O Compos suma a súa cuarta xornada consecutiva sen coñecer a vitoria logo de empatar sen goles ante o Ordes, que xa acumula dúas fins de semana puntuando. Un moi mal partido dos nosos ante o último da clasificación, con erros claros en ataque pero mostrando unha mellora en defensa coa parella de centrais formada por Cardeñosa e Taboada. Sen embargo, a mala nova do encontro foi a lesión de Santi, que deixou ao equipo cun home menos no terreo de xogo durante media hora despois de que Yago Iglesias esgotase os trocos.
Dúas metades moi diferentes nun partido onde a Esedé non foi quen de tomar o mando. O Ordes, que chegaba despois de sumar a súa primeira vitoria do curso, ben puido conseguir a segunda despois de poñer contra as cordas aos locais aproveitando a velocidade e as contras. Por sorte, tanto a parella de centrais coma Lucas tiveron unha boa tarde para frear as acometidas verdes.
Plantexamento claro.
O Ordes saíu ao terreo de xogo cun claro plantexamento. Os de verde, case conformes co empate, agardaron preto da súa portería e buscaron a portería de Lucas a base de rápidas contras. A idea, levada a cabo dende o primeiro minuto de xogo, foi moi efectiva durante os primeiros corenta e cinco minutos. Así foi ata o punto de que no primeiro minuto de xogo puido chegar o primeiro gol visitante.
Por sorte, ante as acometidas ordenses apareceu de novo a mellor versión de Lucas, que mantivo a súa porta a cero por segunda xornada consecutiva. Ao porteiro titular hai que sumar tamén o bo traballo da defensa, un muro nada doado de superar.
Mon, o dono da banda.
Mon está a cubrir a baixa de Cabrejo e, guste máis ou menos nas súas labores en defensa, non se pode negar que o santiagués é unha peza moi importante en ataque. E ante o Ordes non foi menos. No primeiro tempo fíxose dono da banda esquerda subindo sempre que foi posible e tentando asistir aos seus compañeiros, sen sorte nin puntería de cara a gol.
Faltou a forza.
David Nogueira semellaba ser o encargado do gol. Sen embargo, ao dianteiro compostelán faltoulle forza nos seus remates perdoando as mellores ocasións ante o gardamallas. O ex do Estudiantil foi o autor das mellores ocasións da primeira metade entrando entre o muro formado por defensas ordenses, un autobús diante da portería de Jesús Villar.
Mellor na segunda metade.
O equipo branquiazul saíu mellor ao segundo tempo con Mitogo e Santi. O perigo non tardou en chegar á porta visitante grazas a un fútbol combinativo pero tampouco puido pasar de aí. A barreira defensiva non amosou ningún oco polo que meterse e o equipo non parecía ter ideas suficientes para conseguilo.
Aínda así, o peor estaba por chegar. Logo de menos de vinte minutos sobre o terreo de xogo, Santi tivo que deixar o campo, pouco despois de que Yago realizase o terceiro troco. O dianteiro asturiano mancouse, as primeiras probas sinalan unha escordadura de nocello, e deixou ao seu equipo con dez.
Nin con dez.
Nin sequera cun home menos puido chegar o gol. Anque o equipo non baixou os brazos, Nogueira e Martín tiveron nas súas botas as mellores ocasións dos quince últimos minutos, a pelota non quixo entrar. Tamén é certo que nesta segunda metade tampouco houbo novas sobre o ataque do Ordes, pechado no último cuarto do seu campo con tódolos xogadores entre os homes de Yago Iglesias e a portería esgotando calquera oportunidade dos nosos de poñerse por diante.
Catro partidos sen gañar.
Despois daquela vitoria importante ante o Bergantiños en San Lázaro, o Compos non volveu gañar. Dous empates e dúas derrotas dende aquel 16 de outubro ao que engadir que os dous empates foron sen goles. Agora, xa pensando de novo en rachar esta mala xeira de resultados, o equipo xa pensa no partido da vindeira fin de semana ante o Vilalonga.
En canto á clasificación, o equipo remata a xornada décimo a dous puntos da promoción de ascenso amosando o axutada que está a competición.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Taboada, Mon; Make, Diego Rey (Santi, min. 46), Alberto (Mitogo, min. 46); Nogueira, Rubén (Martín, min. 56) e Julián.
CARTÓNS: Amarelos para Taboada e Cardeñosa.
GOLES: 0-0.
CAMPO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario