Cando non quere non se pode

O Compos pechou outubro coa súa primeira derrota na casa no que vai de tempada. Sen embargo, non foi cun partido malo nin moito menos. O equipo deu a cara ata o final do encontro, conseguíu remontar un 0-2 en moi pouco tempo e puido gañar de ter máis sorte. Pero ás veces as cousas non saen como deben e entre o pau e o porteiro rival evitaron que os tres puntos quedasen na casa. Ademais, o colexiado tamén puxo da súa parte agasallando ao Barco cun penalti inexistente e expulsando a David Rey amosándolle dous cartóns amarelos en segundos, o segundo por protestar a acción máis que dubidosa.
Se hai algo que dicir sobre o noso equipo é que durante os noventa minutos deron a cara. Xogaron do mellor xeito e gozaron de boas ocasións. A parte diso, dous goles máis que non serviron para puntuar ante un Barco que soubo defender con todo. 

Efectividade total.
O Barco saíu ao terreo de xogo amosando unha efectividade moi elevada. O equipo ourensán saltou ao terreo de xogo sabendo que ninguén gañara antes en San Lázaro no que vai de tempada. Ante iso, decidiron non arriscar o máis mínimo nas xogadas de ataque. E así é que non precisaron máis de minuto e medio para poñerse por diante no marcador. 
Antes de comezar o encontro, había un nome nas filas do Barco que chamaba máis a atención. Ivi Vales, ex xogador do Atlético Astorga en Segunda B, asinou esta tempada para ser unha peza importante no equipo valdeorrés. E foi el mesmo o encargado de inaugurar o marcador cun golazo dende fóra da área directo á escadra da portería de Cedrón, que non puido facer máis para evitalo. Por diante o equipo visitante aos dous minutos de xogo. 

Reacción sen recompensa. 
Tralo gol, o Compos reaccionou e foi moi superior ata o final dos corenta e cinco minutos. O equipo comezou a combinar, a facer ese fútbol que namora en San Lázaro e a crear numerosas ocasións de perigo ante un equipo que se pechou atrás agardando para poder saír ao contraataque. 
O equipo gozou de numerosas ocasións para igualar o resultado pero tanto Vicente coma o pau evitaron un empate máis que merecido. E é que a Esedé tivo ata seis ocasións de moito perigo no primeiro tempo coas que puideron trocar o rumbo do mesmo.

Excesivo premio.
O Barco limitouse a dúas cousas: defender con todo e buscar a porta de Cedrón con balóns en longo ás costas da defensa. As dúas opcións foron moi positivas para os visitantes xa que así conseguiron manterse con vida ata asinar o segundo gol e case sentenzar a vitoria. 
Defendéronse ben das acometidas, constantes, do Compos e coa axuda do colexiado conseguiron poñer terra de por medio. Ivi Vales chegou por enésima vez á área branquiazul aproveitando a súa velocidade e, na loita con David Rey, deixouse caer. O árbitro picou e sinalou penalti cando realmente debería ensinar cartón amarelo ao dianteiro castelán por simular. Dende os once metros non perdoou Rubén García.
Pero por se o penalti non foi suficiente, o colexiado non dubidou en expulsar a David Rey. Primeiro sacou un cartón amarelo pola acción do penalti e ante as protestas do central amosoulle o segundo. En poucos segundos non só axudou directamente aos visitantes co penalti, riguroso por non dicir inexistente, senón que ademais deixou aos nosos cun menos.

Cinco minutos de ensoño. 
Durante toda a primeira metade e media hora da segunda, o Compos insistíu na busca do gol. Numerosas chegadas quedaron na beira do gol, algunha ocasión saíndo da portería despois de petar no longueiro ou botar na mesma liña de gol. Esas ocasións aumentaron máis a intensidade en ataque dun equipo posiblemente sen todo o gol desexado, por exemplo hoxe Santi non estivo nada acertado, e obrigaron a poñer un pouco máis sobre o campo.
Sen embargo, na segunda metade os trocos foron moi importantes. A entrada de Nogueira ao terreo de xogo axudou na mellora ofensiva ata o punto de que o santiagués foi o autor do primeiro tanto no camiño da remontada. Un gol despois dunha xogada a balón parado con asistencia de Tomás incluída e ante o que o Barco non soubo reaccionar.
O bo xogo branquiazul non cesou e só dous minutos despois foi Mon o que puido poñer as táboas no marcador cunha nova falta directa dende a frontal que petou na madeira. Por sorte, a seguinte xogada si rematou en gol de Mitogo cun disparo dende unha posición parecida á da acción anterior. Un golazo para empatar, para manter as esperanzas na remontada e demostrar que este equipo sabe facer as cousas moi ben.

Letais á contra. 
Pensando nun terceiro gol, o Compos limitouse a atacar e deixar a un ou dous xogadores por detrás da liña do medio do campo. Por desgraza, así chegou o gol da vitoria ourensá. David Álvarez tirou de velocidade e cun balón ás costas da defensa branquiazul plantouse ante Cedrón cun disparo moi axustado ao pau, onde non puido chegar o porteiro lugués. 
Xa coa vitoria no peto, o Barco puido ampliar a diferenza de novo á contra. Por sorte, entre a defensa e Cedrón evitaron que a diferenza fora maior. 

ALIÑACIÓN: Manu Cedrón; Saro, Diego Rey, Taboada, Cabrejo (Mon, min. 46); Make, Diego Rey (Martín, min. 58), Julián; Santi (Nogueira, min. 63), Tomás e Mitogo. 
CARTÓNS: Expulsado David Rey por dobre cartón amarelo.
GOLES: 0-1 1' Ivi Vales, 0-2 65' Rubén García, 1-2 75' Nogueira, 2-2 79' Mitogo, 2-3 86' David Álvarez.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario