O Compos conseguíu en San Pedro un punto de ouro. Un mal partido da Esedé ante un bo Vilalonga onde semella que o equipo comezou a mellorar cun home menos, trala expulsión de Cardeñosa. E de novo houbo emoción ata o final e conseguíuse case o que se perdeu en Bembibre. A todo isto hai que engadir a inmellorable estrea de Recoba, que tivo media hora.
David Rey, Cabrejo, Tomás e Mitogo volveron ao once mentres que Mon adiantou a súa posición deixando o lateral polo centro do campo, posto onde parece estar máis cómodo. A eles hai que engadir a estrea de Recoba, autor do gol branquiazul, e a volta de Ander á convocatoria, ante a ausencia de Taboada por sanción.
A peor forma de comezar.
Ante o Ordes, o Compos comezou recibindo dúas ocasións sobre a porta de Lucas moi importantes, anque sen máis castigo. Nesta ocasión, o Vilalonga non perdoou. Iker adiantou aos seus cando non se cumprira aínda o primeiro minuto de xogo aproveitando un erro importante da defensa branquiazul. Un bo gol do xogador celeste ante o que o equipo puido facer moito máis.
O propio Iker, mellor dos seus no primeiro tempo, tivo tamén dúas ocasións máis sobre o cuarto de hora de xogo atopándose en ambas coa madeira, gran axudante que evitou que o Vilalonga puidera ampliar diferenzas.
Nada saíu ben.
O xogo do Compos pasa por ter a pelota e facer un fútbol de toque. Sabedores diso, o Vilalonga fíxose coa pelota e, aproveitando a defensa de cinco homes, buscou a portería de Lucas do xeito máis directo posible. Buscárono á contra e con balóns en longo gañando en velocidade.
A todo iso hai que engadir o mal momento polo que parece estar a pasar o Compos. As cousas non saen ben nas últimas xornadas, non esquezamos que van xa cinco partidos sen coñecer a vitoria, e en San Pedro nin sequera chegaban as ocasións, habendo só unha na primeira metade de Mitogo sobre a porta de Iván Parada. Un disparo que nin foi entre os tres paus.
Máis pero non mellor.
Na segunda metade, o guión foi o mesmo. O Compos, co paso dos minutos, foi aumentando as ocasións sobre a portería de Iván Parada pero sen sorte nin puntería. A iso hai que engadir que o Vilalonga non foi quen de aproveitar as contras tendo opcións moi claras para aumentar as diferenzas e confirmar a vitoria.
A todo iso hai que sumar a expulsión de Cardeñosa por dobre cartón amarelo cando aínda restaba case media hora para o final do encontro. Aínda así, como xa ocorreu nalgún encontro, o equipo non baixou os brazos con dez homes sobre o terreo de xogo.
'Recobazo'.
Recoba chegou hai algo máis dunha semana ao Compos para axudar en todo o preciso e voltar ao seu mellor nivel despois dunha lesión. Non puido xogar ante o Ordes por ausencia do tránsfer, estreou a súa conta cun gol ante a selección galega sub-18 o pasado mércores e confirmou que é un xogador doutra categoría no seu debut na Terceira.
O Vilalonga estivo a piques de sentenzar o xogo xa no tempo engadido perdoando unha ocasión moi clara. Quen non perdoou foi Recoba segundos máis tarde anotando un golazo. Centro de Cabrejo e volea do uruguaio para dar vida a un equipo que está a pasar por un momento crítico.
Agora, despois de sumar o terceiro punto dos quince últimos, o equipo xa pensa no partido ante o líder do vindeiro domingo. San Lázaro abrirá as súas portas ás 12 da mañá para acoller un gran Compos-Rápido de Bouzas.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro (Ander, min. 75), David Rey, Cardeñosa, Cabrejo; Mon, Make (Recoba, min. 62); Julián, Tomás, Mitogo (Martín, min. 81); e Nogueira.
CARTÓNS: Amarelos para Saro e Tomás. Expulsado Cardeñosa por dobre amonestación.
GOLES: 1-0 1' Iker, 1-1 95' Recoba.
CAMPO: San Pedro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario