Terceiro partido da Esedé en sete días coa única intención de manter o bo camiño que tomaron ante o Cerceda. Nesta ocasión visitaremos a un Negreira que loita, ao igual que o Compos, pola permanencia. A gran diferenza deste encontro, entre dous equipos con números semellantes, é que o equipo local chegará con dous días máis de preparación ao partido.
Polo que parece, chegan agora os rivais metidos en boas dinámicas de resultados. E é que o Compos suma xa seis partidos sen perder mentres que o Negreira tamén coa diferenza de que un equipo fixo 8 puntos e o outro 12 ascendendo postos na táboa ata a sétima posición.
Boa melloría.
O Negreira loitará un ano máis por manter a categoría sen complicacións ao final da campaña. O comezo, sen embargo, non foi o mellor do equipo chegando á xornada 11 con 13 puntos e a só 4 dos postos de descenso, onde pasaron algunha xornada ao comezo do curso. Agora, case dous meses máis tarde, suman 12 puntos máis e ningunha derrota dende aquela ante o Deportivo B pola mínima, que ao igual que ao Cerceda servíu para mellorar a traxectoria do equipo.
Tres vitorias e tres empates. 12 puntos de 18 posibles. Así chega un Negreira forte e cun gran número de ex xogadores da Esedé que agora buscan unha nova oportunidade de destacar na Terceira galega. Un equipo que mellorou nas últimas datas e que buscará manter esa boa xeira de resultados no seu derradeiro partido na casa deste ano 2016.
En canto aos encontros na casa tampouco poden presumir de conseguir grandes resultados (13 de 24 puntos posibles) mais si de ser un dos equipos que menos derrotas encaixaron ante a súa afección. E é que o Negreira non perde no García Calvo dende a primeira xornada ante o Silva. A partir desa derrota, 3 vitorias e 4 empates quedando sen marcar en tres partidos, en total, e mantendo a portería a cero nun máis.
A nivel individual hai moitos xogadores que se poderían destacar. Stefan é o máximo goleador do equipo con 7 goles moi seguido por Capelo con dous menos. Tamén destaca a presenza dunha das súas últimas incorporacións. Aos seus 39 anos, Stéphane Pignol enfrontarase ao seu ex equipo co que xogou en Primeira, Segunda e Segunda B e co que conseguíu un ascenso á Segunda división alá polo ano 2002.
Reencontros.
Nesta xornada haberá moitos reencontros por parte dos dous equipos. Nas filas do Negreira xoga un gran número de ex da Esedé que volverán enfrontarse ao seu ex equipo. Ademais de Pignol, hai que engadir a Angelo, Rendo, Jacobo Tato, Chiño e Mariño entre os xogadores que pasaron polo primeiro equipo branquiazul.
Só un precedente.
Ata o de agora, Compos e Negreira só se enfrontaron nunha ocasión na Terceira división. A Esedé visitou o García Calvo en 2009 nun partido que rematou con vitoria branquiazul por 0 goles a 2. Ante un gran número de siareiros chegados dende a capital galega, como pasará o vindeiro domingo, Mariño e Rubén asinaron os dous goles nun encontro sen moito fútbol sobre un terreo en mellorables condicións.
Bo ataque e boa defensa.
O Negreira-Compos será un partido entre unha gran defensa e un bo ataque. O Negreira é un dos equipos que menos goles encaixa e na casa só recibíu 5 goles mantendo a porta a cero nos catro últimos encontros. Un promedio case insuperable para un equipo que podería loitar por algo máis alá do que se propuxo ao comezo da tempada.
Por contra, o Compos é un equipo cun bo ataque. O quinto equipo con máis gol da categoría perdeu ao que era, ata a semana pasada, o dianteiro con máis gol e gañou un novo plantexamento táctico con Tomás de 'falso 9'. O vigués suma xa 3 goles nos dos últimos partidos significando estes 4 puntos moi importantes para alonxarse dos postos de descenso. A iso hai que engadir o bo facer de Nogueira cando sae na segunda metade dende o banco de suplentes e a calidade de Recoba en labores ofensivas así coma a velocidade por banda de Mon e os seus lanzamentos de falta.
Remata o ano.
Os dous equipos chegan xa ao final do ano, anque aínda resta unha xornada máis para pechar a primeira volta antes do 2017, con diferentes intencións pero xeiras similares. O Negreira, que non perde dende finais do mes de outubro, buscará sumar unha xornada máis sen perder na súa casa, onde suma dende agosto.
Pola súa parte, todos sabemos que o Compos aínda non sabe o que é gañar lonxe de San Lázaro. Visto o que está a facer o Negreira como local e a Esedé como visitante, todo fai pensar nun máis que posible empate, que sería o sexto dos nosos a domicilio en nove saídas. Sen embargo, o obxectivo é pechar este 2016 cunha vitoria lonxe de Santiago que poida supoñer o comezo dun mellor momento branquiazul.
Terceiro.
Os dous equipos sumarán o seu terceiro encontro en oito días. Como dato, ningún dos dous perdeu ningún partido dos dous sumando dous puntos un e catro o outro, ambos ante rivais un tanto diferentes.
O Negreira comezou esta serie de resultados cun empate sen goles na casa ante o As Pontes. O pasado martes visitaron Bembibre e, ademais de non pasar do empate a un gol, perderon a Mariño para este partido despois de ver un cartón vermello. Aínda así, o equipo chega con dous días máis de preparación a este encontro tan importante.
O Compos tampouco puido pasar do empate a un gol ante o Choco en Redondela o pasado domingo. Máis sorte houbo o xoves coa primeira vitoria en oito encontros. O rival non era o máis axeitado para rachar a mala xeira de resultados pero a Esedé fixo un gran arrinque de encontro anotando dous goles, anque iso non impedíu que rematase o encontro sufrindo.
Un non gaña e o outro non perde.
Case sete meses hai que remontarse para ver a derradeira vitoria do Compos fóra de San Lázaro. Aínda con Fredi no banco e na Segunda B, o equipo branquiazul superou a domicilio á Arandina na que foi a despedida dos nosos da categoría de bronce grazas aos goles de Trigueros en propia porta e Bicho, agora nas filas do Racing de Ferrol.
Por contra, o Negreira non perde dende a primeira xornada de Liga ante o Silva. Sete partidos despois xogados no García Calvo, o equipo nicrariense segue sen perder. Tres meses e medio nos que fixeron do seu campo un fortín do que catro equipos puideron saír con vida, dous deles grazas a empates sen goles.
Os empates xa son outra historia. De oito encontros lonxe de Santiago, o Compos conseguíu empatar cinco perdendo só tres ante Depor B, Castro e Silva, último equipo que deixou os tres puntos na casa ante os nosos hai xa máis de mes e medio. Por contra, o Negreira superou a Vilalonga, Barbadás e Alondras na súa casa mentres que Arousa, Choco, As Pontes e Ribadumia saíron cun punto do García Calvo. En canto a eses empates hai que dicir que nos dous onde houbo goles comezou adiantándose o Negreira. Menos sorte tivo o Vilalonga, que se adiantou na primeira parte e foi superado polos locais con dous goles en vinte minutos.
Samu e Santi, fóra.
O ano non parece que vaia rematar de maneira positiva para Samu e Santi. Os dous xogadores branquiazuis levan xa un tempo de baixa e non reaparecerán aínda ante o Negreira. A parte deles dous, Yago non parece que vaia ter máis problemas á hora de facer a convocatoria e un once que poida competir nun dos campos máis complicados da categoría.
Un pequeno San Lázaro.
Ao igual que hai xa sete anos, o Negreira agarda a mellor entrada da tempada ante o Compos. A Esedé sempre está acompañada pola súa afección, en maior ou menor medida, e no García Calvo non será menos este domingo. O partido será ás 16:30 horas e as entradas terán un prezo xeral de 10 euros mentres que os rapaces entre 14 e 18 anos terán que pagar 5 euros. Menores de 14 anos pasan de balde.
Quen non poida ir ao campo poderá seguir o encontro en directo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ademais do perfil oficial de Twitter do clube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario