O Compos rematou este domingo o 2016 cunha vitoria ante o Barbadás. Un partido dominado de principio a fin polo equipo branquiazul anque con poucas ocasións de perigo perdoando durante toda unha primeira metade. Por sorte, na segunda metade chegaron os dous goles que significaron os tres puntos para un equipo que pecha a primeira volta da liga a cinco puntos dos postos de promoción de ascenso.
Dous goles no treito final do encontro foron suficientes para superar a un Barbadás que, de non ser por Lucas, puido levar tamén un premio mellor. Por sorte, nos dez últimos minutos chegaron os goles de Santi na súa volta aos terreos de xogo e de Martín xa no tempo engadido.
Posesión total.
Durante os primeiros corenta e cinco minutos, o Compos gozou da posesión da pelota ante un Barbadás que agardou atrás. Partido cómodo para os nosos errando nos últimos pases sen conseguir crear ocasións de perigo sobre a porta visitante. Un partido que facía pensar, cada vez máis co paso dos minutos, nun novo empate.
Facía falta rematar as ocasións e, anque se chegaba con claridade, houbo moitas imprecisións nos metros finais. Cabe destacar unha oportunidade de Cardeñosa que non atopou portería tras agardar demasiado e outra de Tomás que atallou o gardamallas ourensán.
Por parte do Barbadás, que non puido facer máis que intentar aproveitar á contra, menos aínda que contar. Superados en tódalas liñas, só tiveron unha ocasión no primeiro tempo onde non conseguiron superar a un Lucas moi seguro que suma unha xornada máis sen encaixar gol.
Mellor segunda metade.
Non moito mellor pero a segunda metade contou con máis ocasións de perigo que a primeira por parte dos dous equipos. Tal foi así que antes de cumprirse os dez minutos de xogo trala reanudación os locais xa tiveron tres boas oportunidades para adiantarse no marcador, topándose en todas co porteiro. A mesma sorte tivo o Barbadás cando buscou a porta defendida por Lucas, que segue a demostrar un enorme nivel baixo paus.
Pouco a pouco o equipo foi de menos a máis. As ocasións de perigo sucedéronse sobre a porta de Berto sen o acerto preciso para desfacer o empate inicial. Por sorte isto mellorou grazas aos dous trocos realizados por Yago Iglesias.
Os trocos, protagonistas.
Yago Iglesias agardou unha hora de partido para dar entrada a Santi. O dianteiro volveu ao terreo de xogo trala lesión e fíxoo da mellor maneira posible. Por outra parte, Martín entrou dez minutos despois para ser tamén unha peza chave na vitoria branquiazul coa que se pechou o ano, polo menos de xeito oficial.
Foi o dianteiro asturiano o encargado de aumentar as opcións dun Compos sen pólvora. Logo dunha gran xogada de Saro pola banda, deixando atrás a tódolos rivais que se interpuxeron no seu camiño, Santi non perdoou ante o porteiro tras controlar dentro da área. Asistencia maxistral e gol para volver do mellor xeito posible.
Xa no tempo engadido, coas pantasmas dos empates no treito final dos encontros, Martín pechou o encontro co segundo gol. Xogada neste caso de Nogueira, que busca superar ao porteiro, o seu disparo rebota no gardamallas e a pelota cae nos pés de Martín, que non perdoa. Segundo gol para pechar un ano que non foi o mellor para o centrocampista galego.
Oito.
Son xa oito as xornadas que suma o equipo sen perder volvendo ao camiño da vitoria en San Lázaro. Recibiremos ao Depor B na primeira xornada do 2017 logo de dous meses sen coñecer a derrota en Liga e coa única intención de manter a boa xeira de resultados na casa, non así en xeral xa que das oito últimas xornadas seis remataron con reparto de puntos.
Ademais, hai que destacar que antes de rematar o ano, o equipo xogará un amigable en A Estrada ante o Pontevedra. Un final de ano ante un dos mellores conxuntos a nivel nacional cando xoga na casa, onde aínda non perdeu no que vai de tempada sumando tódolos seus partidos por vitorias e só un empate.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Taboada, Cabrejo; Make, Ube; Rubén (Martín, min. 72), Tomás, Recoba (Santi, min. 62); e Nogueira.
CARTÓNS: Amarelo para Taboada.
GOLES: 1-0 82' Santi, 2-0 92' Martín.
CAMPO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario