Cinco

Porque non hai catro sen cinco, o Compos empatou por quinta vez consecutiva en Santa Mariña. Unha fin de semana máis sen gañar lonxe da casa e un novo empate, unha vez máis con goles, onde o máis positivo foi o encontro de Lucas, salvando ao equipo cando máis parecía precisalo. Bo primeiro tempo, onde se puido sacar algo máis positivo, e mal segundo tempo, onde os dous equipos perdoaron ocasións para levarse os tres puntos. 
Os goles non se fixeron agardar nesta tarde de domingo en Redondela. En tres minutos chegou o gol local por obra de Rober mentres que no cuarto de hora de xogo foi Tomás o encargado de igualar as cousas. A mala nova desta saída foi a lesión de Cardeñosa na xogada do gol tendo que deixar o seu posto a Make, suplente unha semana máis perdendo o posto ante Mon. Ademais, volvendo ao positivo, Recoba apareceu de novo para ser unha das pezas importantes no gol branquiazul.

Mal arrinque. 
Ao igual que ocorreu ante o Barco e o Vilalonga, o Compos encaixou o primeiro gol moi cedo, antes de cumprirse os cinco minutos de xogo. Un erro defensivo tras outro, unha cadea de rexeites dentro da área, que axudaron no gol de Rober. Na sorpresa dun Choco que, ata o momento, non perdera nin empatara na casa logo de poñerse por diante no marcador. 
Sen pensar nese dato nin en que a Esedé descoñece aínda o que é gañar lonxe da casa, o equipo foise arriba rápido na busca do empate. Era o momento de dar unha volta á historia, de desfacer o meigallo que acompaña ao equipo cando sae de San Lázaro e de rachar esa xeira de seis encontros sen coñecer a vitoria.

Gol moi caro.
A Esedé meteu unha marcha máis ao encontro e foi a pola portería local. O Choco, un pouco tranquilo despois do gol, errou nunha saída de balón colaborando no roubo de Recoba. O uruguaio meteu un pase en diagonal para a carreira de Tomás e éste non perdoou ante o porteiro. Segunda asistencia en dous partidos de Recoba e cuarto gol dun Tomás que vai de menos a máis gañándose o posto de titular indiscutible. 
Por contra, na seguinte xogada chegou un pau importante na defensa. Cardeñosa tivo que ser substituído logo dun encontronazo cun contrario. Unha lesión que haberá que agardar para coñecer o seu alcance. Ademais, para aumentar os problemas, no banco de suplentes non había ningún defensa para cubrir o posto obrigando a Mon a ocupar a posición de central esquerdo, terceira diferente no que vai de tempada.

Sen premio.
O Compos fíxose co control do encontro na última media hora do primeiro tempo. As ocasións chegaron pero non se puideron concretar da maneira axeitada. Unha oportunidade tras outra, acumulábanse as ocasións de perigo sobre a porta local e, á súa vez, os erros dos atacantes branquiazuis. 
Julián, Mitogo, Recoba e Make tiveron ocasións de sobra para poñer por diante ao cadro da capital mais a pelota non parecía querer entrar na portería. A máis destacada, xa case no tempo engadido, foi obra de Mitogo cun balón que petou no longueiro. 

De novo, Lucas.
Esta tempada parece que o Compos ten unha metade boa e outra mala, e iso sendo positivos. En Santa Mariña ocorreu o mesmo. Moi bo primeiro tempo, perdoando un segundo gol que sería moi importante, e un segundo tempo onde medrou de novo a imaxe de Lucas baixo paus. O porteiro segue a demostrar a súa valía na categoría con paradas moi boas salvando ao equipo ata o final. 
Ante o Choco non tivo quizais tanto traballo como puido ter noutros encontros. O conxunto redondelán non tivo case opcións de poñerse de novo por diante ata o treito final, con dúas ocasións moi claras xa no tempo engadido. Ambas oportunidades desbaratounas o gardamallas branquiazul, quizais o mellor xogador no que vai de tempada. 

Superior. 
Ante o Vilalonga estreouse cun gol, o gol do empate. Ante o Rápido de Bouzas asistíu a Mitogo para que puidera empatar o partido na segunda metade. E contra o Choco non foi menos. Recoba está a demostrar na Terceira ser un xogador de categorías superiores co seu fútbol e sendo moi importante no equipo. En Redondela, ademais de deixar mostras do seu nivel, deu o pase de gol a Tomás e a piques estivo de anotar un segundo gol. 
Hai case un mes que asinou o seu contrato, logo de dous meses adestrando co resto do equipo en San Lázaro, e xa é un fixo para Yago Iglesias. Demostra o seu gran nivel en cada balón que toca e non foi o autor do gol da vitoria en Redondela porque a sorte non estivo do seu lado mandando fóra do campo as dúas ocasións máis claras que tivo chegando dende a banda. 

Sete.
Se xa chaman a atención os cinco empates consecutivos, máis aínda o fan as sete xornadas nas que o Compos non coñece a vitoria. Xa case dous meses sen sumar os tres puntos pero mantendo ao equipo na parte media da táboa. Aínda así, o dato de 5 puntos de 21 posibles é para mirar que se está a facer mal. 

Semana complicada. 
A Terceira este ano está que bota fume. Tódolos equipos son moi fortes e non se pode fiar de ninguén. Se a iso lle engadimos que esta semana conta con partido entre semana, as cousas empeoran. E aínda máis se temos en conta que o vindeiro xoves recibimos en San Lázaro ao Cerceda, terceiro clasificado que suma seis vitorias consecutivas e chega de gañar por cinco goles ante o Dubra. 

Un pasiño máis preto. 
Se, como se dixo dende o clube, o obxectivo real é a permanencia, o Compos dou un pasiño máis cara o obxectivo final. E non debemos esquecer que tamén se pode conseguir sen gañar a domicilio sempre e cando se sigan contando por empates os encontros lonxe da casa.

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa (Make, min. 16), Taboada, Cabrejo; Mon; Julián, Ube, Tomás, Recoba (Diego Rey, min. 85); e Mitogo (Nogueira, min. 72).
CARTÓNS: Amarelo para Mon, Tomás e Ube.
GOLES: 1-0 3' Rober, 1-1 14' Tomás.
CAMPO: Santa Mariña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario