Remata o ano

O Compos pechará este domingo o ano e a primeira volta en San Lázaro cun partido nada doado. Recibiremos ao Barbadás no peche dun 2016 para esquecer cun descenso de categoría e un comezo de tempada, onde o obxectivo é a permanencia, un tanto irregular. O equipo branquiazul buscará, así, conseguir a segunda vitoria consecutiva na casa e o oitavo encontro consecutivo sen coñecer a derrota.
Un partido na zona media alta da clasificación entre dous equipos separados por cinco puntos e tres postos e cos ourensáns pensando en meterse de novo na zona de promoción de ascenso logo de caer a pasada xornada. Un Barbadás que, ademais, leva tamén sete partidos sen perder conseguindo seis puntos máis ca os nosos no mesmo tempo.

Facendo historia.
O Barbadás está a facer a mellor tempada da súa historia. Un equipo que non chega aínda aos 20 anos de vida e suma xa cinco anos na categoría de bronce. Catro cursos, os anteriores, onde conseguiron a permanencia sen pasar problemas. No que levamos de primeira volta, o equipo ourensán é unha das revelacións do campionato pechando a primeira metade da tempada entre os seis primeiros, de onde non se moverá pase o que pase en San Lázaro.
O equipo azul chega dende o sexto posto e a dous puntos do terceiro clasificado, o Cerceda. Con 31 puntos é un dos equipos que máis opcións teñen para facerse cun dos dous postos aínda sen dono. Sen embargo, o cuarto mellor equipo como local, ten moito traballo por diante cando sae de Os Carrís, onde só conseguiron sumar 10 puntos de 27 posibles.
A domicilio, o Barbadás conseguíu dúas vitorias ante Silva e As Pontes, catro empates nos que conseguiron anotar en tres deles e tres derrotas. Un equipo que suma un gol menos que a Esedé (25) e que encaixou máis da metade dos seus goles fóra da casa (12 de 20) destacando a derrota en Vilalba (3-0) ou o empate en Ribadumia (3-3).
A nivel individual contan nas súas filas con dous xogadores que suman máis da metade dos goles entre ambos. Rodrigo Parrado e Alfredo levan ata o de agora 7 goles cada un. 14 dos 25 goles entre os dous, un 56% dos tantos do equipo.

Seis puntos.
Os dous equipos levan o mesmo tempo sen perder. Curiosamente, os dous datan a súa derradeira derrota ata o momento no 30 de outubro. Un dato importante e moi positivo se non fora porque hai seis puntos de diferenza entre as xeiras dun equipo e doutro.
O Compos non coñece a derrota dende o encontro en San Lázaro ante o Barco. Sen embargo, tampouco se pode dicir que fora unha boa serie de resultados a que chegou dende ese día. Só unha vitoria en sete encontros, na única xornada entre semana ante o Cerceda, e seis empates con máis sabor a derrota logo de merecer moito máis. En total, 9 puntos de 21 posibles.
Máis sorte, ou efectividade, tivo o Barbadás dende esa última xornada do mes de outubro. Tamén sete partidos máis tarde, o equipo descoñece a derrota e só puido gozar dunha vitoria a domicilio tres meses despois de conseguir a primeira. Ademais dese triunfo, o equipo pode presumir de tres vitorias máis e só tres empates. 15 puntos de 21 posibles e subindo dende a décima posición.

A facer bos os empates.
Ben é certo que facer bos os empates, os seis, que leva o Compos case seguidos xa non hai quen os faga bos. Partidos onde se puido sacar algo máis positivo pero nos que a baixada de intensidade e a perda de forzas dos nosos chegada a hora de partido custaron máis dunha vitoria, e de non ser por Lucas puideron ser os sete partidos sete empates.
A esta xornada chegan os dous conxuntos con empates a pasada xornada. Por parte dos nosos, un reparto de puntos que sabe a pouco no García Calvo. Un gol de Cardeñosa puido valer os tres puntos pero a baixada de intensidade dos nosos superada a hora de xogo foi suficiente para que o Negreira sumase un novo punto na casa. 
Por contra, o Barbadás non foi quen sequera de abrir o marcador en Os Carrís ante o Dubra. Partido sen goles nin moitas ocasións que non serviu ao equipo ourensán para meterse na promoción de ascenso nin aos de Bembibre para saír dos postos de descenso, que este ano parece que estará moi caro se as cousas na Segunda B seguen igual. 

Só un precedente.
O Barbadás conseguíu o ascenso á Terceira división por primeira vez na súa historia hai cinco anos. Foi nesa primeira campaña cando visitaron San Lázaro nun partido onde serviron os goles de Gonzalo e Franqueira, ambos na segunda metade. Nesa mesma tempada, o Compos conseguíu os tres puntos tamén a domicilio.

Santi, recuperado. 
Yago Iglesias recupera por fin a Santi, que xa adestra co resto dos seus compañeiros, e poderá convocalo un mes despois da súa lesión. O dianteiro pode ser a novidade nun partido onde as baixas, polo momento, ascenden a tres e todas por motivos moi diferentes. 
Mon apareceu nos onces do adestrador branquiazul cubrindo o posto de Cabrejo cando foi preciso. Logo pasou ao centro do campo con Julián ou Make ocupando o posto dalgún dos dous para darlles descanso. E nesta xornada non poderá estar por acumulación de amonestacións chegando limpo á segunda volta. 
Samu caeu lesionado no partido ante o Racing Vilalbés en San Lázaro, hai xa máis de dous meses. Polo de agora aínda non se coñece a data da súa volta aos terreos de xogo. O motor do equipo no centro do campo durante as primeiras xornadas de competición e que, á volta, terá que loitar nos adestramentos con Mon e Make por recuperar o seu posto no once titular.
A derradeira baixa ata o de agora, pola que o equipo xa busca no mercado para cubrila, é a de Julián. Outro dos fixos nos plantexamentos de Yago Iglesias deixou a Esedé a pasada semana, logo do partido en Negreira no que foi o capitán, para traballar lonxe dos terreos de xogo e convertirse noutro afeccionado máis fixo nas bancadas de San Lázaro.

Remata o ano e unha volta.
Ante o Barbadás será a derradeira xornada da primeira volta e do ano 2016, un ano sen moi bos recordos para a familia branquiazul. Un partido onde haberá que buscar de novo os tres puntos antes de recibir, xa no mes de xaneiro, ao Depor B tamén na casa na que será a primeira xornada da segunda volta. O partido será este domingo ás 17 horas en San Lázaro e as entradas, coma sempre, terán uns prezos de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces entre 14 e 17 anos e de balde para menores de 14. 
Quen non poida achegarse ao encontro poderá seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, e no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderá escoitarse en directo a través da 'Esedé Radio', na web oficial tamén do clube. 
Hai que recordar tamén que antes do comezo do encontro haberá un minuto de silencio na honra do que ata hai uns días era o presidente do Racing de Ferrol, Isidro Silveira, falecido o pasado mércores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario