'Bonus track'

Para todos aqueles que pensaban que o bo neste 2016 rematara xa hai unha moi boa nova. E é que anque os xogadores vaian xa de vacacións, voltarán ao traballo pasado o día de Nadal para pechar o ano cun novo amigable ante o Pontevedra, un equipo que está a facer historia no fútbol español. Un último partido en campo neutral, en A Estrada, o 30 de decembro e do que aínda non se saben máis detalles. 

Un Pontevedra de récord. 
O Pontevedra de Luisito suma a súa segunda tempada consecutiva na Segunda B. Dous anos dando moita guerra na categoría de bronce do fútbol español e conseguindo un récord difícil de igualar. O equipo granate non perde na súa casa dende o pasado 1 de maio ante o filial do Valladolid. De feito, no que vai de tempada descoñecen o que é perder en Pasarón asinando só un empate sen goles na derradeira xornada ante o Caudal de Mieres. 
Actualmente ocupan a cuarta posición no grupo I por detrás da Cultural Leonesa, Racing de Santander e Celta B, os catro lanzados na busca do ascenso á Segunda división. A iso hai que engadir que é o terceiro equipo con máis gol do grupo e o cuarto que menos tantos encaixa. Iso e que nas súas filas contan con xogadores de gran calidade entre os que se atopan Portela, Gonzalo e Jacobo, tres ex da Esedé que se verán as caras de novo ante o seu ex equipo. 
A nivel individual hai que destacar a Mario Barco. O dianteiro navarro chegou este verán cedido polo Lugo e suma xa 10 goles na primeira volta. 

Vellos coñecidos. 
Nas filas do Pontevedra hai ata tres vellos coñecidos pola afección santiaguesa. Na defensa busca minutos Portela. O central xogou algo máis de 800 minutos ás ordes de Luisito anotando un gol importante ante o Izarra. 
Menos sorte está a ter o motor do Compos no centro do campo ata hai tempada e media. Gonzalo volveu a Galiza para ocupar un posto nas filas do Pontevedra logo dunha tempada na Arandina. Comezou o curso sen a confianza do adestrador xogando algo mais de 60 minutos en dous partidos. Un mal momento que pareceu mellorar nas dúas últimas xornadas xogando ambos partidos ao completo. 
Outro que tampouco está a contar con tódolos minutos que se agardaban é Jacobo. O vigués leva 650 minutos xustos logo de ter minutos ata en 13 encontros. Sen embargo, hai que destacar que aínda non xogou ningún partido ao completo. 
Por outra parte, nas filas da Esedé atópase Tomás. O vigués está cedido por unha tempada polo Pontevedra e non só é un dos que mellor rendemento está a ter senón que ademais é o máximo goleador do equipo xogando de mediapunta ou de dianteiro centro. Ademais, Nogueira tamén pasou polas filas do conxunto granate antes da súa primeira etapa na Esedé.

Clásico do noso fútbol. 
Compos e Pontevedra son dous históricos do fútbol galego. Xunto a Celta e Depor, son os dous equipos que saben xa o que é xogar na Primeira división sumando dez anos na máxima categoría do fútbol español entre os dous. Entre eles enfrontáronse entre a Segunda B e a Terceira galega ata en 18 ocasións con bos resultados para a entidade da capital. 
O primeiro enfrontamento data do ano 1977. Un partido onde o Pontevedra gañou por 3-2 en Pasarón na primeira volta. Primeira vitoria dos granates das tres que conseguiron sendo só unha en terras compostelanas. 
O que máis predomina son os empates sen goles. Ata en seis ocasións remataron un enfrontamento sen goles. Ademais, hai que sumar outros catro empates a un gol. Dez puntos de 30 posibles para cada un en partidos onde hai unha gran igualdade.
Por contra, ata en cinco ocasións a vitoria foi branquiazul, só unha delas a domicilio. Neste caso destaca a conseguida en febreiro deste mesmo ano coa permanencia en xogo. 3-0 en San Lázaro con goles de Catú por partida dobre e Manu Rodríguez, ambos agora nas filas do Boiro. Destaca tamén por ser a vitoria con máis diferenza de todas. 
En total, falando de goles, celebráronse un total de 33 goles. 18 goles foron obra de xogadores da Esedé mentres que o Pontevedra anotou 15 neses 9 anos que compartiron categoría. 

Pechar o ano con boas sensacións. 
Os dous equipos buscarán rematar este 2016 con boas sensacións nun partido que servirá para non perder o ritmo de competición nestas tres semanas sen liga. Dous conxuntos que remataron a primeira volta puntuando e achegándose aos seus obxectivos de cara ao final da tempada. Ademais, hai que engadir que os dous equipos son moito máis fortes cando xogan de locais, algo que non pasará nesta ocasión. 
A Esedé asinou unha nova vitoria en San Lázaro ante o Barbadás no oitavo encontro consecutivo sen coñecer a derrota. Nova vitoria na casa dos homes de Yago Iglesias e van xa sete. Menos sorte hai lonxe de Santiago onde aínda non se coñece a vitoria e onde se suman seis empates en nove saídas. 
Pola súa parte, o Pontevedra chega de empatar sen goles no único encontro en Pasarón que non rematou en vitoria local. O Caudal rachou unha xeira inmellorable de 9 vitorias en 9 encontros. Con menos sorte contan a domicilio logo de sumar 9 puntos grazas a 2 vitorias e 3 empates ademais de 4 derrotas. Un equipo que non perde dende o 13 de novembro en León.

Volta a A Estrada. 
Este amigable será a segunda ocasión na que o Compos visite A Estrada. Na pretempada, no mes de agosto, xogou un triangular amigable ante o Estradense e o Vilalonga. Ante os locais, empate sen goles e derrota posterior a penaltis mentres que ante o Vilalonga a derrota foi por 2-0 quedando a Esedé de última nese torneo amigable. 
O partido nesta ocasión, ante o Pontevedra, será o venres 30 de decembro na vila estradense nun encontro que, finalmente, si servirá para pechar este ano 2016 onde o descenso de categoría foi o máis destacado. A cita será ás 18 horas e as entradas terán un prezo de 8 euros se se adquiren de xeito anticipado nas oficinas de San Lázaro ou de 10 euros de mercarse na taquilla do campo. Ademais, xa que o encontro será benéfico, haberá unha conta bancaria para quen queira axudar máis coa causa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario