Coma se se xogase competición europea, San Lázaro abrirá as súas portas este xoves, festivo, para un novo partido da Esedé. Un encontro moi importante, vital, ante un dos mellores equipos da categoría e onde os dous equipos buscarán sumar unha xornada máis sen perder. Un encontro entre históricos do fútbol galego no que será o único partido entre semana da tempada.
O que máis chama a atención é o momento tan diferente polo que pasan os dous equipos no mesmo tempo. Sete xornadas atrás o Compos entrou nunha xeira negativa de resultados sumando dúas derrotas e cinco empates consecutivos. Pola súa parte, dende a mesma fin de semana, o Cerceda asinou un empate e seis vitorias coas que non só conseguiron entrar nos postos de promoción de ascenso senón que ademáis son os únicos que poden ameazar aos dous primeiros, aínda un pasiño por enriba.
De menos a máis.
Ao igual que o Choco, o Cerceda comezou a tempada dun xeito inesperado. Catro xornadas sen perder, ascendendo ao segundo posto, que foron seguidas por outras seis sen conseguir en ningunha os tres puntos e obtendo só 2 de 18 puntos posibles. Pero o equipo volveu estoupar e van xa seis vitorias consecutivas coas que ascenderon ata dez postos na táboa. Así se podería resumir, rápido, o curso que está a facer un Cerceda coa promoción de ascenso de novo na mente no que sería o cuarto ano consecutivo loitando por un ascenso histórico que non deixa de fuxir das mans cercedenses.
Con 9 vitorias ata o momento, só 3 empates e 4 derrotas, as mesmas que a Esedé, o Cerceda ocupa o terceiro posto da clasificación. A isto hai que engadir que se trata do equipo con máis goles a favor do grupo (35) aos que engadir os 20 goles encaixados confirmando ao equipo coma o máis goleado dos sete primeiros clasificados.
En canto aos encontros a domicilio, o Cerceda é o segundo mellor equipo da categoría só superado polo Arousa. 4 vitorias, só 1 empate ante o Arousa e 3 derrotas que chegaron de xeito consecutivo. 18 goles ao seu favor e 13 en contra anotando máis dun gol por partido de media e algo máis da metade dos goles que suman esta tempada.
A nivel individual, destaca Uxío. O dianteiro lugués milita por terceira tempada nas filas do Cerceda, anque a pasada non puido contar con minutos no curso regular por mor dunha grave lesión. Este ano está a demostrar que non se esqueceu de marcar goles. De feito, nos 16 encontros que xogou no que vai de tempada suma xa 14 goles, a piques de igualar a súa mellor cifra na Terceira.
"Dinámicas".
Se hai unha palabra que quedou en San Lázaro do ano pasado, nos recordos dos afeccionados branquiazuis, é "dinámicas". Iñaki Alonso buscaba arranxar a mala tempada do equipo na Segunda B con esa palabra e agora non se pode explicar doutro xeito o momento polo que está a pasar o equipo branquiazul.
Ante o Choco xa chamaba a atención o mes sen gañar e os catro empates consecutivos do equipo. Unha semana despois, a cifra de empates aumentou. Sete xornadas sen gañar, cinco empates e tres semanas consecutivas comezando por debaixo no marcador. A iso hai que engadir que non se gaña na casa dende fai case dous meses, a última derrota que se puido ver da Esedé ata o momento.
Por un mellor momento pasa o Cerceda. Logo de tres derrotas consecutivas lonxe de O Roxo e dous empates na casa, o equipo espertou e van xa seis vitorias consecutivas, con cinco deses partidos encaixando algún gol e mantendo a porta a cero por cuarta vez no que vai de curso ante o Dubra.
Agárdase o gol.
Compos e Cerceda son dous equipos que non faltan á súa cita co gol. Por parte do equipo santiagués, só quedou sen anotar en dous encontros, que ademais remataron con empates sen goles. Un fixo á hora de ver portería que anota o mesmo número de goles que encaixa (23).
Por contra, o Cerceda conta cun dato semellante. Tamén quedaron sen anotar en só dous encontros que, finalmente empatarían anotando tamén en cada unha das derrotas. En defensa, mantiveron a porta a cero en catro encontros sumando 8 deses 12 puntos posibles.
Bo pasado.
Na Terceira, máxima categoría na que militou ata o de agora o Cerceda dende o 1994, enfrontáronse en dúas tempadas cun balance, en San Lázaro, de dúas vitorias para os nosos, mellores resultados ca en O Roxo onde a Esedé aínda non sabe o que é gañar en Liga.
En 2009, o Compos gañou por 3-0 con goles de Peter, Rubén e Munín. Unha importante vitoria dun equipo formado por grandes xogadores que agora mesmo militan na Segunda B coma o caso de Jimmy, Catú e Toño e que rematarían a tempada co ascenso en Monzón.
Mesma sorte houbo en 2013. Na que foi ata o de agora a última tempada da Esedé na Terceira, o Cerceda saíu de San Lázaro con dous goles en contra. Yahvé e Diego Peláez superaron a un equipo forte que loitou, sen premio, por entrar na promoción de ascenso, onde si se meteu o noso equipo ascendendo en Cieza.
Meigallos, fóra.
Despois dun bo comezo de tempada, o Compos está metido nun momento onde nada sae ben. Non só os resultados non acompañan, ademais o xogo do equipo non gusta e os problemas físicos xa fan estragos no plantel branquiazul.
Se as lesións de Samu e Santi non eran suficientes, ante o Choco mancouse Cardeñosa. O central, que xa comezou o curso cunha lesión ante o Depor B, volve ser baixa para as vindeiras datas. Ademais, de cara ao partido ante o Negreira do vindeiro domingo, Yago Iglesias podería perder a Mon se ve un cartón amarelo este xoves.
Horario de fútbol europeo.
O mesmo día que o Celta se xoga a clasificación para as eliminatorias da Europa League, a antiga UEFA, o Compos deberá reconducir o camiño á vitoria e o bo fútbol. Día festivo e no que se agarda bo tempo onde as excusas xa non serven para non ir ao Municipal de San Lázaro. O encontro será ás 17 horas e as entradas terán un prezo de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces entre 11 e 17 e de balde para menores de 10 anos.
Quen non poida achegarse ao campo poderá seguilo en directo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como polo perfil oficial de Twitter do clube. Ademais poderá escoitarse pola 'Esedé Radio', na web oficial do clube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario