Un de tres

Comeza unha semana moi longa e dura para un Compos inmerso nunha mala xeira de resultados. Seis xornadas sen coñecer a vitoria, con 4 dos 24 últimos puntos no casilleiro branquiazul e unha semana por diante con tres partidos en sete días. Deses tres partidos que terá que afrontar a Esedé de domingo a domingo, dous serán lonxe de San Lázaro, onde aínda non coñece a vitoria. O mellor momento para rachar dúas xeiras negativas que sitúan ao equipo no medio da táboa clasificatoria, caendo dende o terceiro posto hai xa mes e medio.
Esta serie de encontros para xa case rematar a primeira volta, faltará un encontro máis na casa ante o Barbadás, comezará este domingo ante o Choco en Redondela. Un rival que pasou de loitar polo ascenso á Segunda B a pasada tempada a saír por fin dos postos de descenso a pasada xornada logo de encadear dúas vitorias consecutivas.

Xa ve a luz.
O Choco parece que comeza a ver a luz ao final do túnel logo dun mal arrinque de tempada. O equipo de Redondela pasa polo seu mellor momento en canto a resultados con dúas vitorias consecutivas poñendo ao equipo a un punto dos postos de descenso, posto que ao final non asegura a permanencia xa que dependería dos descensos da categoría de bronce.
Despois de dúas vitorias consecutivas ante As Pontes e Dubra, os de Marcos Montes reciben ao Compos no mellor momento. Agora mesmo, suman 15 puntos con 4 vitorias, 3 empates e 8 derrotas conseguindo algo máis da metade dos puntos conseguidos na casa. De feito, como local gañou 2 partidos, empatou outros 2 sen goles e caeu en 3 ocasións.
En canto a goles, o Choco é xunto ao Céltiga o equipo con máis goles da zona media baixa (18). Por contra, só tres equipos superan aos redondeláns como o equipo que máis goles encaixou ata o de agora (25). A nivel individual, conta con xogadores como Rober, máximo goleador do seu equipo con 7 tantos.

Todo o contrario.
Como xa todos coñecemos, os dous equipos pasan por momentos moi diferentes. O Compos pasou de ocupar o terceiro posto, que acadou trala vitoria ante o Bergantiños, a caer ao undécimo. Algo máis de mes e medio onde o equipo perdeu moito do conseguido nos dous primeiros meses de encontro,
Pola contra, o Choco saíu dos postos de descenso por primeira vez dende a xornada 8. O conxunto redondelán entrou nunha moi mala xeira de resultados dende esa xornada e non volveu a gañar ata fai dúas fins de semana, cando superaron ao As Pontes na casa. O bo momento mantívose ante o Dubra cunha vitoria nun partido con sete goles, catro para os visitantes.

O gol non está asegurado.
O Compos non é capaz de pasar do empate lonxe de San Lázaro. Catro empates en sete partidos e xa non sempre con goles, dende o empate en Vilagarcía de Arousa, único partido sen gol branquiazul lonxe de San Lázaro polo momento.
Se á ausencia de vitorias da Esedé a domicilio engadimos que os dous empates do Choco na casa foron sen goles sae un resultado moi diferente ao normal. Ou ben o Compos anota algún gol e gaña, algo que tampouco se pode asegurar como lle ocorreu ao Cerceda, ou empata sen goles e consegue un punto. Pola súa parte, o As Pontes non foi quen de marcar nin puntuar en Santa Mariña.
En canto ás derrotas do Choco na casa, Vilalonga e Alondras conseguiron chegar ao final dos primeiros corenta e cinco minutos sen goles para anotar o gol da vitoria no segundo tempo, antes dos vinte minutos. Pola súa parte, o Arousa fixo todo o contrario e á media hora de xogo levaba unha ventaxa de dous goles, insalvable para un equipo que só puido recurtar diferenzas dende os once metros.

50 anos.
Van xa 50 anos da última visita do Compos a Redondela en partido oficial. De feito, só se enfrontaron en tres ocasións na Terceira galega con resultados positivos para os nosos. No 63, a Esedé conseguíu unha contundente vitoria, na estrea branquiazul na categoría, por 1 gol a 7. Menos sorte houbo no 64 e no 66 onde a Esedé volveu de Santa Mariña con dous empates por 1-1 e 3-3 respectivamente.
En 1966 o Choco perdeu a categoría, non conseguíu ascender de novo á Terceira ata 1980 para descender na mesma tempada. Xa no 2013 conseguiron un novo ascenso para quedarse e participar en dúas fases de ascenso consecutivas perdendo a primeira tempada ante o Extremadura e na segunda ante o filial do Zaragoza.

Semana chave.
Esta semana será moi importante para os dous equipos se queren rematar ben a primeira volta. En sete días terán tres partidos. Nove puntos en xogo que o Compos terá que gañar ante os pontevedreses, Cerceda o vindeiro xoves e Negreira o domingo seguinte quedando só o encontro ante o Barbadás para pechar a primeira volta antes do Nadal.
Pola súa parte, o Choco recibirá ao Compos, visitarán ao Bergantiños o martes e recibirán ao Silva. Este feito podería provocar que ante a Esedé haiba trocos no once inicial xa que só terán un día para preparar a visita a Carballo. Pecharán a primeira volta ante o Barco lonxe da casa.

Por que non?
O Compos, ata o de agora, non sumou ningunha vitoria fóra de San Lázaro e aínda así ocupa un posto no medio da táboa. Isto non é nada raro xa na historia branquiazul despois de ver que fai tres anos conseguíuse a permanencia na Segunda B sen gañar ningún dos 18 partidos que se xogaron naquela tempada con 19 equipos. 
Aquel retorno á categoría de bronce rematou coa Esedé na 13ª praza e con só 9 puntos a domicilio. Agora, con sete partidos xogados fóra da casa, o equipo suma 4 puntos grazas a outros tantos empates. Por que non pensar que, se o obxectivo real do equipo é a permanencia, non se pode conseguir sen gañar lonxe de San Lázaro?

Volve Cardeñosa.
Os problemas en defensa da Esedé parecen arranxarse por fin. Recuperado Cabrejo e sen sancionados, logo de perder a David Rey, Taboada e Cardeñosa por sanción, un por xornada, Yago poderá, ao fin, completar unha convocatoria con tódolos defensas dispoñibles.
Máis problemas hai do centro e no ataque. Samu e Santi estarán unha xornada máis lonxe dos terreos de xogo. Ademais, hai que engadir que o pasado domingo coñecimos a baixa de Juan Rey, novo xogador do Estudiantil na busca de máis minutos de xogo. Unha baixa antes arranxada coa chegada de Recoba.
Para completar unha convocatoria de 16 homes, nada doada, Yago Iglesias deixa fóra a Martín, Ander, Alberto e David Rey sendo Ube a maior sorpresa da convocatoria. 

Xornada emotiva.
O mundo do fútbol está de loito despois do accidente aéreo do pasado martes en Colombia coa morte da meirande parte do Chapecoense, equipo brasileiro que viaxaba para enfrontarse ao Atlético Nacional na final da Copa Sudamericana. Ante isto, a Federación Galega anunciou que haberá un minuto de silencio na honra dos falecidos en tódolos campos galegos. 
O partido será este domingo ás 17 horas en Santa Mariña, Redondela. Quen se achegue ao estadio terá uns prezos un tanto diferentes aos que estamos acostumados. Os menores de 16 seguirán entrando de balde, a xente entre 16 e 24 anos terá que pagar 5 euros e os maiores de 24 anos, 10 euros. Quen, por contra, non poida asistir ao encontro poderá seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, e no perfil de Twitter oficial do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario