Vitoria fóra do normal

O Compos volveu sumar os tres puntos logo dun partido tolo, con moita intensidade e ocasións nas dúas porterías. Un partido sen dono onde os nosos adiantáronse moi cedo abrindo unha diferenza importante antes dos quince minutos. Sen embargo, na segunda metade puido chegar a remontada do Cerceda, axudado por unha actuación do colexiado un tanto dubidosa. 
Dúas xeiras que remataron en San Lázaro, unha boa e outra non tan boa. E de novo, gran encontro de Recoba, anque nesta ocasión sen intervir en ningún dos dous goles branquiazuis, de Lucas freando tódalas acometidas do Cerceda e parando incluso un penalti que suporía o empate sen tempo case para poder reaccionar e sen esquecerse de Tomás, autor dos dous goles cos que se coloca na parte alta da táboa de goleadores do equipo. Por outra parte, o colexiado puido estragar todo o traballo feito polos de Yago Iglesias primeiro asubiando un córner inexistente que remataría no primeiro gol cercedense e despois sinalando un penalti riguroso ademais das faltas por todo o campo en contra do equipo local.

Bo plantexamento.
O Compos saltou ao terreo de xogo cun plantexamento un tanto diferente ao que estamos acostumados a ver, anque moi efectivo. Yago Iglesias obtou por unha defensa de cinco defensas, con Mon e Saro polas bandas. A táctica non puido ser mellor para frear o mellor equipo a nivel ofensivo da categoría. 
Na outra parte do campo, no ataque local, Tomás e Mitogo, axudados por un moi activo Recoba, tiveron boas oportunidades para poñer en problemas a un Marcos Valín que non puido comezar peor a tarde. 

Efectividade máxima.
Se ante o Choco o equipo non puido chegar nin aos cinco minutos co resultado inicial, ante o Cerceda foi moi parecido e á vez ao contrario. O equipo visitante comezou forte, buscando a portería de Lucas, pero foi Tomás o encargado nesta ocasión de, aos 6 minutos, adiantar aos nosos. Carreira en diagonal do vigués e bate por baixo a Valín cun disparo frouxo mentres cae. No gol axuda tamén o gardamallas tirándose tarde.
O comezo foi aínda mellor, o mellor do que vai de tempada, cun segundo gol do xogador do Pontevedra. Mon rouba un balón, vaise de tódolos contrarios que lle saen polo camiño e asiste a Tomás cun centro raso dende o pico da área. O bigoleador controla e bate a Valín cun gran gol. 
Dúas chegadas, dous goles. Efectividade total aos once minutos de xogo.

Nivelouse o xogo.
Durante os dez primeiros minutos parecía non haber case dous equipos sobre o terreo de xogo. Sen embargo, tras o segundo tanto apareceu a versión máis ofensiva do Cerceda. Buscaron recurtar diferenzas e tiveron nas botas dos atacantes dúas boas ocasións que a piques estiveron de transformar en gol. 
Ao chegar a media hora, os dous equipos igualaron as forzas e as ocasións ata o final dos primeiros corenta e cinco minutos. A primeira metade rematou cun disparo de Recoba tras unha nova gran xogada de Mon que salvou a defensa na liña de gol.

Con axuda.
A segunda metade chegou cun altísimo nivel e moita intensidade por parte de ambos equipos. As ocasións sucedéronse sen un dono claro sobre o verde e co Cerceda buscando un gol que chegou grazas a un erro do colexiado. 
Os visitantes buscaron a portería e nunha ocasión, que saíu por enriba da portería de Lucas, o árbitro sinalou córner. Centro dende o curruncho ao segundo pau e alí aparece Marcos Caridad para rematar coa testa. Gol, legal logo dunha acción inexistente, que non debía subir ao marcador pero, por contra, servíu para aumentar a tensión e a igualdade do xogo. 

Sen sufrimento non hai Compos. 
Logo dun comezo onde pouco se puido facer para evitar o gol cercedense, o partido igualouse grazas, en boa parte, aos trocos. O Compos pasou a defender cun sistema táctico diferente mentres que o Cerceda puxo todo sobre o campo para buscar o empate. As ocasións chegaron nas dúas escadras pero sen sorte para ningún agardando por algún erro rival. 
Ao final do encontro, xa cando o encontro agonizaba, o Cerceda anotou un novo gol que anularía o asistente do colexiado por falta dentro da área. Unha boa nova para a Esedé logo dunha actuación polémica. 

'San Lucas'.
Van 17 xornadas, 13 con Lucas baixo paus, e en todas hai un nome importante. O porteiro da base segue a demostrar un nivel altísimo confirmándose como un dos mellores porteiros da categoría. Ante o Cerceda volveu facer das súas evitando o que puido ser unha goleada rival parando disparos dende todas partes do campo branquiazul, incluíndo un disparo dende o centro do campo.
Se hai algo que destacar da actuación de Lucas foi a súa intervención no penalti, moi riguroso de Make sobre un contrario. Dende os once metros, bo disparo de Agulló que para o porteiro cando ía directo á escadra. Gran estirada de Lucas, que non deixa de gañar seguidores.

Un fortín contra os de enriba. 
O Cerceda era o terceiro equipo de promoción de ascenso que visitaba San Lázaro. O Racing Vilalbés chegou sen perder ningún partido e caeu no feudo branquiazul. O Rápido de Bouzas perdeu o primeiro posto despois de empatar hai once días en Santiago. E agora o Cerceda perde a terceira posición coa derrota ante a Esedé. 

Este domingo xógase o derradeiro encontro da primeira volta fóra de San Lázaro, aínda quedará un máis ante o Barbadás antes do Nadal diante da afección branquiazul. Haberá que visitar o García Calvo para sumar a sétima xornada consecutiva sen perder ante o Negreira. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Taboada, Cabrejo, Mon; Ube (Make, min. 58), Julián, Recoba (Martín, min. 83), Tomás; e Mitogo (Nogueira, min. 58).
CARTÓNS: Amarelos para Ube e Make.
GOLES: 1-0 6' Tomás, 2-0 11' Tomás, 2-1 53' Marcos Caridad.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario