Este domingo visítanos o colista. Un Ordes que non está a pasar pola súa mellor tempada tanto sobre o terreo de xogo coma fóra. É así ata o punto de que só levan unha vitoria en 12 partidos amosando na pasada xornada que saben xogar ben ao fútbol e que contan con máis gol do que semella se botamos un ollo ás estadísticas do equipo ordense.
Chega a San Lázaro un equipo con moita representación branquiazul xa que ata nove xogadores do equipo verde pasaron algunha vez polas filas da Esedé, xa sexa polo primeiro equipo, o filial ou a base. Entre eles destaca o lateral Pablo Vidal, que conseguíu un ascenso á Terceira división antes de saír cedido cara o Dumbría deixando así o equipo da capital.
A permanencia, único obxectivo.
O Ordes non pasa polo seu mellor momento. Un equipo moi renovado, con moitos trocos no equipo, e que aínda non parece atopar unha regularidade en canto a xogo. Mostra diso é que só levan unha vitoria no que vai de tempada, conseguida na pasada xornada ante o Dubra grazas a un contundente 4-1. Ata ese momento só puntuaran ante o Castro e o Alondras en dúas xornadas consecutivas conseguindo os seus cinco puntos nas catro últimas datas.
Cun gran número de reforzos, o obxectivo principal do Ordes era conseguir unha permanencia que agora parece moi lonxe, anque con máis dde media liga por diante e tempo suficiente para que melloren as cousas.
O Ordes é ata o momento o equipo que menos goles suma do grupo I. 10 tantos conseguidos en cinco partidos, quedando en sete sen anotar ningún gol. Por contra, é o segundo equipo que máis goles encaixou recibindo un gol por xornada como mínimo menos no empate sen goles ante o Alondras.
A nivel individual destaca Fran Monroy. O dianteiro formado na base do Celta e con pasado no Coruxo e Levante, suma xa catro goles nos tres últimos partidos coincidindo coa mellora do seu equipo.
Moitos ex agora de verde.
Nove xogadores do actual equipo do Ordes pasaron nalgún momento da súa vida polas filas da Esedé. Capi, Santi Hernández, Rial, Óscar Boo, Jaco Vilas e Manuel Alcalde formáronse no equipo da capital mentres que Diego Arnejo e Pablo Vidal chegaron a facerse un oco no primeiro equipo. Pola súa parte, Aguado pasou polo filial branquiazul compartindo vestiario con David Nogueira e Lucas.
Pola súa parte, David Rey, Cabrejo, Julián e Martín atoparanse co equipo que nalgún momento das súas carreiras defenderon. De feito, tres deles, todos menos o extremo, chegaron este verán procedentes do equipo ordense.
Polo bo camiño.
Despois de dúas xeiras negativas, os dous equipos parecen haber atopado o bo camiño. O Compos puntuou despois de dúas derrotas en A Lomba nun partido sen goles nin moito fútbol. Pola súa parte, o Ordes suma 5 dos últimos 12 puntos posibles rompendo cunha negativa serie de ata sete xornadas sen puntuar.
En San Lázaro comprobarase se finalmente os dous entraron nunha boa dinámica de resultados ofrecendo un bo encontro ou ben se só foi cousa de sorte.
Invictos en Liga.
O Compos e o Ordes enfrontáronse en catro ocasións na Terceira división. Ningún deses catro encontros rematou con vitoria para os visitantes, que o máis positivo que conseguiron foi un empate sen goles no 2012. Nos outros tres partidos, tres vitorias claras onde os nosos conseguiron oito goles a favor e só un en contra, no primeiro encontro alá polo ano 1967.
Sen embargo, hai un precedente máis recente. Un partido de Copa RFEF onde os nosos non foron quen de bater a un Ordes que se defendeu e aproveitou os dez últimos minutos para darlle a volta ao partido e pasar de rolda na competición, que non gustou nin ao equipo da capital nin á afección.
Uns dos mellores ante o peor.
Se por algo chama a atención o Compos esta tempada é pola súa seguridade coma local. O equipo de Yago Iglesias gañou 5 de 6 encontros sendo o terceiro mellor equipo na casa no que vai de curso. Só unha derrota, inmerecida, ante o Barco na última xornada en San Lázaro impide que a Esedé siga invicta.
Por contra, o Ordes é o peor equipo lonxe da súa casa. O colista só conseguíu un punto fóra de Santa Isabel no único partido sen goles do equipo verde no que vai de tempada. A iso hai que sumar que a domicilio só conseguiron anotar dous goles no que vai de tempada, en Cerceda e As Pontes.
Cae Tomás.
Yago Iglesias non poderá contar este domingo con Tomás. O xogador vigués viu o quinto cartón amarelo a pasada fin de semana en Vilagarcía e non poderá estar por sanción, tendo en Recoba o seu novo substituto. Por outra parte, recupera a David Rey despois dunha xornada lonxe dos terreos de xogo pola mesma razón. Ademais, Samu segue de baixa por lesión mentres que Cabrejo, anque xa adestrou co resto dos seus compañeiros, será dúbida ata última hora. Pola súa parte, Recoba segue agardando polo tránsfer para poder estrearse co seu novo equipo.
Horario habitual.
O partido será este domingo ás 17 horas en San Lázaro. Para os non socios que vaian ao teatro dos soños branquiazul terá as entradas a 10 euros por persoa, 5 euros para rapaces entre 17 e 14 anos e de balde para menores de 14. Quen non poida ir poderá seguir o encontro en directo polas redes sociais da Curva Branquiazul, Twitter e Facebook, e polo perfil oficial do clube en Twitter.
Ningún comentario:
Publicar un comentario