Despois de catro xornadas sen coñocer a vitoria. Despois de dúas fins de semana sen anotar ningún gol. Despois de seis partidos lonxe da casa sen gañar. É a hora. Chega o momento de mellorar o mal momento polo que está a pasar a Esedé logo dun mes sen sumar os tres puntos, dende a vitoria ante o Bergantiños en San Lázaro.
Nesta ocasión, o domingo, visitamos a un Vilalonga un tanto irregular cando xoga de local. Un rival nada doado, nun partido que apunta a ter poucos goles en ambas porterías xa que son un dos equipos que menos goles encaixan na súa casa pero tamén se trata dun dos que menos goles anota. Por contra, ata 8 puntos saíron de San Pedro no que vai de tempada.
Menos na casa.
O Vilalonga leva un partido menos xogado na casa e, ademais, un punto menos. 8 dos 17 que conseguiron nos primeiros 13 encontros de liga. A iso hai que engadir que suman menos goles a favor ante a súa afección e tamén reciben menos en San Pedro que a domicilio. Todo iso é grazas ás 5 vitorias e 2 empates, ambos na casa, ademais de 6 derrotas. 17 goles a favor e 18 en contra. Así chegaron ao 14º posto.
En seis partidos na casa, os seus números son case iguais. Dúas vitorias, dous empates e dúas derrotas. Seis goles a favor e sete en contra. Un equipo que non anotou ningún tanto nas dúas primeiras datas ante a súa afección mentres que nos catro seguintes fixo os seus seis marcando en todos polo menos un.
A nivel individual, destacan xogadores coma Javi Pazos. O dianteiro é un fixo no once titular e conta cun gran futuro no fútbol galego. Aos seus 23 anos xoga a súa segunda tempada no Vilalonga e nas trece primeiras xornadas confirmouse coma o máximo goleador do seu equipo con 5 tantos, entrando no 'top 10' de anotadores no que vai de campaña.
Na busca dos tres puntos.
Compos e Vilalonga queren voltar ao camiño da vitoria para achegarse primeiro ao obxectivo principal, a permanencia nos dous casos, e ao soño da promoción de ascenso. Para iso deben rachar as xeiras negativas polas que están a pasar ámbolos dous equipos.
O equipo da capital suma ata catro xornadas dende a súa derradeira vitoria no que vai de tempada. Ante o Bergantiños chegou o mellor resultado dos nosos, onde amosaron máis gol no normal. Ese 4-2 en San Lázaro foi a última vez onde algún gol do Compos servíu para sumar puntos xa que no último mes sumáronse tres goles nas dúas derrotas ante Silva e Barco. Nos dous últimos encontros, o equipo non foi quen de marcar pero tampouco de encaixar sumando dous puntos grazas a dous empates sen goles.
Pola súa parte, o Vilalonga sumaba tres xornadas sen coñecer a derrota. Tres vitorias consecutivas que remataron cun cun empate na casa ante o As Pontes. A iso hai que engadir unha derrota ante o Dubra. Dez dos últimos quince puntos posibles para saír dos postos de perigo e poñerse a catro da promoción de ascenso.
En canto á pasada xornada, como xa sabemos, o Compos non puido pasar do empate sen goles ante un bo Ordes. Mentres, o Vilalonga, perdeu en Bembibre despois de quince minutos de infarto onde se adiantaron os locais, conseguíu empatar Rubén Cerqueiras e volveu a poñer por diante ao Dubra Díaz conseguindo a vitoria definitiva.
A historia, do noso lado.
Vilalonga e Compos víronse as caras ata en catro ocasións no San Pedro. Os resultados desas catro citas non poden ser mellores nin máis positivos. Dous empates e dúas vitorias. Oito goles do equipo da capital ante catro dos locais. Unhas estadísticas a ter en conta e que poderían mellorar este domingo.
No 89 chegou o primeiro empate a un gol. Na seguinte tempada, no concello sanxenxino, o resultado foi de 0-3, o mellor ata o momento. Xa no 2009, ano onde o Compos ascendería en Monzón, a vitoria estivo moito máis disputada rematando 1-2. E no 2013, con posterior ascenso en Cieza, Machu e Tachi asinaron o empate a un gol.
Boas novas.
Cabrejo, recuperado da súa lesión, e Tomás, despois da sanción, volven estar dispoñiibles se Yago Iglesias os precisa. Ademais, Recoba podería estrearse en partido oficial despois de xogar, e marcar, no amigable do pasado mércores ante a Selección Galega sub-18. Por contra, o capítulo de baixas aumenta coas lesións de Samu, aínda sen ver o final do túnel, e a de Santi, que pasará un mes de baixa por unha escordadura de nocello de grao II. A eses dous hai que engadir a ausencia de Santi Taboada por acumulación de cartóns. Ademais, o adestrador deixa fóra da convocatoria a Diego Rey, Juan Rey, Alberto e Ube.
Mal tempo.
Domingo ás 16:30 horas en San Pedro, Vilalonga. Un bo horario pero nun día onde se agarda un temporal en toda Galiza que non debería emporcar a festa do fútbol galego. Para quen queira achegarse a Sanxenxo, as entradas estarán a un prezo de 10 euros e de balde para menores de 18 anos.
Para quen non poida achegarse ao encontro, coma tódalas fins de semana, poderá seguirse polas redes sociais da Curva Branquiazul, Twitter e Facebook, e no perfil oficial de Twitter do clube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario