Bo reforzo para o Bertamiráns

O Bertamiráns contará cun bo reforzo para a segunda volta en calidade de cesión. Alberto Freire, que se estreou co primeiro equipo nesta primeira volta de campaña, rematará o curso defendendo ao equipo amesán. O centrocampista, que non gozou de oportunidades ás ordes de Yago Iglesias, confírmase así a terceira baixa para a segunda parte do campionato.
Alberto estreouse en partido oficial na primeira xornada. na contundente derrota ante o Depor B en Abegondo. Antes de cumprir os 19 anos, puido gozar dos noventa minutos no seu debut. Un partido que non foi para recordar por parte de todo o equipo pero onde deixou boas sensacións. Sen embargo, non volvería a contar con minutos ata o mes de novembro na visita do Ordes a Santiago, na que foi a súa primeira vez no estadio branquiazul, xogando a segunda metade dun partido sen goles.
Agora buscará máis minutos nas filas do Bertamiráns antes de voltar á Esedé a vindeira tempada. Cabe recordar tamén que o equipo de Ames non está a pasar por un bo momento logo de estar a piques de ascender a pasada tempada.
Noutra orde de cousas, Manu Cedrón está a piques de asinar un novo contrato co Castro na busca de minutos lonxe de San Lázaro. Antes, o Compos buscará facerse cos servizos dun novo porteiro que cumpra coa función de suplente ante a titularidade de Lucas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario