A facer bos os tres empates

O Compos leva máis dun mes sen coñecer o sabor da vitoria. Cinco fins de semana exactamente separan a última ocasión na que os nosos levaron os tres puntos e ésta, onde toca recibir ao líder da categoría: o Rápido de Bouzas. Un novo encontro entre históricos do fútbol galego con algo máis de tres puntos en xogo. Ademais, será a segunda ocasión na que un líder da categoría visite San Lázaro nesta campaña. 

Intratables.
O Rápido de Bouzas é o líder da categoría por enriba do Racing Vilalbés, que chegou invicto a Santiago e dende aquela derrota comezou a caer lonxe da súa casa cedendo a súa diferenza de puntos e perdendo incluso o primeiro posto. Pois ben, agora o equipo vigués sitúase un punto por enriba dos lugueses e seis puntos o separan do terceiro clasificado. A iso hai que engadir os dez puntos de diferenza entre o Rápido e a Esedé.
Con 30 de 42 puntos posibles, contan só por vitorias tódolos seus partidos no Baltasar Pujales. Por contra, non parece un equipo tan forte cando sae de terras viguesas conseguindo só 9 de 21 puntos posibles. A iso hai que engadir que é o equipo que menos goles recibe de todo o grupo (7) recibindo só un na casa. 
Actualmente pasa por unha xeira incrible. Suman trece dos últimos quince puntos posibles e así confírmase coma un dos favoritos para conseguir o que sería o seu primeiro ascenso á Segunda división B, así coma conseguir un novo campionato de Terceira división. 
A nivel individual, hai que destacar xa non só ao seu adestrador, o ex do Celta Patxi Salinas, senón que ademais contan nas súas filas con homes coma Pablo Carnero, ex do Pontevedra a pasada campaña e un dos máximos goleadores da categoría, e o ex branquiazul Jesús Varela entre unha gran plantilla. 

Os líderes caen.
Polo momento, pasou por San Lázaro un líder do grupo. O Racing Vilalbés estaba a pasar por un gran momento de forma, sen coñecer a derrota, e non puido cun Compos superior, inmerso nunha xeira importante de resultados na casa, e con David Nogueira coma autor do único gol do encontro. 
Sen ir moito máis atrás, a pasada tempada, rematou case cun gran encontro da Esedé en Ferrol, ante o que naquel momento era o líder da categoría de bronce e un dos grandes favoritos para conseguir o ascenso á Segunda división. De novo un incrible partido dos nosos, e un gol de Bicho, foron suficientes para sumar tres puntos que non servirían para evitar o descenso de categoría. 

Dous momentos moi diferentes.
Se temos en conta os cinco últimos encontros de cada un dos equipos, as cousas son moi diferentes. Dos quince últimos puntos en xogo, o Compos só conseguíu asinar tres, con tres empates, mentres que o Rápido de Bouzas só se deixou dous puntos no empate sen goles en As Pontes. 
Trala vitoria ante o Bergantiños en San Lázaro, a derradeira, o equipo non foi quen de volver a gañar. Derrota amosando un horrible nivel en A Grela, insuficiente melloría ante o Barco, dous partidos sen fútbol nin goles ante Arousa e Ordes e un empate no tempo engadido ante o Vilalonga. Seis goles encaixados e catro anotados en 450 minutos de xogo. 
Pola súa parte, o Rápido de Bouzas non coñece a derrota dende a visita a Ribadumia. Catro vitorias e un empate, sete goles ao seu favor e ningún en contra avalan a un equipo moi forte, cunha defensa envexable e fortes en ataque. 

Que bo que viñeches! 
Os dous equipos sacaron resultados positivos a pasada xornada. O Compos sumou un empate 'in extremis' ante o Vilalonga, fóra de Santiago, mentres que o Rápido de Bouzas superou ao Dubra na segunda metade.
Da pasada fin de semana hai que destacar a estrea de Recoba coa camisola da Esedé. O uruguaio asinou o gol do empate despois dun mal partido do equipo. Un golazo a pase de Cabrejo amosando os dous estar un paso por enriba da categoría onde xogan. Un gran tanto do centrocampista para conseguir o terceiro empate consecutivo dos nosos e volver a Santiago cunha boa recompensa. 
Pola súa parte, o Rápido de Bouzas tivo que agardar ata o segundo tempo para superar ao Dubra. Os goles de Pablo Carnero e Youssef, os dous máximos goleadores do equipo, foron suficientes para superar a un sempre complicado equipo. 

Historia branquiazul. 
O Rápido de Bouzas visitou Santiago en cinco ocasións. Só nunha desas cinco visitas conseguiron facerse cos tres puntos, de feito só houbo un empate entre ambos no 65 en Bouzas. Os outros catro encontros remataron con vitoria branquiazul entre as que destaca un 5-0 alá polo ano 1967. 
As dúas visitas máis actuais, xa a San Lázaro, remataron con vitoria para os nosos. En 2009 a vitoria chegou pola mínima grazas a un gol de Rubén. Un triunfo que significou ademais a confirmación do noso equipo coma o campión do grupo nunha tempada onde ascendería en Monzón. Pola súa parte, en 2013 os autores dos goles foron Yahvé, Joselu e Gonzalo, tres xogadores que actualmente militan na Segunda B, nun partido que rematou 3-1.

Volta á vitoria na casa.
O Compos comezou a tempada na casa dun gran xeito. Cinco encontros e cinco vitorias consecutivas ante rivais importantes como son Racing Vilalbés, Alondras ou Bergantiños entre outros. Sen embargo, nas dúas últimas citas en San Lázaro non foron tan ben as cousas. O Barco conseguíu sorprender poñéndose 0-2, resultado que empataría a Esedé, e logo anotando un terceiro e definitivo para conseguir a que foi a única vitoria visitante da tempada. Pola súa parte, o Ordes chegaba de gañar o seu primeiro partido na tempada e foi quen de sumar un punto máis en Santiago, nun partido onde os ordenses puideron saír cos tres puntos. 
O Rápido, por contra, non é un equipo forte lonxe da súa casa. Só conseguiron dúas vitorias, en Cerceda e Cangas, e outros tres empates sumando 9 de 21 puntos posibles. caendo en Vilalba e Ribadumia. Ademais, non se trata dun equipo capaz de facer moito gol lonxe da súa afección (6 ata o de agora) pero mantendo unha gran seguridade defensiva (encaixaron 6 goles tamén fóra da casa recibindo só 1 como local).

Cardeñosa volve ser baixa.
Cardeñosa non puido comezar a tempada peor do que o fixo. Estreouse ante o Depor B en Abegondo mais tivo que ser substituído no descanso por lesión. Pasou mes e medio lonxe dos terreos de xogo para ter algúns minutos ante o Racing Vilalbés e recuperar o seu posto no once titular nas tres últimas xornadas. Sen embargo, en Vilalonga viu un cartón vermello que lle impide estar ante o equipo vigués sumándose ás baixas coñecidas de Samu e Santi. Por contra, Yago Iglesias recupera a Taboada para o centro da defensa despois dunha fin de semana sancionado. A todo iso hai que engadir as baixas por decisión do adestrador para conformar unha convocatoria de 16 homes. 

Meigas fóra de San Lázaro.
O partido será este domingo ás 12 horas. Un horario que o Compos xa coñece ben despois de xogar en Abegondo e Castro. Un horario que non trae bos recordos despois de sumar dúas derrotas de dous encontros facendo un mal xogo en ámbalas dúas saídas. Nesta ocasión agardemos que as meigas queden fóra do campo e se poida ver a primeira vitoria branquiazul pola mañá no que vai de tempada.
Para quen non poida achegarse ao teatro dos soños de San Lázaro, o encontro será televisado en directo pola TVG2 e ademais poderá seguirse en directo polas redes sociais da Curva Branquiazul, Twitter e Facebook, así coma no perfil oficial do clube en Twitter ou ben escoitalo a través da 'Esedé Radio', na web oficial do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario