15 anos despois volve a casa unha das maiores figuras da historia da base do Compos. Gonzalo García García, máis coñecido no mundo do fútbol coma 'Recoba', volve á súa casa. Farao despois de dous meses adestrando en San Lázaro tentando recuperarse dunha lesión agardando atopar un novo equipo co que continuar a súa carreira aos 33 anos.
'Recoba' formouse nas categorías inferiores da Esedé dende os 14 anos, cando chegou de Uruguai. O centrocampista amosou un gran nivel na canteira branquiazul abrindo as portas da selección galega e española, compartindo vestiario con xogadores que contan cun Mundial. Ese nivel levouno a asinar polo Real Madrid con 18 anos deixando en San Lázaro uns 80 millóns de pesetas, case 5 millóns de euros.
O uruguaio, de familia galega, nunca chegou a debutar co primeiro equipo do Real Madrid saíndo cedido ao Alcorcón, Mérida e Palencia. Sen embargo, nunca conseguíu facerse cun oco importante no fútbol español tomando camiño cara Holanda, onde si foi quen de facerse un nome.
Ampla carreira internacional.
Nos Países Baixos militou nas filas do Apeldoom, Heerenveen, Heracles Almelo, Groningen en dúas etapas diferentes e VVV Venlo. Cinco anos onde se fixo un oco na máxima categoría do fútbol holandés, sendo o ídolo da afección do Heracles Almelo.
En 2011 deixou Holanda camiño de Chipre. No país mediterráneo xogou un ano nas filas do AEK Larnaca. No 2012 trocou Chipre por Israel para xogar nun histórico coma o Maccabi Tel Aviv unha tempada. E no 2013 volveu a Chipre para rematar a súa carreira lonxe de Galiza fai uns meses no Anorthosis Famagusta.
Agora, con moita experiencia e gol nas súas botas, asina polo Compos ata final de tempada para axudar no centro do campo a Tomás, Samu e Make. Agora, se todo vai ben, poderá estrearse co primeiro equipo da Esedé o domingo en San Lázaro ante o Ordes cubrindo a baixa do vigués.
Ningún comentario:
Publicar un comentario