Sábado á tarde. A Coruña. Obxectivo: sumar o quinto partido consecutivo sen perder. Esta fin de semana, o Compos pode encadear cinco partidos seguidos sen coñecer a derrota. Será na visita á Sociedade Deportiva Silva en A Grela coa primeira vitoria lonxe de San Lázaro en xogo. Ademais, será a primeira xornada que o noso equipo defenderá o seu posto de promoción de ascenso.
Terceiro contra décimo segundo. Un partido con algo máis ca tres puntos en xogo. O equipo coruñés buscará os tres puntos para fuxir dos postos baixos da táboa, actualmente a catro puntos, mentres que a vitoria branquiazul, ademais dunha importante mellora na moral da familia branquiazul, podería supoñer o ascenso do noso equipo ao primeiro posto, algo anedótico na xornada 10, se ademais se cumpren outros resultados positivos para os nosos na parte alta.
Resultados moi similares.
Despois de nove partidos, o Silva sumou tres vitorias, tres empates e outras tres derrotas. Ocupan a mesma posición ca puntos sumaron ata o de agora: 12, e non se pode calificar coma un equipo con gol nin que se deixa marcar tampouco. De feito, son o cuarto equipo que menos goles leva ao seu favor e o sexto que menos goles encaixa.
En ataque non é un equipo moi perigoso. É un conxunto que nunca gañou por máis dun gol de diferenza, de feito as súas tres vitorias foron por 1-0, e que non sabe o que é darlle á volta a un partido nesta tempada. Por contra, en defensa parecen demostrar que se reciben un gol xa non saben moi ben que facer. Só conseguiron empatar un partido cando ían por debaixo no marcador, en Abegondo cun gol no tempo engadido. Ademais, ante o Alondras estragaron unha ventaxa de dous goles rematando o partido 3-3 con dous goles do equipo cangués tamén superados os noventa minutos regulamentarios.
Na casa non é un equipo forte nin moito menos. De feito, das tres vitorias colleitadas, só unha foi ante a súa afección. Non foi ata fai dúas semanas cando chegaron os tres puntos na Grela grazas a un gol de Renan Zanelli. Ademais, sumaron o empate ante o Alondras e dúas derrotas ante Barbadás e Ribadumia. A todo isto hai que engadir que encaixan máis goles ante os seus que fóra de A Coruña.
A nivel individual, é un dos equipos que máis expulsados tivo ata o de agora con catro xogadores. Ademais, suman dous máis con ata cinco cartóns amarelos despois de nove xornadas. No tema algo máis positivo, Movilla leva tres goles, todos moi importantes para conseguir un empate e unha vitoria.
Camiños moi diferentes, mesmos obxectivos.
Tanto Compos coma Silva contan co mesmo obxectivo de cara ao final da tempada. Os dous equipos deben rematar a tempada salvando a categoría sen dificultades e, en principio, sen mirar máis arriba. Sen embargo, nestes intres os dous equipos levan camiños moi diferentes. Por parte dos nosos, os encontros na casa supoñen unha gran parte dos puntos conseguidos ata o momento mentres que fóra aínda non se conseguíu gañar ningún partido. No caso do Silva, a efectividade é superior cando saen da Grela.
Cinco puntos separan aos dous equipos despois de nove xornadas. Ademais, oito equipos entre un e outro demostran que o conxunto da capital está un pouco por enriba en canto a nivel ou xogo no que vai de campaña.
Pode chegar.
Ésta será a quinta saída do Compos no que vai de tempada. Nas catro anteriores conseguíronse dous puntos de doce posibles grazas aos empates, ambos por 2-2, na Illa de Arousa e Bembibre. En Abegondo chegou o peor resultado do curso e en Castro Ribeiras do Lea chegou a segunda derrota, e última.
Se ao anterior se suman os resultados do Silva na casa, a primeira vitoria branquiazul pode estar preto. A Esedé, o terceiro equipo con máis gol do grupo, sempre marcou polo menos un gol por partido. Por contra, sempre que o Silva encaixou algún gol empatou ou perdeu. A iso hai que engadir que só gañaron un partido de catro posibles na Grela.
Cinco sen perder.
O Compos quere manter a boa xeira de resultados. Non perde dende a visita a Castro, fai máis dun mes. Dende aquel partido van xa tres vitorias e un empate, Nove goles a favor e cinco en contra. Puntuando ante o Silva chegaría unha xeira importante para seguir no máis alto da táboa.
E, ao igual que a pasada semana, o equipo pode ter un obxectivo importante, anque superior ao agardado de cara a final de tempada. De gañar, e se perde o Racing Vilalbés e non gaña o Rápido de Bouzas, o Compos podería chegar ao partido ante o Barco no primeiro posto da clasificación, algo fóra e moi lonxe do obxectivo principal.
Polo seu lado, o Silva leva unha derrota en cinco partidos. Dúas vitorias e dous empates, ademais da derrota da pasada fin de semana en Bembibre ante o Dubra, forte na súa casa, pechando unha boa xeira que deixa ao equipo coruñés a catro puntos do descenso.
Primeira visita a A Grela.
O Compos e o Silva nunca se viron as caras en liga. Sen embargo, e anque esta sexa a primeira visita dos nosos a A Grela, non será o primeiro enfrontamento entre os dous equipos. No verán de 2012, Compos e Silva xogaron a que foi a primeira e única Supercopa Deputación. Un partido onde houbo que chegar aos penaltis para coñecer ao gañador do campionato despois de que os de Anxo Casalderrey se deixaran empatar un 3-0, con dous goles de Louro e outro de Tachi. Nos penaltis, o Compos non errou ningún sumando unha vitoria máis coa que comezar do mellor xeito o camiño de volta á Segunda B.
Naquel partido, en Ordes, participaron xogadores coma Nogueira ou Martín, actualmente no plantel do primeiro equipo. Tamén xogou Manuel Castiñeiras, xa retirado e ocupando un posto dentro do clube.
O Silva conta con baixas importantes.
Ante o Dubra, ata tres xogadores do Silva viron algún cartón que lles impide estar esta fin de semana ante o Compos. Lorusso viu o quinto cartón amarelo en Bembibre mentres que Marcos viu un cartón vermello directo e tampouco poderá estar sobre o campo para recibir á Esedé.
Por contra, Yago Iglesias deixa en Santiago a xogadores coma Cabrejo, Samu, Diego Rey e Martín por lesión e Ube e Juan Rey por decisión técnica. A maior novidade na lista branquiazul, por outra parte, é a entrada de Ander e Alberto á convocatoria.
Por contra, Yago Iglesias deixa en Santiago a xogadores coma Cabrejo, Samu, Diego Rey e Martín por lesión e Ube e Juan Rey por decisión técnica. A maior novidade na lista branquiazul, por outra parte, é a entrada de Ander e Alberto á convocatoria.
Segunda visita a A Coruña.
Na primeira xornada visitamos A Coruña para enfrontarnos ao Deportivo B. Naquela primeira xornada de liga houbo dous tempos moi diferentes. Na primeira metade, con gol de Mitogo incluido, o equipo xogou moi ben. Na segunda... Pinchi fixo o que quixo e con cinco goles, nin máis nin menos, asinou a maior goleada ao Compos en moito tempo. 5-1 para esquecer.
Nesta ocasión haberá que visitar A Grela, campo de herba artificial, o sábado ás 18:15 horas. O partido poderá seguirse en directo polas redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, e polo perfil oficial de Twitter do noso equipo. Para quen queira asistir ao encontro, a entrada será de balde para tódolos afeccionados dos dous equipos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario