiga que se fai forte lonxe da súa casa. Un encontro que semella complicado entre dous históricos do fútbol galego.
Será esta a segunda ocasión na que o Compos reciba a un rival na segunda volta en San Lázaro logo da derrota, dando unha moi mala imaxe ante o Deportivo B hai dúas semanas. Agora, cun novo reforzo para a defensa, o equipo de Yago Iglesias buscará de novo os tres puntos ante a afección branquiazul, que xa puido gozar ao fin dunha vitoria a domicilio.
De máis a menos.
O Céltiga comezou a tempada sendo un dos equipos chamados a dar unha sorpresa, un paso máis, na categoría co obxectivo de rematar nun dos postos altos da clasificación. Sen embargo, o equipo da Illa de Arousa pasou por un moi mal momento perdendo 9 de 10 partidos entre outubro e decembro conseguindo só puntuar ante o Choco no Salvador Otero. Unha xeira de resultados que fixo caer ao equipo dende a cuarta posición ata a décimo sexta.
O equipo da Illa agora volve a pasar por un bo momento, polo menos en canto a resultados, conseguindo os últimos nove puntos posibles rematando ben o 2016 e comezando mellor o 2017. Sen embargo, nada suficiente para voltar aos postos altos da táboa, que se atopan agora a 10 puntos do equipo branquivermello. Un equipo que destaca, sobre todo, polos seus resultados a domicilio, sendo mellores que cando xoga na casa. É ademais o equipo que menos empates suma ata o de agora (3).
Non destaca nin moito menos por ser un equipo con gol. É o quinto equipo con menos goles ao seu favor (24) e, por contra, un dos equipos menos goleados da parte media baixa da clasificación (26) recibindo un gol menos ca o Compos.
A nivel individual hai que destacar a varios xogadores do equipo arousán. Entre Diego (5), Machu (4) e Yun (4) repártense algo máis da metade de goles do equipo. Ademais, contan en defensa con Paco, un vello coñecido da afección branquiazul e que xa tivo os seus máis e os seus menos con Martín no partido da primeira volta.
Mellor fóra.
Se o habitual é que os equipos sumen máis puntos lonxe da súa casa, non podemos falar dun equipo normal. O Céltiga é, xunto ao Vilalonga, o equipo que máis puntos conseguíu a domicilio en relación aos partidos ante o seu público, onde asinaron cinco menos. Unha diferenza que chama a atención sobre todo se logo miramos os números da Esedé, con 14 puntos de diferenza de xogar en San Lázaro a facelo lonxe de Santiago.
Menor é a diferenza entre os goles anotados fóra do Salvador Otero xa que 12 deles chegaron ante os seus siareiros e 14, catro deles nas dúas últimas saídas, a domicilio sendo estes moito máis efectivos. Ademais, encaixaron máis goles na súa casa (15) ca na casa (11).
Mellor imposible.
O Céltiga visitou a capital de Galiza en cinco ocasións conseguindo só un punto de quince posibles. Dende o 86, cando se viron as caras por primeira vez en terras compostelanas, o Compos conseguíu catro vitorias e só un empate sen goles. Uns datos que melloran se temos en conta que os arousáns só foron capaces de marcar no primeiro enfrontamento entre ambos, que rematou por 3-2 favorable aos nosos.
Menos sorte houbo no último encontro entre ambos. Na primeira volta, no Salvador Otero, o Compos non puido pasar do empate nun partido onde os nosos puideron adiantarse á media hora de xogo. O Céltiga puido remontar antes da hora de xogo e Tomás conseguíu o 2-2 final a vinte minutos para o final.
A pola segunda.
No que vai de tempada, o Compos si puido sumar dous resultados positivos consecutivos. De feito, pechou o ano con oito xornadas consecutivas sen coñecer a derrota en ningún encontro. Sen embargo, aínda non sabe o que é sumar dúas vitorias seguidas no que vai de tempada, algo que non se consegue dende o final do pasado curso cando venceu ao Astorga, con David Uña no equipo leonés, e sete días despois pechando a tempada na Segunda B coa vitoria en Aranda de Duero traendo os tres puntos a Santiago na que foi a derradeira vitoria a domicilio do 2016.
Logo desa vitoria en terras burgalesas houbo que agardar ata a pasada fin de semana para vivir unha nova vitoria da Esedé fóra de Santiago. Aínda así, antes pódense ver con bos ollos as oito xornadas consecutivas sen coñecer a derrota, con dúas vitorias polo medio. Unha boa xeira que rematou coa derrota de hai dúas xornadas ante o Depor B en San Lázaro.
Posibles estreas.
Os dous equipos reforzáronse esta mesma semana puidendo verse sobre o tapete de San Lázaro ata tres estreas, dúas por parte da Esedé. Sen embargo, hai que ter en conta que Lorenzo xa entrou na convocatoria do noso equipo para o partido ante o Ribadumia, anque non contou con minutos ante a titularidade de Lucas, un fixo no once dende o arrinque da campaña.
Máis opcións de entrar nos plans de Yago Iglesias ten o novo central, xa presentado e adestrando co resto dos seus compañeiros, David Uña. O central madrileño chegou comezada a semana e podería acompañar a Cardeñosa, Taboada, David Rey e Ander na convocatoria.
Pola súa parte, o Céltiga reforzou tamén a súa defensa coa chegada de Rulo procedente do Mondariz. Por contra, perderon a David Falcón, cedido ata final de tempada ao Unión, e a Iago Nogueira.
Aviso importante.
Unha semana máis, Yago Iglesias poderá contar con todo o equipo para unha nova cita importante en San Lázaro. Sen embargo, terá que ter en conta que hai no equipo ata catro xogadores habituais apercibidos de sanción. Tomás, Samu, Make e Cardeñosa non poderían estar ante o Alondras de ver un cartón amarelo esta fin de semana.
Horario habitual.
O partido, unha vez máis, será este domingo ás 17 horas en San Lázaro. Para este encontro, o clube sacou unha boa oferta pola que cada socio poderá facerse cunha entrada para un acompañante totalmente de balde, entrada que habería que retirar no estadio antes da tarde do venres. Ademais, o resto das entradas terán un prezo de 10 euros, 5 euros para rapaces entre 14 e 17 anos e de balde para menores de 14 anos.
Quen non poida achegarse ao teatro dos soños branquiazul poderá escoitar o encontro na 'Esedé Radio', na web oficial, ou ben seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, será televisado en directo a través da segunda canle da Televisión de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario