Encontro nas alturas

O Compos visitará este domingo Vilagarcía de Arousa coa única intención de mellorar os resultados das pasadas xornadas. Despois de dúas derrotas, a última de xeito inmerecido, o equipo buscará a primeira vitoria lonxe de San Lázaro nun campo complicado ou, como mínimo, un punto na casa do actual cuarto clasificado. O Arousa, por contra, chega nun bo momento e coa única intención de manterse invicto na casa, onde só cederon tres empates.
Cítanse en A Lomba un dos cinco equipos que aínda descoñece a derrota como local, sendo ademais o equipo que menos partidos perdeu no que vai de tempada, e o cuarto equipo que menos puntos suma lonxe da súa casa. Ademais,

Un fixo na zona alta.
O Arousa apunta a ser un dos catro equipos que, finalizada a fase regular da competición, loite para conseguir un novo ascenso á categoría de bronce, onde xogaron por última vez na tempada 93/94. O conxunto arlequinado está a facer un gran comezo de curso confirmándose coma un rival a bater, anque de momento só sexa terceiro na táboa a tres puntos dos dous primeiros. Tanto é así que só o Castro foi quen de gañarlles nas once primeiras xornadas.
O equipo vilagarcián buscará en A Lomba manterse invicto. No seu campo aínda descoñecen a derrota mais só suman 9 de 15 puntos posibles con dúas vitorias e tres empates. De feito, un dato curioso, é que os tres empates conseguíronos nos tres primeiros encontros na casa mentres que polo de agora suman dúas vitorias consecutivas ante As Pontes e Alondras, sempre pola mínima. A todo iso hai que engadir que os de Jorge Otero foron campións autónomos na Copa RFEF e que loitarán para seguir vivos na competición no vindeiro mes de decembro ante a Ponferradina, actualmente equipo da Segunda división B.
En canto a goles, o Arousa non é un equipo con facilidade para anotar, anque si saben defender. É o equipo con menos gol da parte de promoción de ascenso con 16 tantos ao seu favor mentres que, pola contra, é o cuarto equipo que menos goles recibíu de todo o grupo (12). Un seguro defensivo que leva o nome de Sergio Lloves, ex porteiro do Pontevedra. Por contra, o porteiro tamén é o xogador do seu equipo con máis cartóns amarelos, a un de cumprir ciclo por acumulación.

A Lomba, campo histórico.
O equipo vilagarcián xoga como local os seus partidos en A Lomba dende 1946. Alí xogou o Compos ata en 14 ocasións dende novembro de 1963 ata 2009 entre a Segunda B, onde os arlequinados xogaron 7 tempadas, e a Terceira, á que volveron fai catro anos despois de outros catro na Preferente sur.
As visitas dos nosos a Vilagarcía remataron case sempre con resultados moi positivos. De feito, nos 42 puntos que houbo en xogo en total, o Compos conseguíu 27. Oito vitorias, tres empates e outras tres derrotas amosan o bo facer da Esedé naquel histórico campo do fútbol galego. Entre elas, hai que destacar a derradeira ocasión na que se viron as caras rematando o encontro cun resultado de 2-5 con goles de Vladimir, Mariño, Kinho por partida dobre e Rubén. Ademais, naquela tempada o Compos acadaría o ascenso á Segunda B tras quedar de primeiro na liga e bater ao Atlético Monzón na promoción.
A todo o anterior hai que engadir un novo dato positivo. Nas súas visitas a Vilagarcía, a Esedé anotou o dobre de goles que o seu rival (24) grazas a resultados coma o 2-5 ou dous 0-3 nos anos 60.

Xeiras moi diferentes.
O Compos non está a pasar polo seu mellor momento. Dúas derrotas consecutivas alonxan ao equipo da capital dos postos de promoción de ascenso, agora mesmo a só 3 puntos pero con tres equipos no medio. Un mal momento do noso equipo que chega xunto co mellor momento en canto a xogo, ou polo menos iso foi o que se viu ante o Barco con remontada incluída.
Pola súa parte, o Arousa leva dúas xornadas sen perder. De feito, parece que ao equipo non lle afectou demasiado a única derrota que suman ata o momento conseguindo 4 dos últimos 6 puntos posibles. En canto aos partidos na casa, 9 de 15 puntos posibles.

Un non sabe gañar fóra e o outro non sabe perder na casa.
O Arousa puntuou en tódolos seus partidos coma local no que vai de tempada. De feito, non perden en A Lomba dende a visita do Boiro en abril conseguindo tres vitorias e cinco empates ata o de agora, dúas e tres respectivamente no que vai de curso. Nesta campaña, os seus números son 8 goles ao seu favor e 6 en contra.
Por contra, o Compos non gaña lonxe de San Lázaro dende maio, ante a Arandina no partido que pechou o camiño dos nosos pola Segunda B. Dende agosto, só conseguiron dous empates en cinco partidos. Os datos son máis preocupantes se miramos por exemplo o resultado de Abegondo (5-1) ou a facilidade para deixarse empatar ou remontar, como se puido ver na Illa de Arousa, en Castro ou Dubra, poñéndose o equipo de Yago Iglesias por diante e rematando cun empate ou perdendo, coma no caso en A Coruña na última saída.

Diferentes chegadas.
A Esedé non pode dicir que chegue a este partido nun bo momento, polo menos en canto a resultados. Ante o Barco amosou un bo fútbol de toque e con ocasións de sobra para sumar os tres puntos. A sorte non estivo do lado dos homes de Yago Iglesias e non se puido sumar ningún punto despois de remontar un 0-2 en contra. En canto á última saída fóra de Santiago, as cousas non son moito mellores. O Silva pasou por enriba dos nosos poñéndose 2-0 no marcador en con opcións de aumentar a diferenza. Finalmente, un gol de David Rey servíu para maquillar o resultado final (2-1).
O Arousa parece chegar nun estado moito mellor. Ante o Dubra, en Bembibre, non puideron pasar do empate aínda poñéndose por diante grazas a un gol de Marcos Munín en propia porta. Mellor resultado colleitaron no seu último partido na casa. Unha vitoria ante o As Pontes, que rematou con nove, grazas aos goles de Rivas, Sidibé e Eloy remontando un 0-2 nos quince últimos minutos do partido.

Día de reencontros.
Na Lomba poderemos asistir a varios reencontros. Agora mesmo, nas filas branquiazuis, hai dous ex do Arousa. Cardeñosa e Rubén volverán ao campo onde xogaron de locais a pasada tempada. O central da Pobra do Caramiñal pasou un ano alí xogando 20 partidos mentres que o dianteiro de Vilagarcía formouse no equipo vilagarciá e comezou en A Lomba a súa carreira semiprofesional xogando dúas tempadas.
Pola súa parte, Roberto Pazos volve a casa. O porteiro de Cambados comezou a súa carreira deportiva no filial da Esedé, alá polo ano 2000. Logo dun ano, pasou a defender a porta do primeiro equipo tres tempadas máis. Despois da súa marcha en 2004 asinou co Lugo, Céltiga, Arousa, Vilalonga, Boiro, Ribadumia, Portonovo e de novo Arousa, onde aínda non se estreou no que vai de tempada.

Lesións e sancións.
Yago Iglesias contará con dúas baixas importantes para o partido en A Lomba. Á xa coñecida de Samu, que se perde un novo partido e do que aínda non coñecemos data de volta, hai que sumar a ausencias de Cabrejo por lesión, por sanción de David Rey e de Ube e Juan Rey por decisión técnica. O central foi expulsado inxustamente ante o Barco con dous cartóns en cuestión de segundos despois dun penalti inexistente. Ademais, Tomás chega apercibido de sanción a un momento importante e non podería estar ante o Ordes de ver un cartón amarelo.
No Arousa, Sergio Lloves será baixa despois de romper un dedo ante o Dubra. O seu posto ocuparao Roberto Pazos, ex da Esedé hai xa máis de dez anos deixando o equipo de San Lázaro en 2004. Polo de agora, cabe destacar que a portería vilagarciá estivo sempre defendida por Lloves e que esta será a primeira xornada que non estea baixo paus.

Segunda visita á Comarca do Salnés.
Tres equipos da Comarca do Salnés xogan este ano na Terceira. Polo de agora recibimos en San Lázaro ao Ribadumia e visitamos ao Céltiga. Esta fin de semana será a terceira na que nos enfrontemos a un equipo desa zona, segunda a domicilio. E non queda máis que recordar que a primeira, na Illa, rematou con empate a dous goles, con remontada do Céltiga incluída.
Nesta ocasión, o partido será o domingo ás 17 horas en A Lomba, en Vilagarcía. As entradas estarán a un prezo de 10 euros para maiores de 16 anos e de balde para menores de 16. Para quen non poida asistir o xeito máis sinxelo de seguir o encontro é o de sempre: no Facebook e no Twitter da Curva Branquiazul ou ben no Facebook oficial do noso clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario