O 2017 non comezou do xeito máis agardado en 'Casa Compos'. Logo de rematar o ano coa baixa de Julián, éste comezou coa saída de Alberto, cedido ata final de tempada ao Bertamiráns, e agora as de Manu Cedrón rumbo ao Castro e a de Mitogo collendo a moitos por sorpresa. Dúas baixas, unha delas xa coñecidas nas últimas horas, nun equipo que está a perder moitos xogadores antes do partido importante ante o Depor B.
O porteiro apenas contou con minutos no que vai de tempada. En toda a primeira volta só xogou en catro encontros, todos ao completo, durante o mes de outubro. Catro partidos nos que encaixou sete partidos despedíndose da titularidade, que volveu ás mans de Lucas, logo da derrota ante o Barco. Partidos onde os nosos conseguiron seis de doce puntos posibles asinando a que é ata o de agora a única derrota na casa.
Cedrón perdeu a loita pola titularidade cun Lucas que encaixou 18 goles en 15 partidos salvando ao equipo en moitas ocasións con grandes paradas e gañando o posto a base de boas actuacións. Agora, logo de abandonar o clube, podería asinar nas vindeiras horas polo Clube Deportivo Castro, ocupando actualmente un dos postos de descenso a Preferente.
Pola súa parte, Mitogo si que tiña o posto no once case asegurado. O internacional por Guinea-Ecuatorial participou en 16 partidos desta primeira volta. Algo máis de mil minutos onde anotou 4 goles sendo o autor do primeiro tanto do equipo ante o Depor B. Un xogador que cos seus goles non foi capaz de conseguir máis dun punto para os nosos.
Chegado o pasado verán dende o Barco, foi dende o primeiro momento un dos homes importantes para os plans de Yago Iglesias. De feito, o titular en 12 ocasións deixa a Esedé logo de deixar boas sensacións sobre o terreo de xogo.
Agora só queda agradecer a Manu Cedrón e Mitogo o seu traballo na Esedé e agardar novas sobre algunha nova fichaxe do clube para reforzar a portería, ou ben se se decantarán por algún porteiro da base branquiazul, e o mesmo para cubrir a baixa do dianteiro internacional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario