Quen perdoa, paga

O Compos xogou o seu último encontro lonxe de San Lázaro cun novo resultado negativo. O equipo de Yago Iglesias volveu de Negreira cun punto no sexto empate lonxe de San Lázaro do que vai de tempada. Un partido onde a vitoria, merecida, non chegou por cinco minutos. Aínda así, o equipo amosou un bo nivel ante un Negreira que pouco máis puido facer que defenderse e aproveitar as poucas ocasións das que gozaron.
As malas novas do encontro, ademais do empate cando xa se podía case contar coa primeira vitoria a domicilio do curso, foron a lesión de Cabrejo e o mal estado ao que se chega ao treito final dos encontros en canto ao estado físico dos xogadores. e a perda de Mon de cara á vindeira fin de semana por acumulación de cartóns.

Seis e sete.
Co empate no García Calvo en Negreira, a Esedé suma xa seis empates a domicilio en nove partidos nesta primeira volta. Un dato algo positivo tendo en conta que o conxunto da capital aínda non sabe o que é gañar fóra de San Lázaro. O equipo que máis empates suma lonxe da casa e, con tres, o cuarto equipo que perdeu en menos ocasións. 
Ademais, hai que engadir que ésta é a sétima xornada consecutiva na que o Compos puntúa. Seis empates, cinco deles seguidos, e unha vitoria ante un rival nada doado que rachou unha mala xeira tanto de resultados coma de xogo. 9 de 21 puntos posibles para un equipo que nin así se move do medio da táboa.

Un capitán que nos deixa.
De xeito totalmente inesperado, Julián deixa o Compos neste mercado de inverno, antes do encontro ante o Barbadás. O santiagués, por motivos aínda descoñecidos, abandona a entidade branquiazul no día que saíu ao terreo de xogo co brazalete de capitán. Un capitán que, con moito traballo, se convertíu nun fixo nos plans do adestrador. Unha das pezas máis importantes no centro do campo, na zona de creación, e que non será nada doado de substituir.

Pouco fútbol e menos ocasións. 
O primeiro tempo foi unha constante busca da pelota por parte dos dous equipos. Ningún dos dous foi quen de facerse co manexo do encontro durante os primeiros corenta e cinco minutos e tampouco de poñer en apuros ao porteiro contrario sendo ambos case uns espectadores do xogo no centro do campo. 
A defensa e o medio do campo parecían ser un seguro no esquema branquiazul. Sen embargo, en Negreira errou o ataque perdoando nas chegadas máis claras. Por sorte, Chiño tampouco estivo acertado de cara a porta nun primeiro tempo que rematou con Lucas con problemas musculares, anque nada serio puidendo xogar tamén a segunda metade.

De menos a máis. 
Se no primeiro tempo non houbo case ocasións, na segunda metade o Compos tivo suficientes para conseguir os tres puntos sen sufrir. Pero de novo, como xa estamos acostumados a ver, o equipo perdoou máis do permitido. Conseguiron pechar ao Negreira no seu campo, ter a pelota e achegarse á portería de Mario. Aínda así non chegaba o gol. 
O máis importante era non perder nun campo difícil. Para iso había que, polo menos, marcar un gol. Un gol que chegou nunha xogada a balón parado e cun chisco de polémica. Centro dende o curruncho e Cardeñosa, que subíu a rematar en cada córner, non perdoa coa testa. Bo gol do central para facer soñar co final da xa coñecida coma a 'Maldición de Fredi'.

Quen perdoa as paga.
Xa estamos acostumados en San Lázaro a sufrir. O equipo non é quen de chegar ao final do encontro co partido finiquitado e ante o Negreira repetiuse. Chegouse ao treito final do partido cun só gol de diferenza despois de que Recoba non puidera anotar o tanto da sentenza cunha xogada individual desas nas que amosa un nivel superior.
Xa non é a primeira vez que ocorre. O Compos non se vai ao ataque logo de facer un gol ou non é capaz de facer un segundo co que, polo menos, poñer terra de por medio. Ante o Negreira repetiuse o mesmo guión. A seis minutos para o final do encontro, Adrián Quintairos asinou o gol do empate rematando co soño de pechar o ano cunha vitoria a domicilio en Terceira.

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Taboada, Cabrejo (Diego Rey, min. 70); Mon, Make; Julián, Recoba (Rubén, min. 80), Tomás; e Nogueira.
CARTÓNS: Amarelos para Mon e Nogueira.
GOLES: 0-1 55' Cardeñosa, 1-1 84' Quintairos.
CAMPO: García Calvo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario