Catro

O Compos encadea xa catro xornadas sumando un empate tras outro, aos que engadir dúas derrotas anteriores. Mes e medio de fútbol sen coñecer a vitoria caendo á tranquilidade da zona media da táboa. Deses catro empates, este é o segundo onde o equipo ten que remontar na segunda metade para poder sumar un punto. O Rápido de Bouzas, que perde así o primeiro posto, mostrouse superior aos locais e tivo opcións de conseguir un premio maior no primeiro tempo.
Dos nosos pouco se pode contar. Un pouco o de sempre. O equipo foi de menos a máis, sen conseguir crear perigo ante un rival con mellor equipo e só na segunda metade se conseguíu poñer en problemas ao porteiro do conxunto vigués grazas, en gran parte, ás chegadas de Recoba pola banda dereita do ataque branquiazul. O centrocampista uruguaio foi, xunto con Lucas, o mellor do encontro na que foi a súa estrea ante a súa afección.

Equipo novo.
Nas últimas semanas, Yago Iglesias buscou mellorar ao equipo con algún que outro troco de posición entre xogadores, ao que engadir a lesión de Santi deixándoo con só un dianteiro. Ante isto, e coa intención de dar descanso a Nogueira, o adestrador preferíu saír sen dianteiro, con Tomás na posición máis adiantada do equipo. Ademais, tamén saíu dende o banco de suplentes Make para substituír a un moi ovacionado Recoba despois de ser titular case toda a tempada ata o de agora, perdéndose só o encontro ante o Deportivo B.
A parte diso, e sumando a novidade de Recoba, que amosou un nivel superior, ningunha sorpresa máis. Diego Rey tivo minutos no segundo tempo despois de non entrar na convocatoria ante o Vilalonga, Mon confirmouse no centro do campo e Taboada volveu á defensa despois dunha xornada fóra por sanción. 

Mellores os de Patxi Salinas.
O encontro arrincou cos dous equipos buscando a posesión da pelota e abrindo ocos na defensa rival. As forzas parecían igualadas pero, chegado o cuarto de hora de xogo, o equipo vigués pareceu mellorar e facerse co control do encontro. Puxeron en serio perigo a porta defendida por Lucas aproveitando a velocidade dos atacantes e a facilidade para superar á defensa. 
Á contra, o equipo visitante mostrouse moi superior provocando así non só ocasións de perigo sobre a porta de Lucas, moi seguro en todo momento, senón tamén máis dun cartón amarelo por curtar ditas accións como se puido.
Superada a media hora de xogo, despois dalgún aviso sen importancia da Esedé, adiantouse o equipo visitante aproveitando outro erro defensivo. Chegada pola banda, centro dende o lateral da área para Pardavila e éste bate a Lucas cun disparo raso. Bo gol do Rápido de Bouzas confirmando a súa superioridade. 

Mon, mellor atacando.
Mon probou sorte como substituto de Cabrejo e demostrou que o seu son as xogadas a balón parado. O centrocampista santiagués xa anotou máis dun gol de falta directa e ante o Rápido, antes do final do primeiro tempo, tivo ata tres ocasións para conseguir a igualdade. 
Os cinco minutos finais foron cousa dos nosos. Xerouse máis perigo que nos primeiros corenta minutos e Mon puido conseguir o premio gordo. Primeiro buscouno dende lonxe sen ver portería. Dous minutos despois volveu pasarse de forza no disparo. E á terceira tívoa de falta directa colocando a pelota á perfección pero atopándose co porteiro. 

De menos a máis.
Se despois do gol vigués mellorou o equipo, a segunda metade non foi para menos. O perigo sobre a porta contraria non tardou cunha xogada pola banda de Tomás que a piques estivo de materializar Martín, que chegou un pouco tarde e non puido definir. Unha ocasión á que respondeu rápido o Rápido de Bouzas ante Lucas.

De novo, moi importante.
Ante o Vilalonga, Recoba foi o autor do gol do empate xa no tempo engadido. Un gol moi importante para sumar un punto que soubo a máis ca un empate despois de ir perdendo durante máis de noventa minutos. Antes, no amigable ante a Selección sub-18, estreouse co primeiro equipo cun gol. 
Se nas dúas ocasións anteriores foi importante, non foi para menos na súa estrea oficial na casa. Recoba apareceu pola banda esquerda, foise en velocidade de varios contrarios, incluído Jesús Varela, pero non puido bater ao porteiro, que o derrubou no lateral da área pequena. Dende os once metros, Mitogo non perdoou marcando con forza e poñéndose no máis alto da clasificación de goleadores do equipo xunto con Santi. En canto ao seu compañeiro Recoba, dous partidos e dous goles nos que participa.

Final non apto para cardíacos. 
A última media hora de xogo non foi apto para cardíacos. Os dous equipos deixaron todo o posible dentro do campo para facerse cos tres puntos e co Compos dominando gran parte do tempo. E de novo cobraron importancia máxima os dous porteiros... e Recoba. O uruguaio, antes de ser substituído, tivo nas súas botas dúas ocasións máis e unha asistencia, que non chegou a bo porto por moi pouco. 
Pola súa parte, Youssef e Carnero tiveron oportunidades suficientes para adiantar de novo aos seus pero a parella atacante do Rápido de Bouzas non foi quen de bater a Lucas, sen dúbida un dos mellores no que vai de tempada.

Agora hai que pensar xa no encontro ante o Choco, que saíu dos postos de descenso nesta mesma xornada. Un partido que abrirá unha semana con encontros en Redondela, San Lázaro ante o Cerceda e en Negreira en oito días. Tres partidos difíciles pero onde hai que ensinar o mellor deste equipo. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo; Mon, Julián; Martín (Nogueira, min. 54), Recoba (Make, min. 88), Mitogo (Diego Rey, min. 66); e Tomás.
CARTÓNS: Amarelos para Tomás, Taboada, Cabrejo e Diego Rey.
GOLES: 0-1 34' Pardavila, 1-1 58' Mitogo.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario