O Compos conseguíu un bo resultado na súa visita a A Lomba. Un empate sen goles, un punto ante un rival directo e co que recurtar un punto aos equipos da parte alta da táboa, anque tamén supoña perder postos na clasificación. Primeiro encontro onde o Compos non anota ningún gol pero tamén é o primeiro lonxe da casa onde non encaixa ningún, mellorando un pouco o visto ata o de agora.
En canto ao partido, pouco fútbol pero ocasións suficientes para colleitar algo máis positivo. Os dous equipos mostraron intencións de levarse os tres puntos e gozaron de moi boas chegadas, destacando un disparo de Nogueira directo ao longueiro xa no tempo engadido. No outro lado, Taboada e Cardeñosa demostraron unha boa fortaleza defensiva, coma se agardaba deste equipo. Ademais, Lucas volveu á titularidade do mellor xeito posible: salvando ao equipo con ata tres paradas de moito mérito. Algo tamén a ter en conta son os cinco cartóns amarelos que viron os nosos, un deles Tomás, que se perderá o seguinte partido en San Lázaro.
O Arousa saíu mellor.
O Arousa saíu dominando o encontro e abrindo ocos na defensa branquiazul. Fixéronse coa pelota e pecharon aos de Yago Iglesias no seu campo, anque sen poñer en problemas a Lucas ata superar os vinte minutos de xogo.
As primeiras ocasións foron para un Compos, que foi de menos a máis. Por desgraza, o ex branquiazul Roberto Pazos estivo moi ben baixo paus durante os noventa minutos desbaratando tódalas opcións de vitoria visitante. Cabe destacar tamén que na primeira metade as mellores oportunidades dos santiagueses chegaron a balón parado con Mon e Make coma protagonistas.
Lucas volve ao grande.
O primeiro tempo de Lucas foi para enmarcar. O porteiro da Esedé volveu ao once inicial despois de catro semanas de ausencia e fíxoo do mellor xeito posible. No primeiro tempo, onde o Arousa gozou das ocasións máis claras, o cancerbeiro formado nas categorías inferiores do equipo de capital, sacou tres paradas maxistrais evitando o gol local.
Os atacantes vilagarciáns atoparon o camiño á porta de Lucas á contra, pola banda dereita do seu ataque aproveitando que Mon subía a atacar. Ante ese oco e sumando a velocidade dos dianteiros locais, o perigo no primeiro tempo foi constante. Por sorte, Cardeñosa e Taboada tamén mostraron un nivel moi alto sen cometer erros.
Mellor na segunda metade.
No que vai de tempada, nos partidos lonxe de San Lázaro, os segundos tempos non son nada bos. O nivel baixa moito e chegan moitos goles en contra. Como mostra disto, o que ocorreu na primeira xornada en Abegondo recibindo ata catro goles nos segundos corenta e cinco minutos. Pero en A Lomba non foi así.
O paso por vestiarios foi moi positivo para os de Yago Iglesias. A pelota pasou a ser dos nosos e Nogueira, que non baixou os brazos en ningún momento, gozou de boas ocasións topándose sempre co debutante Roberto Pazos, que se gañou a titularidade con moito mérito. O de Cambados loita así con Lucas por ser o mellor do encontro.
Só faltou o gol.
O nivel do segundo tempo mellorou. A intensidade e a tensión do encontro tamén. Tanto foi así que en corenta e cinco minutos víronse ata sete cartóns, cinco para os nosos. Iso só é unha mostra de que o partido superou tamén ao colexiado. Sen embargo, faltou o gol. Os dous equipos tiveron boas ocasións pero ningún conseguíu superar ao porteiro contrario.
O empate sen goles non parecía negativo pero sempre é mellor gañar. Así que no tempo engadido chegou o mellor momento branquiazul. Dende o final do tempo regulamentario houbo tres saques dende o curruncho e nun deles chegou a mellor ocasión dos noventa minutos. Nogueira a piques estivo de anotar un novo gol pero o balón petou no longueiro antes de saír de novo.
Agora só hai que pensar no partido ante o Ordes da vindeira fin de semana.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Taboada, Mon; Make, Julián, Tomás (Santi, min. 89); Nogueira, Martín (Rubén, min. 55) e Mitogo (Diego Rey, min. 71).
CARTÓNS: Amarelos para Taboada, Mon, Cardeñosa, Tomás e Nogueira.
GOLES: 0-0.
CAMPO: A Lomba.
Ningún comentario:
Publicar un comentario